Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2018 Páx. 12849

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 25/2018, do 22 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

De conformidade co disposto no artigo 27.21 do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.

O día 20 de febreiro de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 36 o Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo. Conforme a disposición transitoria primeira e a disposición derrogatoria única da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, a regulación das axencias de viaxes contida no dito decreto mantén a súa vixencia, no que non se opoña ao sinalado naquela lei, en canto non se desenvolva regulamentariamente esta.

Unha das súas actividades propias das axencias de viaxes é a relativa á organización e venda das denominadas «viaxes combinadas», tal e como se desprende do artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, e do artigo 3 do decreto citado.

En materia de viaxes combinadas, e no marco do Proxecto piloto 6617/14/JUST, a Comisión Europea formulou diversas cuestións en relación coa incompatibilidade da transposición española do artigo 7 da Directiva 90/314/CEE do Consello, do 13 de xuño de 1990, relativa ás viaxes combinadas, ás vacacións combinadas e aos circuítos combinados. Conforme o dito precepto, o organizador e/ou retallista que sexan parte no contrato facilitarán probas suficientes de que, en caso de insolvencia ou de quebra, quedarán garantidos o reembolso dos fondos depositados e a repatriación do consumidor.

Co fin de dar cumprimento ao manifestado pola Comisión Europea, mediante a Lei 15/2015, do 2 de xullo, da xurisdición voluntaria, modificouse o artigo 163 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro.

Unha vez modificado o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, procede modificar o Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, co obxecto de adecualo á nova redacción do artigo 163 do dito texto refundido e ás exixencias que impón a normativa comunitaria en materia de protección fronte á insolvencia de organizadores e retallistas de viaxes combinadas, tendo en conta o manifestado na materia pola Comisión Europea e polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Este decreto consta dun artigo único, no cal se dá nova redacción ao artigo 16 do Decreto 42/2001, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, unha disposición transitoria única e unha disposición derradeira única.

O decreto foi sometido ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia, así como á consulta das organizacións máis representativas do sector e ao informe do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

En consecuencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo

O artigo 16 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 16. Garantías en materia de viaxes combinadas

1. As empresas organizadoras e as retallistas de viaxes combinadas están obrigadas a constituír, con carácter previo ao exercicio da súa actividade, e manter de xeito permanente unha garantía para responder con carácter xeral do cumprimento das obrigas derivadas da prestación dos seus servizos fronte ás persoas contratantes dunha viaxe combinada e, especialmente, en caso de insolvencia, do reembolso efectivo de todos os pagamentos realizados polas persoas viaxeiras ou por unha terceira persoa no seu nome, na medida en que non se prestaran os servizos correspondentes e, no caso de que se inclúa o transporte, da repatriación efectiva daquelas, sen prexuízo de que se poida ofrecer a continuación da viaxe.

Para estes efectos, a insolvencia entenderase producida tan axiña como, a consecuencia dos problemas de liquidez da empresa organizadora ou da retallista, os servizos da viaxe deixen de executarse, non vaian executarse, vaian executarse só en parte, ou cando as empresas prestadoras de servizos exixan o seu pagamento ás persoas viaxeiras.

Producida a insolvencia, a garantía deberá estar dispoñible e a persoa viaxeira poderá acceder facilmente á protección garantida conforme o previsto no número 2 do artigo 163 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro.

2. A garantía prevista no número anterior pode revestir tres formas:

a) Garantía individual: mediante un seguro, un aval ou outra garantía financeira. Durante o primeiro ano de exercicio da actividade, esta garantía debe cubrir un importe mínimo de 100.000 euros. A partir do segundo ano de exercicio da actividade, o importe desta garantía debe ser equivalente, como mínimo, ao 5 % do volume de negocios derivado dos ingresos por venda de viaxes combinadas acadado pola empresa organizadora ou retallista no exercicio anterior, sen que en ningún caso o importe poida ser inferior a 100.000 euros.

Esta cobertura deberá adaptarse no caso de que, durante o ano, aumenten os riscos, o que terá lugar cando se produza un incremento dun 50 % no volume de negocios derivado dos ingresos por venda de viaxes combinadas.

b) Garantía colectiva: as empresas organizadoras e retallistas poden constituír unha garantía colectiva, a través das asociacións empresariais legalmente constituídas, mediante achegas a un fondo solidario de garantía.

A contía desta garantía colectiva será dun mínimo do 50 % da suma das garantías que as empresas organizadoras ou retallistas individualmente consideradas deberían constituír de acordo coa letra anterior. En ningún caso o importe global do fondo poderá ser inferior a 2.500.000 euros.

c) Garantía por cada viaxe combinada: a empresa organizadora ou retallista contrata un seguro para cada persoa usuaria da viaxe combinada.

3. No momento en que a persoa viaxeira efectúe o primeiro pagamento á conta do prezo da viaxe combinada, a empresa organizadora ou, se é o caso, a retallista, facilitaralle un certificado que acredite o dereito a reclamar directamente ao que sexa garante no caso de insolvencia, o nome da entidade garante e os seus datos de contacto.

4. Cando a execución da viaxe combinada se vexa afectada pola insolvencia da empresa organizadora ou da retallista, a garantía activarase gratuitamente para as repatriacións e, en caso necesario, o financiamento do aloxamento previo á repatriación. Os reembolsos correspondentes a servizos da viaxe non executados efectuaranse sen demora indebida nun prazo non superior a un mes desde a presentación da solicitude da persoa viaxeira.

5. Para os efectos deste artigo entenderase por repatriación o regreso da persoa viaxeira ao lugar de saída ou a calquera outro lugar acordado polas partes contratantes.

6. No caso de executarse a garantía, esta deberá repoñerse nos termos previstos no artigo 163.3 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias».

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

As empresas organizadoras e as retallistas de viaxes combinadas deberán constituír as garantías establecidas neste decreto no prazo dun mes contado desde a súa entrada en vigor.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de febreiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza