Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2018 Páx. 6510

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2018 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en diversas áreas durante os anos 2018 e 2019, e se procede á súa convocatoria.

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a promoción e ordenación do turismo dentro da Comunidade.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos establece que a Axencia terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia así como o incremento da calidade do sector turístico son considerados elementos primordiais para o crecemento sostido das cotas de competitividade, o que require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade neste sector. As oficinas de información turística pertencentes á Axencia Turismo de Galicia prestan un servizo importante aos turistas e visitantes e contribúen, de xeito significativo, a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Por iso, a Axencia Turismo de Galicia considera conveniente convocar estas bolsas de formación práctica que permiten aos/ás titulados/as acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.

Por outra banda, a área de estudos e investigación, integrada na Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, vén desenvolvendo un traballo esencial no eido da investigación e análise de datos do mercado turístico cuxo resultado contribúe, de maneira esencial, ao aumento da competividade de Galicia como destino turístico. Por este motivo, consideramos fundamental promover unha bolsa de formación nesta materia que permita a titulados/as en diversas materias ampliar experiencia e coñecementos sobre o mercado turístico galego.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de nove (9) bolsas de formación práctica en diversas áreas da Axencia Turismo de Galicia durante os anos 2018 e 2019.

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6.6 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Cuarto. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios.

b) O teléfono 981 54 74 06 ou o enderezo electrónico proxectos.turismo@xunta.gal.

c) Presencialmente: Axencia Turismo de Galicia, Área de Calidade e Proxectos Europeos, estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.es.

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as/os interesadas/os poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de nove bolsas de formación práctica especializada en diversas áreas da Axencia Turismo de Galicia durante os anos 2018 e 2019

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de nove (9) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, en áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia (procedemento TU981A) distribuídas da seguinte maneira:

– Oito (8) bolsas de formación práctica especializada para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas nas oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na oficina de turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), 1 bolsa na oficina de turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), 1 bolsa na oficina de turismo da Coruña, 1 bolsa na oficina de turismo de Pontevedra, 1 bolsa na oficina de turismo de Vigo, 1 bolsa na oficina de turismo de Lugo, 1 bolsa na oficina de turismo de Ourense.

– Unha (1) bolsa de formación práctica especializada na área de estudos e investigación para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística. O lugar de realización das prácticas tuteladas desta bolsa será na sede da área, nas oficinas da Axencia Turismo de Galicia da Barcia (estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela).

Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7.2 das bases reguladoras.

Artigo 2. Duración, financiamento e importe das bolsas

1. O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2018 e 2019 coa seguinte duración:

– Bolsas de formación práctica especializada en oficinas de turismo: duración máxima 5 meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira.

– Bolsa de formación práctica especializada na área de estudos e investigación: duración máxima de (12) doce meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira.

2. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04A2.761A.480.0 e 04A2.761A.484.0 destinadas ao pagamento das retribucións e das cotas da Seguridade Social respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2018 e 2019. A contía máxima será de corenta e nove mil oitocentos euros (49.800,00 €) e tres mil seiscentos dous euros con vinte e catro céntimos (3.602,24 €), respectivamente. Estas cantidades distribuiranse, previsiblemente, do seguinte xeito:

Anualidade 2018:

04A2.761A.480.0: 42.900,00 €.

04A2.761A.484.0: 2.874,32 €.

Anualidade 2019:

04A2.761A.480.0: 6.900,00 €.

04A2.761A.484.0: 727,92 €.

3. A dotación económica das bolsas será como se indica no seguinte cadro:

Área de destino

Nº de bolsas

Dotación euros por bolseiro

Oficina de Turismo da Coruña

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Santiago (praza de Mazarelos)

2

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Santiago (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino)

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Lugo

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Ourense

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Pontevedra

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Vigo

1

4.500,00 €

Área Estudos e Investigación

1

13.800,00 €

4. Aboamento das axudas: o pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa. As devanditas contías estarán suxeitas á retención que legalmente proceda.

– Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviado, con carácter previo, a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria, segundo o modelo do anexo V desta resolución.

b) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo VI desta resolución, de:

– Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

– Non ter solicitada nin concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto ou conceptos para os que solicita a bolsa. No caso de que durante a vixencia da bolsa de formación concedida na Axencia Turismo de Galicia deixase de cumprir a condición anterior por pasar a percibir calquera xénero de compensación económica, obrígase expresamente a poñelo en coñecemento do devandito centro directivo, causando baixa na percepción da bolsa.

– Non ter sido adxudicataria/o da mesma bolsa de formación en edicións anteriores ou ter renunciado á bolsa con posterioridade á súa aceptación.

c) Solicitude de cobramento da bolsa segundo o modelo do anexo VII desta resolución.

d) Datos da conta bancaria:

– Pagamento final: para o aboamento do derradeiro pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo/a titor/a ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas de que a persoa adxudicataria levou a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Memoria realizada polo/a bolseiro/a e visada polo/a titor/a ou responsable de la oficina acerca do labor realizado.

c) Solicitude de cobramento da bolsa segundo o modelo do anexo VII desta resolución.

5. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), as persoas beneficiarias das bolsas quedan exentas da obriga de constituíren garantía.

6. Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira quedará incluída no Réxime Xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

Artigo 3. Obxectivo das bolsas

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das/os bolseiras/os mediante a realización de prácticas formativas en diversas áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o/a titor/a que teñan asignado/a.

Artigo 4. Condicións xerais

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

En ningún caso poderán ser beneficiarias/os desta bolsa aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas durante o seu desenvolvemento.

As/os solicitantes non poderán estar incursas/os en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas adxudicatarias, no momento da súa incorporación á bolsa, non poderán ser perceptoras de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

A concesión e goce da bolsa non suporán vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia Turismo de Galicia.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Nacionalidade: española.

2. Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes das seguintes titulacións, que deberán estar finalizadas nos catro anos naturais inmediatamente anteriores ao remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.

a) Bolsas de formación nas oficinas de información turística: grao en Turismo; mestrado relacionado con turismo. Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas; técnico superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos ou titulación homologada equivalente.

b) Bolsa de formación na área de estudos e investigación: estar en posesión dunha titulación superior (calquera).

3. Idiomas:

a) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.

b) Inglés: no caso das bolsas de formación nas oficinas de información turística, certificado B1 ou superior ou acreditación de nivel equivalente ao B1. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha entrevista persoal para comprobación do nivel de idioma.

Artigo 6. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. A documentación complementaria poderá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar ás persoas interesadas a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente, só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. No caso de que algún dos documentos que presente de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños e límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

1. Solicitude. Anexo IV. Neste anexo inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar incursa/o en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse incursa/o en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos universitarios e certificación académica completa, se for o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

b) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos non universitarios e certifiación académica completa, se for o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

c) Curriculo conforme os anexos VIII ou IX.

As persoas solicitantes das bolsas de formación práctica en oficinas de información turística achegarán CV cubrindo o anexo VIII das bases reguladoras.

As persoas solicitantes da bolsa de formación práctica especializada na área de estudos e investigación achegarán CV cubrindo o anexo IX das bases reguladoras.

En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración.

d) Copia dos documentos acreditativos computables dos méritos alegados.

e) Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas.

f) Copia dos cursos de informática realizados.

g) Copia dos contratos de traballo ou copia do certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.

h) Copia do informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Artigo 8. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante.

b) Título oficial universitario.

c) Título oficial non universitario.

d) Título do Celga 4 expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Se a solicitude non se cubre en todos os seus termos ou non se acompaña a documentación que se menciona neste artigo, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de, que se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de persoal experto externo que será nomeado polo órgano instrutor do procedemento.

2. A comisión de valoración estará composta por tres membros designados polo director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia todos eles con voz e voto:

2.1. Bolsa de formación especializada para a promoción e información turística:

a) Presidente/a: un/unha xefe/a de área da dirección de Competitividade da Axencia.

b) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogal: unha persoa designada entre o persoal da Axencia Turismo de Galicia.

2.2. Bolsa da área de estudos e investigación:

a) Presidente/a: unha persoa designada entre o persoal da área de estudos e investigación.

b) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogais: unha persoa designada entre o persoal da Dirección de Competitividade

3. No informe final que elabore a comisión de valoración figurarán, de xeito individualizado, as persoas solicitantes propostas para obter a bolsa e a puntuación obtida ordenada de maior a menor.

Artigo 10. Avaliación e selección das solicitudes

A comisión fará a avaliación de acordo cos seguintes criterios:

Bolsas de formación nas oficinas de información turística

Formación

Titulación:

– Grao en Turismo ou título homologado equivalente: 2 puntos

– Mestrado relacionado con turismo: 1,5 puntos

– Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas ou equivalente: 1 punto

– Técnico superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos ou equivalente 0,50 puntos

– Habilitación de guía de turismo de Galicia: 1 punto

Cursos

– Por cada curso relacionado co turismo cun mínimo de 30 horas: 0,25 puntos por curso (ata un máximo de 1 punto)

– Por cursos de posgrao relacionados co turismo: 1 punto

Idiomas

Polo dominio oral e escrito dunha lingua estranxeira distinta do inglés, acreditado mediante título oficial:

– Nivel A1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: 0,15 puntos

– Nivel A2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: 0,30 puntos

– Nivel B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: 0,75 puntos

Polo dominio oral e escrito dunha lingua estranxeira, incluído o inglés, acreditado mediante título oficial

– Nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: 1,00 punto

– Nivel C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: 1,50 puntos

– Nivel C2 ou superior do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: 2 puntos

Forma de acreditación: copia do título ou certificado expedido pola institución oficial correspondente.

Experiencia práctica

Ata un máximo de 1 punto

0,25 puntos por cada mes completo de traballo ou prácticas (contabilizado de data a data) relacionadas co turismo en oficinas de turismo, empresas turísticas, asociacións profesionais de turismo, consorcios ou mancomunidades turísticas ou calquera outra empresa vinculada ao sector.

Proba de coñecementos turísticos

Ata un máximo de 3 puntos

A proba versará sobre as materias do anexo II. Esta proba será tipo test e constará dun máximo de 50 preguntas. A comisión de valoración determinará a puntuación mínima necesaria para superala.

Bolsa de formación práctica especializada na área de estudos e investigación

Proba de coñecementos prácticos

Ata un máximo de 4 puntos

A proba terá unha duración de 60 minutos e versará sobre as materias do anexo II. Poderá combinar preguntas de resposta múltiple e preguntas de resposta curta restrinxida, sen dispoñibilidade de ordenador para a súa realización. A comisión de valoración determinará a puntuación mínima necesaria para superala.

Baremo de méritos

Ata un máximo de 4 puntos

Puntuarase, segundo a táboa incluída no anexo III, por cada traballo de fin de grao (TFG), fin de mestrado (TFM), artigo publicado en revista científica, tese doutoral, mes de experiencia laboral ou de prácticas, 20 horas de cursos ou materias superadas, en que conste documentalmente o emprego dalgunha ou varias técnicas incluídas na táboa. Se a referencia non se atopa no título ou no abstract, deberá indicarse o punto do documento en que consta.

A suma das puntuacións está acoutada por filas. Posteriormente, a suma global do baremo acóutase novamente a un máximo de 4 puntos.

Entrevista persoal

Ata un máximo de 2 puntos

A entrevista persoal está destinada a valorar os coñecementos e formación dos aspirantes relacionada coas actividades que se van desenvolver durante as prácticas de formación.

Artigo 11. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección de Competitividade aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os que será publicada na páxina web de Turismo de Galicia e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, das causas determinantes das exclusións que procedan.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse na páxina web de Turismo de Galicia e serán remitidas á comisión de valoración.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A comisión de valoración convocará as persoas candidatas para a realización da proba sobre o temario que se inclúe como anexo II desta resolución, ou a entrevista persoal no caso da bolsa para a área de estudos e investigación. A data e o lugar da celebración da proba ou entrevista publicarase na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios.

A concorrencia á proba e á entrevista persoal é obrigatoria. As/os candidatas/os que non se presenten á proba ou á entrevista serán automaticamente excluídos do procedemento de selección.

5. A comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo indicado nas bases e formulará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitida ao órgano instrutor.

6. No caso de empate na puntuación obtida en calquera das modalidades das bolsas, este resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, comezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

7. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

8. Transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará un informe xunto coa proposta de resolución coa puntuación definitiva ordenada de maior a menor ao/á director/a da Axencia Turismo de Galicia que, no prazo máximo de 15 días, resolverá o procedemento de concesión. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de tres meses, desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

9. A resolución do/a director/a da Axencia Turismo de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

10. A concesión da bolsa seralles notificada ás persoas adxudicatarias que, nun prazo de tres días hábiles, están obrigadas a comunicarlle a Axencia Turismo de Galicia a súa aceptación ou renuncia por escrito conforme o modelo que figuran como anexo V desta convocatoria. Se transcorridos os sinalados tres días non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente rexeitada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederase á/ao seguinte candidata/o con mellor puntuación.

11. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de reserva en función da puntuación obtida.

Artigo 12. Publicidade

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicaranse na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios.

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Axencia Turismo de Galicia publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a proxectos.turismo@xunta.gal.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar, en todos os seus termos, esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Realizar as actividades previstas no plan de formación e a cumprir o horario indicado polo seu/súa titor/a. Ao remate da bolsa remitirán á Axencia Turismo de Galicia unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas visada polo/la titor/a ou responsable da oficina onde se realizaron as prácticas.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

4. Todos os estudos, informes, e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación quedarán á disposición da Axencia Turismo de Galicia que será titular dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes. As persoas bolseiras deberán aceptar por escrito esta atribución de dereitos a favor da devandita entidade antes da súa incorporación.

Artigo 16. Certificado de aproveitamento

O/a titor/a ou persoa competente na Axencia Turismo de Galicia expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 17. Incidencias

A Axencia Turismo de Galicia resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

En calquera momento, a persoa responsable da oficina correspondente ou o titor/a poderá propoñerlle á Dirección da Axencia Turismo de Galicia cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo de dar trámite de audiencia ao interesado, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

A Axencia Turismo de Galicia poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación da/o bolseira/o ao destino adxudicado por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10 % do tempo total de duración da bolsa, suporá a súa revogación.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para se presentar a futuras convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Axencia Turismo de Galicia.

O incumprimento dos compromisos adquiridos, de acordo coas bases precedentes, dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Notificación electrónica

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificacións electrónicas Notifica.gal. De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada. Para máis información do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal pode acudir á páxina da intranet dedicada: http://intranet.xunta.gal/notifica.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na actualidade correspondente.

ANEXO II
Temario para bolsas en oficinas de turismo

Tema 1. Principais recursos do patrimonio arquitectónico galego:

Tema 2. Principais recursos do patrimonio cultural inmaterial galego.

Tema 3. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 4. Xeografía de Galicia.

Tema 5. Os recursos turísticos de Galicia.

Temario para bolsa en area estudos e investigación

Tema 1. Estatística: inferencia, mostraxe e análise multivariante.

Tema 2. Análise de datos e manexo das librarías e ferramentas de R e RStudio

Tema 3. Análise de datos e xestión de bases de datos SQL.

Tema 4. Follas de cálculo.

Tema 5. Outras técnicas de interese:

a) Sistemas de información xeográfica (GIS).

b) Programación (Python, HTML, aplicacións Android...).

c) Marco conceptual da análise turística.

ANEXO III
Baremo de méritos para a bolsa de formación práctica especializada na área de estudos e investigación

 

 

Por cada

 

Código

Técnica

TFG o TFM

artigo

tese doutoral

mes de experiencia

20h de formación

Máximo por fila

EST

Inferencia estatística, mostraxe ou análise multivariante

0,48

0,24

0,72

0,06

0,036

1,2

R

Programación en linguaxe R

0,48

0,24

0,72

0,06

0,036

1,2

SQL

Programación en SQL

0,4

0,2

0,6

0,05

0,03

1,0

CAL

Follas de cálculo

0,24

0,12

0,36

0,03

0,018

0,6

GIS

Sistemas de información xeográfica (GIS)

0,16

0,08

0,24

0,02

0,012

0,4

PRO

Programación en outras linguaxes

0,16

0,08

0,24

0,02

0,012

0,4

APL

Aplicacións para bases de datos ou paquetes estatísticos

0,08

0,04

0,12

0,01

0,006

0,2

TUR

Análise turística

0,08

0,04

0,12

0,01

0,2

ECO

Outras análises socio-económicas

0,04

0,02

0,06

0,005

 

0,1

Máximo global baremo

4

En vertical, un mesmo traballo ou curso pode puntuar en varias facetas se así queda demostrado documentalmente. Posteriormente, aplicarase o máximo por filas e, por último, o máximo global.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file