Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2018 Páx. 12421

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de febreiro de 2018 pola que se convocan para o ano 2018 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.

Os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, establecidos pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017, teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.

Este recoñecemento realízase mediante a distinción a explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes. Pola súa vez estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñécense tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación e publicación da convocatoria

1. A presente orde ten por obxecto convocar, para o ano 2018, os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, nas condicións establecidas pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.

2. A presente orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Disposición adicional única. Réxime supletorio

No non previsto nesta orde será de aplicación o disposto na Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.

Disposición derradeira única. Efectos

A presente orde comezará a producir efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural