Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2018 Páx. 9880

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2018 pola que se lle dá publicidade ás bases reguladoras e á convocatoria para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas ás que se prestarán servizos do programa Responsabilízate (2ª edición).

Mediante resolucións do 21 de xuño e do 7 de novembro de 2016 (DOG do 11 de xullo e do 17 de novembro, respectivamente) procedeuse a dar publicidade ás bases reguladoras e á convocatoria da primeira edición do programa Responsabilízate, consistente na prestación de servizos de tutela ou acompañamento en materia de responsabilidade social empresarial.

Unha vez concluída esta edición, procédese agora a dar publicidade á segunda edición, correspondente ao ano 2018.

No exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Emprego pretende impulsar a implantación da RSE no tecido empresarial galego, a través, entre outras medidas, do establecemento dos servizos do programa Responsabilízate.

En virtude do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Secretaría Xeral de Emprego é competente para proceder a esta convocatoria.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras que rexerán a selección de pemes e persoas traballadoras autónomas, en virtude do programa Responsabilízate.

Segundo. Convocar a segunda edición do programa Responsabilízate, correspondente ao ano 2018.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas, ás que se prestarán servizos de diagnose ou análise do estado e potencial da RSE, formación e implantación das primeiras accións, a través do programa Responsabilízate

Artigo 1. Obxecto

É obxecto da presente resolución establecer os requisitos do proceso de selección das empresas ou entidades ás que se prestarán os servizos do programa Responsabilízate, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2018 (TR320B).

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do programa Responsabilízate as pequenas e medianas empresas (pemes), así como as persoas traballadoras autónomas, que teñan radicado o seu domicilio social ou que conten con algún centro de traballo en Galicia.

2. Ademais do especificado no punto anterior, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea.

b) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

c) Non seren entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Servizos aos que optarán as empresas beneficiarias do Programa

1º. Unha diagnose ou análise do estado e potencial da Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Para esta diagnose e análise, utilizarase a plataforma software XUNTA PRO-RSE e consistirá en analizar a situación da empresa seleccionada desde o punto de vista da RSE.

2º. Un programa de formación, no que se tratarán aspectos referidos á sensibilización, grupos de interese e ferramentas de xestión existentes no contexto da RSE.

3º. Plan de implantación: a cada empresa participante, unha vez realizados e superados os servizos anteriores e que expresamente manifeste continuar no Programa, elaboraráselle un Plan de RSE específico que finalizará coa implantación das primeiras accións do dito plan.

Artigo 4. Prazo para presentación de solicitudes

1. O prazo estará aberto a partir da publicación destas bases no DOG e ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria.

2. Unha vez cuberto o número de prazas máximo, pecharase a inscrición, o que será comunicado a través da páxina web https://rse.xunta.gal e da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) O DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da empresa solicitante.

b) O NIF da empresa solicitante.

c) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución, estatutos ou documentos análogos da empresa solicitante, que acrediten o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 7. Lugar e forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado incluído como anexo I desta resolución e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas traballadoras autónomas, que exercen unha actividade económica, teñen a suficiente capacidade económica e técnica para poder relacionarse coas administracións públicas de xeito telemático; ademais, considérase que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración.

Polo tanto, no caso de solicitantes que sexan persoas físicas (persoas traballadoras autónomas), e conforme o artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación e o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as solicitudes tamén se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 11. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Secretaría Xeral de Emprego comprobará se cada solicitude presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores.

2. As solicitudes serán atendidas por estrita orde de entrada no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder dun mes a partir de que se peche a inscrición. Transcorrido o devandito prazo, sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

4. A comunicación ás entidades que sexan admitidas neste programa e a listaxe destas farase pública, mediante resolución, a través da páxina web https://rse.xunta.gal

Artigo 12. Réxime de recursos

Contra as resolucións que se diten neste procedemento, pódese interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución, conforme o previsto no artigo 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Datos estatísticos

O beneficiario acepta que os datos resultantes da execución do servizo, unha vez desvinculados dos datos identificativos da súa empresa, pasarán a formar parte dunha base de datos para a súa explotación multicriterio con fins estatísticos, de deseño de políticas públicas e de difusión de situacións empresariais.

missing image file
missing image file