Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2018 Páx. 15230

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido na Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 16.1.2009); o Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas (BOE núm. 61, do 12.3.2002), e no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11.10.2014), esta dirección xeral no uso das facultades que lle confire o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 221, do 19.11.2015) resolve convocar os exames teóricos e prácticos ordinarios para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, capitán/capitá de iate, patrón/patroa de moto náutica A e patrón/patroa de moto náutica B, conforme as seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer os requisitos para acceder ás probas ordinarias teóricas e prácticas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes ao código do procedemento administrativo PE616C, que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PE616C

2. Normas xerais.

a) Os exames teóricos e prácticos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18.12.2007).

b) As persoas que se presenten ao exame teórico complementario do patrón/patroa de embarcacións de lecer, deben estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os posuidores do certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para este efecto, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.

c) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consigan superar a proba, pero si o fagan de acordo coas exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración, ou ben para a expedición do título de patrón para navegación básica. Conservarán o aprobado perante un período máximo de dúas convocatorias consecutivas ordinarias en que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

d) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e superen algún dos módulos que conforman o exame teórico de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias que convoque esta Administración. Para este efecto, no caso de presentarse as convocatorias extraordinarias estas serán computadas como ordinarias.

3. Idade mínima.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos de idade no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Para obter calquera das outras titulacións náuticas de lecer os/as interesados/as deberán ter cumpridos os 18 anos de idade no momento en que se realicen as probas para a obtención destes títulos.

4. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para presentarse aos exames teórico e prácticos.

Os/as candidatos/as para presentarse aos exames teóricos ou prácticos, achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde queira realizar o exame. O modelo de solicitude é o que figura no anexo I desta resolución (procedemento PE616C). Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

b) Acreditar o pagamento das taxas. No caso de que as persoas interesadas non realicen o pagamento da taxa antes da data do fin da matrícula, non poderán presentarse aos exames.

Segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14.1.2004) e na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 (DOG núm. 245, do 28.12.2017), as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

b.1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 30,04 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 38,67 €.

– Patrón/patroa de iate: 54,18 €.

– Capitán/capitá de iate: 65,74 €.

– Patrón/patroa de moto náutica A ou B: 29,18 €.

b.2. Exames prácticos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 75,07 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 75,07 €.

– Patrón/patroa de iate: 112,62 €.

– Capitán/capitá de iate: 112,62 €.

– Patrón/patroa de moto náutica A ou B: 84,54 €.

O pagamento pode facelo por vía telemática ou presencial e deberá ser realizado dentro dos prazos establecidos para a matrícula. O enderezo web é o seguinte: https://ovt.atriga.gal/#!/detalle_servizo/?Pago+de+taxas+e+prezos/11609730/4126995/11609860/l/item-dark-blue

c) Consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos, no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

d) Copia do título de patrón/patroa para navegación básica, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder presentarse o exame teórico específico para a obtención do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e complementario do xa superado para obter o título de patrón para navegación básica.

e) Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate.

f) Copia do título de patrón/patroa de iate, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo II, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as persoas excluídas poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

6. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Consulta do DNI ou NIE do/da solicitante ou do representante.

– Copia do título de patrón/patroa para navegación básica.

– Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer.

– Copia do título de patrón/patroa de iate.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e presentar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

7. Protección de datos.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Titulacións» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico á sxt.mar@xunta.gal.

8. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos e prácticos, así como os lugares onde se realizarán aparecen indicados no anexo II.

As persoas que non se presenten aos exames non terán dereito a cambios de matrícula nin á devolución das taxas.

9. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

10. Desenvolvemento das probas.

Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas, co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

Realizadas as probas de seguridade e navegación do exame práctico, o/a presidente/a do tribunal comunicará aos/ás interesados/as o resultado destas coa cualificación de apto/a ou non apto/a.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar. Tamén publicarán nos mesmos sitios os resultados das probas prácticas de seguridade e navegación.

Os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no portal web de formación da Consellería do Mar para formular reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista das persoas que superaron as probas teóricas e outra coas persoas que superaron as probas prácticas de seguridade e navegación. Estas resolucións serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro e no portal web de formación da Consellería do Mar. Non obstante, para os actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento, observarase o disposto no artigo seguinte.

11. Notificacións para actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento.

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios de exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa para navegación básica, son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Os temarios correspondentes para obter a titulación de patrón/patroa de motonáutica A e B, están recollidos no anexo I e II do Real decreto 259/2002, do 8 de marzo.

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no anexo III da Resolución do 8 de febreiro de 2018, de la Dirección Xeral da Mariña Mercante, pola que se convocan exames teóricos ordinarios para a obtención das titulacións náuticas para o goberno de embarcacións de lecer, para o primeiro semestre do 2018.

15. Recursos.

Contra as resolucións do/a presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe das notas definitivas no portal web de formación da Consellería do Mar.

Contra a resolución desta convocatoria os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2018

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file

ANEXO II

Convocatoria de maio de 2018.

Matrícula: do 2 de abril ata o 20 de abril de 2018, ambos incluídos.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames

teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

21 de maio

25 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléfonos 886 11 08 25/886 11 08 26)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (R/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléfonos 881 93 82 12/ 881 93 82 13)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (R/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléfonos 881 86 63 17/ 881 86 63 24)

Patrón/patroa de

embarcacións de lecer

22 de maio

25 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

23 de maio

25 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

24 de maio

25 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Patrón/patroa de moto náutica A ou B

25 de maio

25 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Convocatoria de setembro de 2018.

Matrícula: do 20 de xullo ao 10 de agosto de 2018, ambos incluídos.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames

teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

10 de

setembro

14 de

setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléfonos 886 11 08 25/886 11 08 26)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (R/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléfonos 881 93 82 12/ 881 93 82 13)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (R/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléfonos 881 86 63 17/ 881 86 63 24)

Patrón/patroa de

embarcacións de lecer

11 de

setembro

14 de

setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

12 de

setembro

14 de

setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

13 de

setembro

14 de

setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo