Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2018 Páx. 12853

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se convoca para o ano 2018.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

Con esta programación, a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. O desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as bibliotecas proporcionan.

Nesta orde regúlase a subvención dirixida ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal para a realización de actividades de animación á lectura no marco do programa Ler conta moito.

As bases reguladoras desta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos o número de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, para ofrecer un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas que acheguen a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente (código de procedemento CT236A).

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, suplementariamente:

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollida nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente entre os solicitantes que cumpran as condicións establecidas, en función do número de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal con que conten as entidades locais, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión das subvencións realizarase polo procedemento abreviado establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 31.4 non se admitirán novas solicitudes unha vez esgotada a partida orzamentaria con cargo a que se conceden estas axudas.

As bibliotecas públicas poden realizar as actividades sobre a base do Catálogo Ler conta moito 2018, de actividades de animación á lectura, que a Secretaría Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal.

As bibliotecas para as que se solicita a axuda deben programar un mínimo de dúas actividades das establecidas no Catálogo Ler conta moito 2018. Recoméndase que sexan das establecidas no Catálogo Ler conta moito 2018. Se o concello opta por programar actividades non incluídas no catálogo, a persoa ou entidade contratada deberá cumprir os requisitos exixidos no catálogo e solicitar á Secretaría Xeral de Cultura incorporarse a el.

O importe concedido a cada concello deberá empregarse para financiar o 75 % do custo de cada unha das actividades, debendo financiar con fondos propios o 25 % restante de cada actividade.

A cantidade total concedida a cada concello, deberá repartirse a partes iguais entre as bibliotecas e/ou axencias de lectura para as que se solicita esta subvención.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para que as súas bibliotecas ou axencias de lectura públicas seleccionen as actividades de animación á lectura que van realizar polo importe concedido, no Catálogo Ler conta moito 2018, que a Secretaría Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal.

O período de programación de actividades comprenderá desde a data da publicación da resolución desta orde ata o 30 de outubro de 2018.

As entidades públicas titulares das bibliotecas ou axencias de lectura públicas adheridas ao programa Ler conta moito están obrigadas a:

1. Poñer á disposición dos profesionais dinamizadores as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada. As actividades deben desenvolverse axeitadamente nas instalacións da biblioteca ou espazos anexos (no caso de compartir edificio), para manter unha relación clara entre o servizo bibliotecario e a actividade de promoción da lectura.

2. Organizar puntualmente cada función. Cada programación debe confirmarse no formulario electrónico correspondente para que se actualice permanentemente a axenda de actividades do programa Ler conta moito.

3. Colaborar no desenvolvemento de accións complementarias á actividade programada, para o seu maior aproveitamento por parte dos usuarios e usuarias de cada biblioteca. Para isto contará coas propostas definidas no proxecto da actividade incluída no catálogo. A biblioteca velará por establecer unha relación directa e explícita entre as actividades programadas e os seus fondos (libros, música, información na rede, publicacións periódicas, etc.), de maneira que se favoreza un interese posterior por parte dos participantes pola lectura, ou que se lles facilite, de maneira sutil e lúdica, información sobre o uso da biblioteca.

Todos os gastos derivados das tarefas complementarias, así como da difusión local da programación de dinamización da lectura, correspóndenlle á entidade titular da biblioteca.

4. Incorporar o logotipo do programa Ler conta moito en todas as accións de difusión ou actividades complementarias ao programa.

5. Cargar directamente no blog do programa Ler conta moito unha imaxe que visibilice como foi o desenvolvemento da actividade na biblioteca, así como un comentario explicativo que a acompañe, ao remate da actividade ou nos cinco días posteriores.

6. Cubrir a avaliación da actividade desenvolvida, en formato electrónico, en que se fará referencia á satisfacción e ás incidencias rexistradas, así como aos comentarios que se consideren de interese para outros programadores.

A avaliación cubrirase conforme o procedemento establecido polo Servizo do Sistema de Bibliotecas, nun prazo non superior aos cinco días hábiles inmediatamente posteriores á celebración da actuación.

7. Todo o acompañamento e difusión das actividades do programa Ler conta moito farase en idioma galego segundo as normas ortográficas e morfolóxicas establecidas pola Real Academia Galega.

Artigo 5. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 195.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos de participación

1. As bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras da axuda deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura. Agás as bibliotecas de nova integración.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Artigo 8. Concorrencia das axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que desenvolveu a entidade beneficiaria.

Artigo 9. Solicitudes e prazo

1. As entidades locais que desexen acollerse á subvención regulada nesta orde deberán presentar a solicitude, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

2. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a da entidade local da media semanal de horas de apertura ao público da biblioteca ou bibliotecas e/ou axencias de lectura.

b) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2016.

Artigo 11. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

2. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referida ás entidades locais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Procedemento de instrución

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselle unha cantidade final para o cumprimento da finalidade do programa. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total, prevista para este programa, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo o criterio establecido no artigo 4.

3. Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao secretario xeral de Cultura quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 15. Resolución

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución da Secretaría Xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de entidades locais beneficiarias e as cantidades concedidas e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal). Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 16. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 17. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. O transcurso deste sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular a proposta de resolución complementaria, e adxudicará o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no artigo 13 desta orde.

Artigo 18. Documentación xustificativa da subvención

1. Considerarase gasto realizado o importe das actividades realizadas con cargo ao programa Ler conta moito e efectivamente pagadas entre a data da publicación da resolución desta orde ata o 15 de novembro de 2018 (inclusive). Non se considera gasto realizado o importe das actividades pagadas fóra do programa que se subvenciona.

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Secretaría Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas, con data límite do 15 de novembro de 2018, sempre que non se opoña ao que se establece na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio.

3. Documentación xustificativa:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto desta orde de subvención. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.

c) Documentos acreditativos do gasto realizado:

1. Se presenta conta xustificativa, expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– Nome da actividade e artista ou entidade que a realiza, número de factura, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. De non constar algún destes datos comporta a obriga de acollerse ao punto 2.

2. Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

– Copia da factura, en que se relaciona a/s actividade/s.

– Xustificantes bancarios do pagamento, en que conste, identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda e identificación do destinatario do pagamento que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura. Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

3. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, e accederá ao expediente do presente procedemento na carpeta do cidadán da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Pagamento

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

1. As entidades locais beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a correcta execución das axudas.

3. Tamén quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades locais beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 22. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención e axuda pública percibida cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a entidade local beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 23. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sxc-subdireccion-bibliotecas.cceou@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file