Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2018 Páx. 12062

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o Acordo do 9 de febreiro de 2018 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural polo que se lle encomendan a esta última determinados actos de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga).

As consellerías de Facenda e de Medio Rural asinaron o 9 de febreiro de 2018 un acordo para xestionar determinados actos de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga).

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO
Acordo do 9 de febreiro de 2018 entre a Consellería de Facenda e a Consellería
do Medio Rural polo que se lle encomendan a esta última determinados actos
de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado
ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan
de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga)

Co obxecto de acadar unha maior eficacia na xestión do persoal temporal correspondente a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga, estas consellerías, ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), de réxime xurídico do sector público, e na disposición adicional do Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo de 2006), polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia,

ACORDAN:

Cláusula 1.

Encomendarlle á Consellería do Medio Rural determinados actos de xestión das listas de contratación temporal reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro, do persoal laboral da Xunta de Galicia dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga.

A encomenda abranguerá as seguintes actuacións e terán o alcance que en cada caso se sinala:

a) A organización e realización da proba física á que se deben someter os distintos integrantes das listas.

b) A realización dos chamamentos para a cobertura temporal dos distintos postos de traballo reservados ás categorías de persoal laboral dedicadas ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga. Para estes efectos utilizarase unha aplicación informática proporcionada pola Dirección Xeral da Función Pública cando o chamamento se realice desde a lista definitiva de admitidos.

Cláusula 2.

A encomenda de xestión non supón a cesión da titularidade das competencias.

Cláusula 3.

A encomenda terá un prazo de vixencia de dous anos a partir da súa publicación. Este prazo poderá ser prorrogado por igual período, por acordo expreso das partes que se publicará antes do remate do seu prazo de vixencia.

Disposición derradeira

Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural