Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2018 Páx. 15243

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a inscrición de embarcacións no censo da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

Antecedentes:

1. O día 23 de outubro de 2017, a Confraría de Pescadores de Corcubión remitiu as solicitudes de inscrición no censo da reserva mariña de interese pesqueiro (en diante, Remip) Os Miñarzos das embarcacións Madre Adriana (3ª-CO-5-1-17) e Sempre Avante (3ª-CO-5-2-17).

2. O día 31 de outubro de 2017 o órgano de xestión, seguimento e control (en diante, Oxesco) da Remip Os Miñarzos, na súa reunión ordinaria, debateu entre outras cuestións a proposta de permitir a incorporación de novas embarcacións ao censo da reserva.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a Remip Os Miñarzos, modificado polo Decreto 240/2008, do 2 de outubro, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

Así, o seu artigo 7, no cal se determinan as condicións de acceso, establece que será necesario estar inscrito nun censo específico para poder realizar, entre outras, as actividades da pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona: anzois, nasas, enmalle, a pesca da centola con gancho, e de conformidade co establecido no Plan de xestión integral, así como para a recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anemones, percebe, peneira ou calquera outro recurso específico que se recolla no marco do antedito plan.

2. A Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e xestión da Remip Os Miñarzos, modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009, define, no seu artigo 3, o procedemento que se deberá seguir para elaborar o censo de embarcacións autorizadas.

3. O 22 de agosto de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 8 de agosto de 2016, da Consellería do Mar, pola que se aprobaba o censo definitivo de embarcacións autorizadas para traballar na reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

4. O 23 de xuño de 2015, a Secretaría Xeral do Mar emitiu a Circular RM-1-2015, relativa ás condicións que deben cumprir as embarcacións incluídas no censo da Remip Os Miñarzos para exercer a actividade pesqueira no seu ámbito a partir do 1 de xullo de 2015.

5. O día 31 de outubro de 2017, o órgano de xestión, seguimento e control da Remip emitiu informe favorable sobre a proposta de permitir a incorporación de novas embarcacións ao censo da reserva para todas aquelas embarcacións que, non estando inscritas no censo aprobado pola Resolución do 8 de agosto de 2016, teñan porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e conten coas modalidades autorizadas na normativa de creación, uso e xestión da reserva e así o soliciten as súas persoas propietarias e/ou armadoras.

6. O artigo 8 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúelle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a dirección e a coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, así como de conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. O obxecto da presente resolución é iniciar o proceso para a inscrición de embarcacións no censo da Remip Os Miñarzos.

O código de procedemento administrativo é o PE402B.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución.

4. As solicitudes presentaranse preferiblemente pola vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, poderán presentar opcionalmente, as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As persoas propietarias e/ou armadoras das embarcacións xa inscritas no censo aprobado pola Resolución do 8 de agosto de 2016 non teñen que presentar unha nova solicitude para continuar inscritas no censo.

7. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE/NIF da persoa solicitante.

b) DNI/NIE/NIF da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

8. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5-2º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal

9. As embarcacións que soliciten a inscrición deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) O permiso de explotación da embarcación que estará en vigor deberá conter algunha das modalidades autorizadas no ámbito da Remip Os Miñarzos, de acordo co establecido nos artigos 5 e 6 bis do Decreto 87/2007, do 12 de abril, o artigo 4 da Orde do 27 de novembro de 2007 e o Plan de xestión integral aprobado para o ano 2018.

b) A embarcación terá porto base na Comunidade Autónoma galega e deberá estar inscrita no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

10. Para poder desenvolver a actividade pesqueira no ámbito da Remip Os Miñarzos, as embarcacións deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Permitir a instalación dun sistema de localización conectado ás baterías da embarcación, o que impide o seu apagado mentres a embarcación estea operativa, é dicir, desde a saída do porto ata a entrada neste (artigo 7.3 da Orde do 27 de novembro de 2007, modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009: «Para facilitar os labores de seguimento e control da actividade pesqueira e/ou marisqueira, os armadores das embarcacións inscritas no censo deberán permitir a instalación de dispositivos de identificación»).

b) Comunicar telefonicamente ou por radio VHF a entrada e saída na Remip Os Miñarzos (artigo 7.1 da Orde do 27 de novembro de 2007: «Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas no momento de acceder á reserva. Así mesmo, deben notificar a súa saída, o número de artes caladas ou empregadas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que lle permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar a comprobación dos datos transmitidos»).

c) Comunicación das capturas. Esta información será enviada semanalmente á persoa responsable do seguimento científico a través de estados específicos. A información será tratada de xeito confidencial e poderá ser utilizada exclusivamente con fins científicos e de xestión.

11. Para asegurar a sustentabilidade das pesqueiras no ámbito da Remip Os Miñarzos, estableceuse un sistema de control do esforzo:

a) Creouse unha bolsa de esforzo sobre a base dos resultados do seguimento científico realizado no ano 2016.

b) Non computan na bolsa de esforzo as embarcacións inscritas no censo con porto base en Lira.

c) A distribución da bolsa anual xestiónase por campañas anuais de pesca e non por anos naturais. A campaña anual de pesca comeza o 1 de xullo de cada ano e rematará o 30 de xuño do ano seguinte.

d) Para cada campaña o esforzo realizado mídese en tempo de faena das embarcacións inscritas no censo (agás as de Lira) dentro dos límites da reserva. Para o cómputo de tempo de faena utilízanse todas as modalidades de pesca. O cálculo do esforzo pesqueiro realizado por embarcacións de distinto porte faise atendendo aos coeficientes indicados na seguinte táboa:

Tipo

TRB

GT

Coeficiente

I

< 1.5

< 1.00

× 0,5 xornadas

II

1.5-2.49

1.00-1.74

× 0,5 xornadas

III

2.50-4.99

1.75-4.24

× 0,5 xornadas

IV

5.00-7.49

4.25-7.49

× 1 xornada

V

7.50-9.99

7.50-9.99

× 1 xornada

VI

10.00-19.99

10.00-19.99

× 1,5 xornadas

VII

>=20

>=20

× 1,5 xornadas

e) Para a campaña 2017-2018 a bolsa de esforzo será de 4.000 horas.

f) No suposto de que a bolsa de esforzo se esgote antes de rematar a campaña anual de pesca, poderá verse incrementada a dita bolsa nunha porcentaxe máxima do 15 %, que automaticamente se detraerá da bolsa da campaña seguinte. Se dous anos consecutivos precisan de trasvasamento de esforzo, procederíase á revisión das xornadas da bolsa de esforzo.

12. A contratación de gardapescas para a realización de labores de control, vixilancia e seguimento da Remip Os Miñarzos levarase a cabo ao abeiro da orde de axudas a proxectos colectivos.

13. O seguimento científico estará a cargo da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico, que terá como funcións principais:

a) Velar pola consecución dos obxectivos da reserva establecidos no artigo 2 do Decreto 87/2007, do 12 de abril.

b) Velar polo cumprimento dos acordos adoptados no Oxesco.

c) Informar o Oxesco do funcionamento e evolución da reserva.

d) Deseñar e realizar unha análise das ameazas da reserva.

e) Elaborar, en colaboración cos representantes do sector, os plans de xestión integral plurianuais e avaliar o seu cumprimento.

f) Elaborar, en colaboración cos representantes do sector, os plans de acción anuais e avaliar o seu cumprimento.

g) Coordinar o comité asesor integrado por investigadores e técnicos da Administración, xunto coas asistencias técnicas das confrarías con frota inscrita no censo da reserva.

h) Velar polo bo funcionamento das instalacións e equipamento empregado na xestión e vixilancia da reserva.

i) Informar o Oxesco e as confrarías con frota inscrita no censo do consumo da bolsa de esforzo.

j) Establecer mecanismos para a consecución dos acordos e solución de conflitos.

k) Formar o persoal involucrado na xestión e vixilancia da reserva.

14. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

15. Tras a finalización do prazo de presentación de solicitudes e logo de informe do órgano de xestión, seguimento e control, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica elaborará un censo provisional, que se publicará no Diario Oficial de Galicia para que as persoas interesadas poidan formular alegacións durante un prazo de quince días.

O censo definitivo será aprobado por resolución da titular da Consellería do Mar, que se publicará no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018

Mercedes Rodríguez Moreda
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

missing image file
missing image file