Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2018 Páx. 14871

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 29/2018, do 22 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.2 da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, prevé que para dar cumprimento ao acordo e para o desenvolvemento do Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, asinado o día 18 de outubro de 2017, se aplicarán as disposicións recollidas nos puntos un, dous, cinco e seis do artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

Neste artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, fíxase unha taxa de reposición do 100 % para as administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes, así como a posibilidade de dispor dunha taxa adicional para estabilización de emprego temporal, que incluirá ata o 90 por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompida, polo menos, nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016. Establece tamén que as ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberán aprobarse e publicarse nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2017 a 2019 e serán coordinadas polos departamentos ministeriais competentes.

Polo anterior, e tendo en conta a planificación educativa e as vacantes que durante o ano 2017 se produciron nos distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e as prazas de estabilización de emprego temporal que se ofertan neste ano 2018, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes, no ano 2018.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e da Lei 10/2015, do 31 de agosto, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o ano 2018, nos termos que se establecen neste decreto, e de conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nas leis 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, e na Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición

O número de prazas que se convoca nesta oferta de emprego público relativas á taxas de reposición é de 1.072.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á estabilización de emprego temporal para o ano 2018

O número de prazas que se convoca nesta oferta de emprego público relativas á estabilización de emprego temporal para o ano 2018 é de 581.

Artigo 4. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición e á estabilización de emprego temporal para o ano 2018, distribuída por corpos

Corpo de mestres: 705.

Corpo de profesores técnicos de formación profesional: 160.

Corpo de profesores de ensino secundario: 788.

Artigo 5. Convocatoria conxunta dos procesos selectivos

As prazas correspondentes á taxa de reposición de efectivos e as prazas relativas á estabilización de emprego temporal do mesmo corpo acumularanse nunha única convocatoria do procedemento selectivo.

Artigo 6. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos e de estabilización de emprego temporal ás que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 262.

Acceso ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas: 30.

Acceso ao corpo de catedráticos de música e artes escénicas: 105.

Artigo 7. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presente pola quenda de reserva supere a proba e non obteña praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluído ou incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 8. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas establecerase, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 9. Acumulación das prazas

1. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de ingreso libre acumularanse ás convocadas no dito sistema, na correspondente especialidade.

2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de acceso acumularanse ás prazas convocadas polo dito sistema, na correspondente especialidade.

3. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.

Artigo 10. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria