Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2018 Páx. 10089

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 13/2018, do 1 de febreiro, polo que se aproba a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Porqueira e Os Blancos, da provincia de Ourense, para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención.

Os concellos de Porqueira e Os Blancos, en sesións plenarias celebradas os días 21 de decembro de 2017 e 20 de decembro de 2017, respectivamente, acordaron aprobar definitivamente a disolución da agrupación dos ditos concellos para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Estes dous concellos están agrupados voluntariamente para o sostemento en común do posto de funcionario de habilitación de carácter nacional desde a aprobación do Decreto 173/2005, do 16 de xuño (DOG núm. 123, do 28 de xuño).

A grave situación económica impedíalles, entre outros, contribuír aos gastos da agrupación creada hai máis de 10 anos, e isto deu pé a que tivese que someterse a un plan de axuste e adherirse ao Fondo de Ordenación, integrado no Fondo de Financiamento a Entidades Locais, de conformidade coa Resolución do 20 de outubro de 2017, do Ministerio de Facenda e Función Pública. Neste plan de axuste incluíase a disolución da agrupación como unha das medidas para adoptar e a asunción das ditas funcións polo servizo de asistencia a municipios da Deputación de Ourense.

No expediente de disolución da agrupación dos concellos de Porqueira e Os Blancos seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigos 2 e 3 e disposición adicional segunda do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Constan os informes favorables da Deputación Provincial de Ourense e da Delegación do Goberno en Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación da agrupación e disolución corresponde á Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispón o artigo 3.b) do Real decreto 1732/1994, o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Porqueira e Os Blancos para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención.

Segundo. Clasificar os postos reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional resultantes da disolución nos seguintes termos:

Concello: Porqueira.

Posto: secretaría-intervención.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Concello: Os Blancos.

Posto: secretaría-intervención.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Terceiro. Adscribir a Monserrat Casas Cabido, titular actual do posto de secretaría-intervención da agrupación dos concellos de Porqueira e Os Blancos, da provincia de Ourense, ao novo posto de secretaría-intervención do Concello de Porqueira.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dezaoito

O presidente
P.S. (Decreto 9/2018)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza