Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2018 Páx. 15161

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sada

ANUNCIO de proposta de convenio de execución urbanística para a obtención anticipada de terreos destinados a viario no ámbito da APR-PERI-D3.1.

Reunidos, no Concello de Sada, o 25 de xaneiro de 2018.

Dunha parte, Óscar Benito Portela Fernández, alcalde do Concello de Sada, en representación deste, consonte as competencias outorgadas polo artigo 21.1.j) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Doutra parte, Antonio Muíño Temprano, maior de idade, con DNI núm. 32424561N; Mª Elena Muiño Temprano, maior de idade, con DNI núm. 76288036A e José Manuel Muíño Temprano, maior de idade, con DNI núm. 76336872X, actuando en nome propio, con enderezo para os efectos de notificacións, en Sada, rúa Linares Rivas, núm. 2, 15160, e teléfono 981 62 15 28, en calidade de propietarios dos terreos que se describen no expoñendo I.

Actúa como fedatario público o secretario do Concello de Sada, Emilio Seijo Frías,

Expoñen:

Primeiro. O obxecto do presente convenio é a obtención anticipada dos terreos destinados a viario no fronte da rúa Abegondo, pertencente ao municipio de Sada e incluídos no ámbito do APR-PERI-D3.6, do Plan xeral de ordenación municipal de Sada, aprobado definitiva e parcialmente pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o 11 de outubro de 2017, para os efectos de regularizar a dita rúa eliminando unha construción en situación de fóra de ordenación e permitindo continuar o tránsito peonil en condicións de seguridade coa execución dunha nova beirarrúa.

Os terreos afectados por este convenio contan coa referencia catastral 0499111NH6909N0001FO, e segundo a escritura outorgada o 8 de novembro de 1965, co núm. de protocolo 938, ante o notario Julián Marcos Alonso cítase o seguinte:

«B. Predio matriz resultante: ...

Terreo no sitio da Braña de cento corenta e sete metros e cincuenta decímetros cadrados. Linda: norte, parcela segregada; sur, camiño serventío que separa campón de herdeiros de Aguiar; leste, estrada de Sada ao Espírito Santo, e oeste, xunqueira de herdeiros de Manuel Aguiar, gabía no medio».

Segundo. A obtención dos ditos terreos supón o recoñecemento aos seus propietarios do aproveitamento urbanístico recoñecido no PXOM do Concello de Sada, cun coeficiente de edificabilidade de 0,50 m2/m2, cun aproveitamento tipo de 0,50 utc e referido á tipoloxía de vivenda plurifamiliar en bloque aberto, que se materializará no ámbito da área de planeamento remitido APR-PERI-D3.6.

Para os efectos de posibilitar a actuación sinalada, as partes aproban as seguintes

Cláusulas.

Primeira. Para realizar o obxecto deste convenio as partes asinantes comprométense ao seguinte:

O titular da propiedade: á inmediata cesión en propiedade ao Concello de Sada da parcela catastral referida, clasificada como solo urbano non consolidado e destinado a viario e zona verde e sen prexuízo da realización dun levantamento topográfico que acredite a realidade física da superficie que se pretende ocupar.

O Concello de Sada: a recoñecer o aproveitamento urbanístico de 0,50 m2 de uso característico residencial na APR-PERI-D3.6, correspondentes á superficie realmente existente consonte a medición que se realizará. En calquera caso, será obxecto de cesión o 10 % do aproveitamento urbanístico consonte as obrigas establecidas na Lei 2/2016 para os propietarios de solo urbano non consolidado.

Os gastos de demolición da dita construción preexistente, así como os de urbanización da superficie cedida e incluída na dita APR-PERI-D3.6, serán asumidos polo Concello de Sada e posteriormente repercutidos, coa actualización debida, como gastos de urbanización imputables ao dito ámbito e con cargo aos seus propietarios, de conformidade co réxime de repartición de cargas e beneficios para esta categoría de solo.

O convenio, en todo caso, estará suxeito aos límites establecidos na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e ao Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que foi aprobado o regulamento da Lei do solo, e realízase consonte o previsto nos artigos 129.3.e) e 167 da LSG/2016 e no artigo 400 do dito regulamento da Lei do solo.

Segunda. Facúltanse expresamente os propietarios para inscribir o correspondente aproveitamento urbanístico resultante deste convenio, consonte o previsto nos artigos 33 e seguintes do Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo, polo que foi aprobado o regulamento para inscrición no Rexistro da Propiedade dos actos de natureza urbanística, e consonte o previsto no artigo 403.3 do Regulamento da Lei do solo, unha vez que sexa asinado o texto definitivo do convenio no prazo máximo dos quince días seguintes ao da notificación da aprobación do texto definitivo, e quedará sen efecto de non subscribirse no dito prazo.

Terceira. O presente convenio de execución urbanística seguirá a tramitación prevista nos artigos 167 e 168 da LSG/2016 e dos artigos 401, 402 e 403 do regulamento da Lei do solo.

Sen prexuízo do anterior, a propiedade consente expresamente neste acto a ocupación polo Concello de Sada da dita parcela, con referencia catastral 0499111NH6909N0001FO, para a realización das correspondentes obras municipais.

Xúntanse como anexos a este convenio:

• Ficha de planeamento remitido (APR-PERI-D3.6) do PXOM de Sada.

• Consulta descritiva e gráfica catastral.

• Escritura pública acreditativa da titularidade dos terreos.

E, como proba de conformidade, asínase por triplicado en cada unha das súas follas, no lugar e data enriba sinalados.

Sada, 7 de febreiro de 2018

Óscar Benito Portela Fernández
Alcalde