Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2018 Páx. 14849

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 27/2018, do 22 de febreiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de alargamento e mellora da PO-230, punto quilométrico 12+630-14+430, coa clave PO/16/109.10, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 27 de novembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 225) o Anuncio do 13 de novembro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de alargamento e mellora da PO-230, punto quilométrico 12+630-14+430, coa clave PO/16/109.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos certificados e informes presentados, o 19 de febreiro de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de alargamento e mellora da PO-230, p.q. 12+630-14+430, coa clave PO/16/109.10.

Este proxecto de construción ten por obxecto mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos cidadáns, cun importante efecto positivo sobre o medio socioeconómico e humano. Todo isto debido a que a estrada PO-230 discorre a media encosta, con pendentes elevadas no inicio do treito e pendentes suaves ao final do treito de estudo.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndenlle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar á realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de alargamento e mellora da PO-230, punto quilométrico 12+630-14+430, coa clave PO/16/109.10.

Santiago de Compostela, vinte e dous de febreiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda