Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2018 Páx. 14876

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Blanco Amor.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Blanco Amor, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. José Manuel Baltar Blanco, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Blanco Amor foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 17 de outubro de 2017, ante a notaria María Teresa Fernández Carrera, co número 2.109 do seu protocolo, pola Deputación Provincial de Ourense, representada para este acto polo seu presidente José Manuel Baltar Blanco.

3. A Fundación Blanco Amor, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

– A conservación, difusión, promoción e tradución da obra de Eduardo Blanco Amor e o seu legado, facendo especial fincapé nos fondos bibliográficos (arquivo e publicación da biblioteca do escritor), propiedade da Deputación de Ourense desde o 7 de maio de 1983.

– A promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galega, as artes, a fotografía e os estudos históricos e políticos abordados polo autor e polos investigadores da súa obra.

– A dinamización e difusión sociocultural de todo o relacionado con Eduardo Blanco Amor, especialmente na provincia de Ourense, en Galicia, España e países de América relacionados co escritor.

– A potenciación e difusión da cultura e da realidade social, sobre todo da época do escritor, en Ourense, Galicia, en xeral, e no exterior, e a colaboración con entes públicos e privados de fins semellantes.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación de Ourense, como presidente; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián como vicepresidente; María de los Ángeles Fernández Pérez como secretaria; e por Luis González Tosar, María Isabel Rocío Outeiriño Rodríguez, Carlos Laíño Lorenzo, Siro López Lorenzo, Luis Pérez Rodríguez, Arturo Lezcano Fernández, Acisclo Manzano Freire, Bieito Iglesias Araujo, Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, Jesús Vázquez Abad como alcalde do Concello de Ourense, Anxo Manuel Lorenzo Suárez como secretario xeral de Cultura, e por Antón Vidal Andión en representación da Editorial Galaxia, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Blanco Amor, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15 de febreiro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 41, do 27 de febreiro) clasificouse de interese cultural a Fundación Blanco Amor, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Blanco Amor, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro

Declarar de interese galego a Fundación Blanco Amor.

Segundo

Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2018

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria