Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2018 Páx. 10697

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2018 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre, nivel básico, para persoal empregado público, traballador por conta allea ou autónomo, empresario e persoal con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

De acordo co convenio de colaboración subscrito o 12 de xaneiro de 2018, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre-nivel básico.

RESOLVO:

Convocar un curso de prevención de riscos laborais que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais, en particular, na organización e xestión de actividades de tempo libre.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que para ela se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será do 20 de febreiro ao 1 de marzo de 2018.

2. As solicitudes de participación na actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, de tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado ata esgotar o total de prazas, tendo en conta os criterios de prioridade, nesta orde:

1º. Posuír o título de monitor/a ou director/a de tempo libre.

2º. Ter o carné xove en vixencia.

3º. A orde de inscrición.

2. Subsidiariamente serán empregados os criterios sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 40.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Non obstante, aqueles/as alumnos/as que non superen a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderán continuar o curso e serán substituídos/as por novos/as alumnos/as de acordo coa orde da lista de espera.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte do persoal responsable dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberán xustificarse documentalmente ante o persoal responsable das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas, horario e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare a aptitude de cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Issga poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Issga reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións da actividade, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Issga garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18005.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre-nivel básico.

1. Obxectivos.

Proporcionar a formación que establece o anexo IV do Regulamento dos servizos de prevención (Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro) que capacita para o desenvolvemento das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais.

O programa inclúe un módulo formativo dedicado á organización e xestión de actividade de tempo libre.

Curso impartido polo Issga en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais, en particular, na organización e xestión de actividades de tempo libre.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 60 h/edición.

Edicións: unha.

Datas: do 20 de marzo ao 9 de maio de 2018.

Proba final presencial: o día 9 de maio ás 10.00 horas.

A proba realizarase de forma descentralizada nos centros territoriais do Issga da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e na sede da EGAP en Santiago de Compostela.

Prazas: 50.

4. Contido.

1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

2. Riscos xerais e a súa prevención.

3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.

3.1. Actividades de tempo libre.

4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.

5. Primeiros auxilios.

6. Prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.