Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 1 de marzo de 2018 Páx. 12374

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 19 de febreiro de 2018 pola que se notifica o acordo de inicio de expediente de caducidade de concesión administrativa no porto de Cariño.

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícase á mercantil Galicia Mar Renovables, S.L., mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, o Acordo do 13 de febreiro de 2018, que inicia expediente de caducidade da concesión administrativa outorgada o 28 de maio de 2011 con destino á construción dunha planta para a ensamblaxe de sistemas de xeración de enerxía undimotriz expedidos por vía marítima no porto de Cariño, por non ser posible a notificación no domicilio.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

O acordo emítese unha vez que, mediante Resolución do 12 de febreiro de 2018, o presidente de Portos de Galicia autoriza a incoación do expediente, pola concorrencia das causas imperativas de caducidade previstas na condición 45 do título, nas súas alíneas b) e c), debido a que o concesionario ten débedas en concepto de taxa de ocupación do dominio público portuario por un período superior aos 12 meses e a concesión carece de actividade.

Na mesma resolución desígnase como instrutor o xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, e o réxime de recusación do instrutor é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015 (BOE núm. 236, do 2 de outubro), de réxime xurídico do sector público.

Contra o acordo de incoación poderanse formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que se consideren pertinentes, nun prazo máximo de 15 días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado.

O aboamento das cantidades pendentes en concepto de taxa por ocupación do dominio público portuario antes de ditarse resolución determinará o arquivamento do expediente no que atinxe a ese motivo en concreto.

O órgano competente para a resolución do presente expediente é o presidente da entidade pública Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas pola Orde da Consellería do Mar do 21 de setembro de 2017 de delegación de competencias, entre outros, no presidente do Consello de Administración da Entidade Pública (DOG núm. 180, do 21 de setembro).

Cara ao seu exame, o expediente atópase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5 A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2018

Jesús Javier Fernández Barro
Instrutor-xefe da División Xurídica de Portos de Galicia