Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2018 Páx. 13559

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada (A Coruña), promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/4-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3.12.2004 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución para subministración de gas natural no termo municipal de Sada (expediente IN627A 2006/2-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 31.12.2004.

Segundo. O 15.1.2008 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución correspondente ás instalacións de distribución de gas natural en Sada, promovido por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 9.9.2014 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para os efectos da súa aprobación, un novo proxecto de execución da rede de distribución de gas natural en Sada que substituíu o aprobado en 2008, o cal non chegou a realizarse.

Non obstante, este novo proxecto non chegou a tramitarse porque o Concello de Sada exixía a aprobación, con carácter previo ao outorgamento da súa autorización dun plan especial de infraestruturas e dotacións que incorporase a rede de gas natural canalizado.

Cuarto. O 13.11.2015 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a subscrición dun contrato marco con Repsol Butano, S.A. no cal se acordou que o grupo Gas Natural procederá á compravenda dunha serie de instalacións de GLP de Repsol Butano, S.A. en Galicia, entre as cales se atopa a rede de gas canalizado (GLP) de Sada. A este respecto hai que indicar o seguinte:

– O 20.10.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. ten en varios núcleos de poboación da provincia da Coruña, entre os cales se atopa Sada, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

– O 10.3.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Sada (A Coruña) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A.

Quinto. O 1.2.2016 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou, para os efectos da súa aprobación e xunto coas separatas técnicas correspondentes, o proxecto de execución correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Sada (rede de GLP cuxa transformación a gas natural é obxecto doutro proxecto cos expedientes IN627A 2017/4-0 e IN627A 2017/5-0).

Segundo consta no proxecto, a antena de aproximación ten o seu inicio na válvula de saída da ERM, que se instalará no lugar de Seixeda en Sada (obxecto doutro proxecto, co expediente IN627A 2006/11-1). Desde este punto discorre polo lugar do Castro ata o cruzamento coa estrada da Deputación DP-0812 e, desde aquí, continúa por esta estrada ata o cruzamento coa rúa da Lagoa, onde se realizará a conexión á rede de distribución de GLP, actualmente existente en Sada.

As instalacións obxecto do proxecto resúmense nun total de 3.041 m de tubo de polietileno PE100 e SDR 17,6 / SDR 17, de 110 e 90 mm de diámetro, co seguinte alcance:

– Execución dunha antena de aproximación en MOP 4 bar para o abastecemento a futuros clientes e a conexión á rede de distribución de GLP existente.

– Instalación de válvulas de corte para a regulación e control do fluxo de gas na antena de aproximación.

Este proxecto someteuse, baixo o número de expediente IN627A 2016/4-0, aos procedementos de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución.

Sexto. O 5.7.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada (A Coruña), promovida por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/4-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.8.2016, no Boletín Oficial da provincia do 20.7.2016 e nos xornais La Voz de Galicia e A Opinión do 26.7.2016, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Sada.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Sétimo. O 7.7.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de execución (infraestrutura gasista correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados pola mesma: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Sada, Telefónica de España, Viaqua, S.A., Unión Fenosa Distribución, S.A. e R Cable y Telecomunicaciones, S.A.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos que se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

A respecto das entidades que non contestaron (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Telefónica de España e Viaqua, S.A.), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Oitavo. O 11.5.2017 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiron informe favorable sobre o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada, cos seguintes condicionados:

– Previamente ao inicio das obras disporase de todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados, que estarán á disposición desta Administración.

– Previamente ao inicio das obras deberán achegar aos servizos técnicos desta xefatura territorial copia dos condicionados técnicos aceptados, así como toda solución técnica distinta á recollida na documentación presentada (gabias tipo, cruzamentos...).

– Se durante a fase de execución da obra se tivesen que adoptar medidas non establecidas no proxecto, e previamente á súa execución, deberase dispoñer do pertinente visto e prace desta xefatura territorial.

– Todas as modificacións xurdidas en fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o exposto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada (A Coruña), promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de autorización e execución de instalacións de gas natural: Antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada (A Coruña)», asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez (colexiado nº 2.233 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industrias da Coruña); e no cal figura un orzamento de 147,693,10 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras e durante a súa execución, a empresa promotora terá en conta o condicionado establecido para estes efectos no informe emitido polos servizos técnicos da xefatura territorial sobre o proxecto aprobado, a que se fai referencia no antecedente de feito oitavo desta resolución.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos da competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas