Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2018 Páx. 13253

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polo que se modifica a disposición adicional primeira do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que imparte ensinanzas distintas das universitarias (publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia número 131, do 11 de xullo).

O 19 de febreiro de 2018 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT acordaron unha modificación da disposición adicional primeira do Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto (texto refundido polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia núm. 131, do 11 de xullo).

Con base no disposto polo artigo 38 do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación da citada modificación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o dito,

ACORDO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polo que se modifica a disposición adicional primeira do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2018

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Modificación da disposición adicional primeira do Acordo do 20 de xuño de 1995, entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI-CSIF e FESP-UGT, sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto.

Na oferta de emprego do ano 2018 convocaranse por primeira vez procedementos selectivos para o ingreso na especialidade de «Organización e xestión comercial» do corpo de profesores de ensino secundario. Isto obriga a elaborar unha lista desta especialidade coa finalidade de cubrir as interinidades e substitucións que procedan. Coa finalidade de preservar os dereitos das persoas que viñan prestando servizos como persoal interino ou substituto nesta especialidade, acórdase dar unha nova redacción á disposición adicional primeira do Acordo do 20 de xuño de 1995, que queda redactada do seguinte xeito:

«1. Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de organización e xestión comercial, as interinidades e substitucións das especialidades de Administración de Empresas e Organización e Xestión Comercial cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a lista dela entre as persoas que se presenten ao concurso-oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de Administración de Empresas incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

2. Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de procesos de xestión administrativa, as interinidades e substitucións das especialidades de procesos de xestión administrativa e procesos comerciais cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a lista dela entre as persoas que se presenten ao concurso-oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de Procesos Comerciais incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

3. Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de operacións de proceso, as interinidades e substitucións das especialidades de laboratorio e operacións de proceso cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a lista dela entre as persoas que se presenten ao concurso oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de laboratorio incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

4. O establecido na epígrafe 2 do punto segundo do presente acordo será de aplicación ás especialidades en que se convoque procedemento selectivo de ingreso a partir do ano 2017, incluído este».