Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2018 Páx. 10092

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 14/2018, do 1 de febreiro, polo que se aproba a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Quintela de Leirado e Pontedeva, da provincia de Ourense, para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención.

Os concellos de Quintela de Leirado e Pontedeva, en sesións plenarias celebradas os días 28 de novembro de 2017 e 25 de novembro de 2017, respectivamente, acordaron aprobar definitivamente a disolución da agrupación dos ditos concellos para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Unha vez transcorridos máis de 30 anos desde a agrupación voluntaria de ambos os concellos para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención, as situacións socioeconómicas de ambos os concellos mudaron. Así, a actual complexidade do concello de Pontedeva, posta de manifesto na memoria que consta no expediente asinada polos alcaldes, e ratificada por unanimidade nos plenos dos respectivos concellos, provoca que o tempo que presta o secretario-interventor (dous días á semana) non sexa suficiente para atender as xestións ordinarias, coa conseguinte perda na calidade na prestación dos servizos públicos, así como na eficacia e eficiencia, principios que deben presidir a xestión pública nos termos que marca a Constitución no seu artigo 103.1 e as actuais normas de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, concretamente o disposto no artigo 7.2 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigos 2 e 3 e disposición adicional segunda do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e os artigos 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Constan os informes favorables da Deputación Provincial de Ourense e da Subdelegación do Goberno en Ourense, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación e disolución da agrupación corresponde á Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispón o artigo 3.b) do Real decreto 1732/1994, o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Quintela de Leirado e Pontedeva para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención.

Segundo. Clasificar os postos reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional resultantes da disolución, nos seguintes termos:

Concello: Quintela de Leirado.

Posto: secretaría-intervención.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Concello: Pontedeva.

Posto: secretaría-intervención.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Terceiro. Adscribir a Daniel Carnoto Espiño, titular actual do posto de Secretaría-Intervención da agrupación concellos de Quintela de Leirado e Pontedeva, da provincia de Ourense, ao novo posto de secretaría-intervención do concello de Quintela de Leirado.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dezaoito

O presidente
P.S. (Decreto 9/2018)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza