Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2018 Páx. 13256

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de marzo de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal das empresas Air Liquide Medicinal e Grupo Gasmedi, que presta servizos no ámbito da sanidade da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se desenvolverá o día 9 de marzo de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante unha norma con rango de orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais FICA-UGT e CC.OO. de industria, ambas en representación dos seus afiliados/as e delegados/as nas empresas Air Liquide Medicinal e Grupo Gasmedi, comunicaron a convocatoria dunha folga de ámbito estatal, que afectará todos os traballadores e traballadoras das citadas empresas e que se desenvolverá durante a xornada completa do día 9 de marzo de 2018. Abrangue, en consecuencia, o persoal das devanditas empresas que presta servizos no sector sanitario na Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta todos os traballadores/as dos centros de traballo das empresas Air Liquide Medicinal e Grupo Gasmedi que prestan servizos no ámbito sanitario na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolverase durante toda a xornada do 9 de marzo.

En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais as actividades que desenvolven as citadas empresas, nomeadamente, a provisión de terapias sanitarias respiratorias, tanto de carácter hospitalario como domiciliario, de pacientes críticos e de pacientes con dificultades respiratorias severas prescritas polo persoal médico do Servizo Galego de Saúde, así como a subministración domiciliaria de gases medicinais e a provisión deste tipo de servizos e terapias para os centros sanitarios existentes na comunidade autónoma. O que fai preciso establecer servizos mínimos respecto do persoal que realiza funcións relacionadas coas citadas terapias e as actividades que se desempeñan nos servizos hospitalarios.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que se adopten os seguintes criterios reitores para a fixación dos servizos mínimos:

a) No ámbito funcional das terapias respiratorias:

– Servizo de Contact Center por atención telefónica ao paciente para petición de altas e urxencias: 90 % dos efectivos.

– Servizo de atención ao paciente en terapias de oxixenoterapia: 90 % dos/as técnicos/as instaladores/as.

– Servizo de atención ao paciente en terapias de sono e outras terapias: 70 % dos/as controladores/as medios de terapias.

– Servizos de administración, almacén e resto do persoal: 50 % dos efectivos.

b) No ámbito funcional dos servizos hospitalarios e centros de atención primaria:

– Servizos de produción e loxística: 80 % dos efectivos.

– Servizos nos hospitais (CORAL): cobertura do 100 % da actividade.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base no criterio anterior farana as empresas e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos, deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, será determinada pola empresa e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios.

Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2018.

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade