Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2018 Páx. 7410

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de xaneiro de 2018 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Orde do 24 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2017/18.

Mediante a Orde do 24 de novembro de 2017, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 1, do 2 de xaneiro de 2018, establecéronse as bases reguladoras e convocáronse axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2017/18.

O punto 4 do artigo 5 da mencionada orde, establece que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

O punto 4 do artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece o seguinte:

«Cando una incidencia técnica imposibilitase o funcionamento ordinario do sistema ou aplicación que corresponda, e ata que se solucione o problema, a Administración poderá determinar unha ampliación dos prazos non vencidos e deberá publicar na sede electrónica tanto a incidencia técnica acontecida como a ampliación concreta do prazo non vencido».

O día 2 de febreiro de 2018 está prevista a posta en marcha da nova sede electrónica da Xunta de Galicia, o cal exixe unha parada de servizo na propia sede que afectará, entre outros, a presentación de escritos de iniciación de procedementos administrativos.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar ata o día 5 de febreiro de 2018, incluído, o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 4 do artigo 5 da Orde do 24 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2017/18.

Artigo 2. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria