Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2018 Páx. 8890

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establece o formulario de presentación de documentación do procedemento dos convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas para a realización dos programas de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas.

Conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte (artigo 27.22), correspondéndolle á Secretaría Xeral para o Deporte as competencias de elaboración, proposta e execución da política do goberno galego en materia de deportes, conforme o establecido no artigo 5 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, regula, no seu artigo 51.1, as federacións deportivas galegas, configurándose estas como entidades privadas sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, cuxo ámbito de actuación se estende ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 51.5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, só se pode recoñecer unha federación deportiva por cada modalidade, exercitando cada unha delas en réxime de exclusividade, ademais das funcións que son propias do seu ámbito privado, as funcións públicas delegadas establecidas no artigo 56.4 da norma, actuando neste caso como axentes colaboradores da Administración.

Neste marco das funcións federativas, é pretensión da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, subscribir os convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas para a realización dos programas de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas, atribución que teñen, en réxime de exclusividade.

O interese público deste convenio radica, con carácter xeral, na necesidade de promover o deporte dando cumprimento ao establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, dada a importancia que ten o deporte na sociedade actual como actividade cidadá voluntaria, como ferramenta educativa, como elemento crucial no desenvolvemento harmónico das persoas e no seu equilibro físico e psicolóxico e como elemento que contribúe ao establecemento de relacións plenas do individuo co grupo e dos grupos entre si.

Con esta resolución dáse cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e obrigación de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é establecer o procedemento co código PR954A para presentación de documentación requirida nos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as federacións deportivas galegas para a realización dos programas de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas.

Artigo 2. Requisitos dos/das solicitantes

Os/as solicitantes deberán figurar inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia como federación deportiva galega, de acordo co establecido na sección 3ª do capítulo II, do título IV, da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR954A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas entrega a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Artigo 4. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

Para a sinatura dos convenios obxecto desta resolución as persoas representantes das federacións deportivas galegas deberán presentar o anexo I, documento de solicitude, establecido para o procedemento PR954A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a xustificación do procedemento

A Secretaría Xeral para o Deporte establece dúas fases para a xustificación das contías establecidas nos convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas para a realización dos programas de promoción e desenvolvemento das súas modalidades deportivas. Unha primeira fase para a xustificación do primeiro pago, comprobada a cal se libera a contía restante, e unha segunda fase para a xustificación desta contía, do segundo pagamento.

1. Na xustificación do primeiro pagamento a federación deberá presentar:

Anexo II. Relación inventariada do material deportivo da federación, indicando o seu uso, estado de conservación e localización.

Anexo III. Relación de documentos e declaracións para o cobramento do segundo anticipo.

Anexo IV. Relación clasificada da totalidade dos gastos realizados, conforme a repartición orzamentaria por programas recollida no convenio.

Facturas, con xustificación bancaria de que os pagamentos estean realizados cos requisitos exixidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Memoria económica explicativa de cada un dos gastos presentados nesta xustificación relacionándoos coas actividades deportivas realizadas.

Acreditación do cumprimento da aplicación pública da imaxe corporativa da Secretaría Xeral para o Deporte mediante a achega dos documentos gráficos nos que quede constancia.

Anexo VI.

2. Na xustificación do segundo pagamento a federación deberá presentar:

Anexo IV. Relación clasificada da totalidade dos gastos realizados, conforme a repartición orzamentaria por programas recollida no convenio.

Anexo V. Relación de documentos e declaracións para a xustificación do segundo pagamento.

Facturas, con xustificación bancaria de que os pagamentos estean realizados cos requisitos exixidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Memoria económica explicativa de cada un dos gastos presentados nesta xustificación relacionándoos coas actividades deportivas realizadas.

Acreditación do cumprimento da aplicación pública da imaxe corporativa da Secretaría Xeral para o Deporte mediante a achega dos documentos gráficos nos que quede constancia.

Anexo VI.

Artigo 6. Comprobación de datos no procedemento administrativo

1. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas entrega a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI o NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade.

c) Certificado de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día do cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

e) Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a esta disposición, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para todas as persoas interesadas.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións informativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral para o Deporte. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral para o Deporte, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Subdirección Xeral de Plans e Programas, EGAP, rúa Madrid, 2-4, 2º andar, 15781, Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a programas.deportes@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file