Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9707

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2018 pola que se convoca unha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo.

O artigo 3.1.g) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) modificado pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no terreo da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade coa referida disposición, resolvo convocar unha bolsa en formación en estudos relacionados co dereito administrativo mediante a colaboración titorizada da EGAP, segundo as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo (PR770F).

A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Duración, importe e financiamento da bolsa

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa candidata seleccionada ao desempeño da bolsa na EGAP, tal como se dispón na base décimo cuarta, e finalizarán o 31 de decembro de 2018.

O importe da bolsa será de 1.100 € brutos mensuais, que se farán efectivos, tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

A bolsa será financiada con cargo á aplicación orzamentaria 05 80 122B 4800 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

Durante o tempo de duración da bolsa a persoa beneficiaria quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, tal como establece o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación. A cota patronal satisfarase con cargo ao concepto orzamentario 484.0 do orzamento de gastos da EGAP.

Terceira. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:

– Ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2012 e acreditada a titulación de licenciatura ou grao en Dereito.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que será declarado de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.

– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.

Cuarta. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Quinta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) En defecto de título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas.

c) Currículo da persoa solicitante (de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II), con exposición dos méritos académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados. Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas solicitantes que figuren relacionados expresamente no currículo.

d) Documentos que acrediten os méritos relacionados no currículo.

e) Memoria que versará sobre a Administración electrónica na lexislación administrativa básica e as súas implicacións para a Comunidade Autónoma de Galicia, cunha extensión máxima de 20 follas.

Poderán acompañar calquera outra documentación acreditativa dos méritos a que se refire a base oitava.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que debe presentarse de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Título universitario correspondente.

c) Certificado de estar ao día coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día coa Consellería de Facenda.

f) Documento acreditativo do curso de perfeccionamento de galego ou Celga 4 ou superior.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude de concesión da bolsa pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con todo, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Esta documentación deberá acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 11.e) e 31.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de persoas beneficiadas e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Sétima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poden impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Composición da comisión de avaliación

A selección e avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión que estará integrada do seguinte xeito:

Presidencia: corresponderalle á directora da EGAP ou persoa en que delegue.

Vogais: tres persoas designadas pola directora da EGAP.

Secretaría: corresponderalle a unha persoa nomeada pola directora da EGAP entre persoal funcionario da EGAP que actuará con voz e voto.

Na composición da comisión de avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

A composición da comisión de avaliación farase pública no portal web da EGAP https://egap.xunta.gal e no seu taboleiro de anuncios.

A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Undécima. Criterios de avaliación

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo consonte o seguinte baremo:

1. Expediente académico: ata un máximo de 15 puntos. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, consonte a Resolución do 15 de marzo de 2005 da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 57, do 23 de marzo).

Forma de acreditación: certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas e en que se deberá incluír a nota media simple obtida.

2. Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos. Cursos, máster e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto da bolsa a que se opta organizados por administracións públicas e universidades:

a) Pola realización de cada máster ou DEA: 4 puntos.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 3 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 8 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: fotocopia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 2 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia comparada dos certificados de participación activa nos referidos congresos.

4. Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas relacionadas co obxecto da bolsa: ata un máximo de 4 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como comunicación, ben como publicación:

a) Pola publicación de recensións: 0,10 puntos por cada unha.

b) Pola publicación de capítulos de libros e de artigos en revistas sen sistema de avaliación fiable: ata 0,20 puntos por cada un.

c) Pola publicación de artigos en revistas con sistema de avaliación fiable: ate 0,40 puntos por cada un.

Forma de acreditación: fotocopia das referidas publicacións ou, de ser o caso, indicación da URL de acceso á publicación de que se trate.

5. Coñecemento da lingua inglesa ou francesa: ata un máximo de 1 punto.

Forma de acreditación: mediante o correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas, Instituto Británico ou institución ou centros recoñecidos oficialmente.

A comisión non valorará aqueles méritos das persoas candidatas que non estean acreditados consonte o exposto.

A comisión realizará unha entrevista coas persoas aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos das persoas candidatas, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. Esta versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria presentada, co fin de valorar os coñecementos, aptitudes e actitudes persoais das persoas aspirantes para as funcións que van desempeñar. Terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista será de 10 puntos, sendo necesario para poder acceder á bolsa convocada conseguir unha puntuación mínima de 3 puntos naquela.

Décimo segunda. Selección e avaliación das solicitudes

Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que algunha solicitude estea incompleta ou conteña erros ou no caso de que non se acompañe toda a documentación requirida, requirirase a persoa interesada afectada para que emende os defectos administrativos observados e outorgaráselle un prazo de 10 días hábiles para atender o requirimento, que se contará desde a súa notificación, todo de acordo co disposto polo artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Unha vez que remate o prazo de corrección, a comisión de avaliación avaliará os méritos de acordo co establecido na base oitava e confeccionará a listaxe provisional de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de tres días hábiles. Esta listaxe farase pública no portal web da EGAP https://egap.xunta.gal e no seu taboleiro de anuncios, xunto, de ser o caso, coa puntuación mínima para acceder á entrevista.

Resoltas as reclamacións e realizadas as entrevistas, a comisión fará pública nos mesmos lugares a lista definitiva de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación.

A comisión elevará á directora da EGAP unha proposta de concesión para a designación da persoa titular da bolsa.

Coas restantes persoas admitidas valoradas cun mínimo de 3 puntos na fase da entrevista elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta listaxe será operativa no caso de que o/a bolseiro/a seleccionado/a non se incorpora na data establecida, cando manifesta expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renuncia a esta vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

No caso en que non se presenten solicitudes, ou que non consigan as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da directora da EGAP que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Prescíndese do trámite de audiencia, segundo o artigo 82.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao non figurar no procedemento nin ser considerados na resolución outros feitos e outras alegacións e probas máis que as aducidas polas persoas interesadas.

Décimo terceira. Resolución

Unha vez que a comisión de avaliación eleve a proposta de concesión, a directora da EGAP ditará resolución. Contra esta resolución, que deberá ser ditada e notificada no prazo a que se refire a base décimo novena, poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo que resulten competentes, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46.4 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso– administrativa.

A notificación da resolución á persoa titular da bolsa farase segundo o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e daráselle a oportuna publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Décimo cuarta. Aceptación da bolsa e incorporación do/da bolseiro/a

Unha vez que a persoa beneficiaria reciba a notificación da concesión da bolsa, dispoñerá dun prazo de dez días para comunicar á EGAP a súa aceptación ou renuncia á bolsa. Logo de transcorrer este prazo sen que se produza manifestación expresa ao respecto entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No prazo de cinco días contado desde a aceptación expresa da bolsa ou do transcurso do prazo para entendela tacitamente aceptada, a persoa candidata seleccionada deberá incorporarse ao desempeño da bolsa na EGAP. O/a bolseiro/a que non se incorpora neste prazo, ou que renuncia expresamente, perderá os dereitos inherentes á bolsa. Nestes supostos, a directora da EGAP procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa á primeira persoa candidata que figure na listaxe que para ese efecto elaborará a comisión de avaliación, conforme a base oitava.

Décimo quinta. Obrigas do/da bolseiro/a

O/a bolseiro/a seleccionado/a comprometerase a:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración na materia que se describen nas bases anteriores, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a EGAP.

b) Cumprir co programa de formación establecido pola directora da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e dirección dos/das funcionarios/as que se designen para tales efectos, e asistir ás actividades formativas que a escola estime convenientes. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán aboados pola Escola con cargo á aplicación orzamentaria 05.80.122B.480.0 en que se habilitará previamente o crédito para este fin, logo de que a persoa titular da xefatura do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos. Os gastos de desprazamento, aloxamento e mantemento non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Colaborar nas accións formativas da EGAP directamente relacionadas co obxecto da bolsa, de considerarse oportuno.

d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que lle exixa a EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa, informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa, así como da formación recibida.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

g) Presentar antes do último pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo sexta. Natureza xurídica do vínculo

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vínculo laboral ou funcionarial entre o/a bolseiro/a e a EGAP, nin supón ningún compromiso de incorporación posterior do/da bolseiro/a no seu cadro de persoal.

Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o/a bolseiro/a deberá contar coa autorización expresa da directora da EGAP e deberá facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento da bolsa concedida pola EGAP.

Décimo sétima. Renuncia, revogación e reintegro de cantidades

A renuncia á bolsa por parte da persoa titular, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de antelación en escrito dirixido á directora da EGAP, quen poderá, polo período que reste, concedela ao candidato ou candidata que corresponda segundo a listaxe que para ese efecto sexa elaborado pola comisión de avaliación. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

A renuncia inhabilitará a persoa titular para efectos de presentación en próximas convocatorias da mesma categoría.

A directora da EGAP poderá revogar a bolsa se o/a bolseiro/a non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle asignen, ou se estes non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste suposto, como no caso da renuncia, a directora da EGAP poderá, polo período que reste, concederlle a bolsa á persoa candidata que corresponda segundo a listaxe que para ese efecto sexa elaborado pola comisión de avaliación.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitava. Réxime xurídico e impugnación

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e demais normativa aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polas persoas interesadas nos casos e na forma establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo novena. Duración de procedemento

Segundo o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os nove meses, contado a partir da publicación desta convocatoria. Este prazo queda fixado en cinco meses por aplicación do Plan de acción de redución de cargas administrativas aprobado polo Consello de Ministros en xuño de 2008.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Vixésima. Incompatibilidades

A bolsa regulada nesta convocatoria será incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos e coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, con todo, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos, premios).

Vixésimo primeira. Cláusula xeral

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Vixésimo segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado: bolsas e premios, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Escola Galega de Administración Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Escola Galega de Administración Pública, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Disposicións de aclaración ou interpretación

A directora da EGAP poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file