Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 10 de abril de 2018 Páx. 19480

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de marzo de 2018 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2018.

O artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, determina o marco xeral en que se encadran as subvencións que a consellería competente, na actualidade a Consellería de Economía, Emprego e Industria, concederá ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de lles facilitar ás organizacións sindicais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, anúncianse os seguintes tipos de axudas para o ano 2018.

Programa I. Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2018.

Programa II. Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos dous programas mencionados ascende a un total de 1.099.800 € que figura na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e atribúe á Secretaría Xeral de Emprego a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os cales foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto e tipo de axudas

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Economía, Emprego e Industria ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co seguinte:

Programa I (TR807A). Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais.

Programa II (TR807B). Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

2. Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto no título II do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais para os efectos das axudas previstas nesta orde, terase en conta a representatividade sindical en 31 de decembro de 2017, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

Artigo 2. Condicións xenéricas para os dous programas

1. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nesta orde. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia e a repartición axustarase aos criterios que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira e os gastos notariais e rexistrais, nin os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

4. Os gastos derivados de actividades de asesoría xurídica só serán subvencionables nos casos en que o asesoramento estea referido a actividades sindicais. Para estes efectos, serán actividades subvencionables todas aquelas accións en que o dito asesoramento se realiza en nome e/ou representación da entidade solicitante para a defensa das persoas traballadoras ás cales representa en todo tipo de procedementos xudiciais e extraxudiciais.

CAPÍTULO II

Programa I. Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2018

Artigo 3. Finalidade

Será a de facilitarlles axudas económicas ás organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades ordinarias que lles son propias e que se desenvolvan no ano 2018.

Artigo 4. Financiamento

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.481.6 da Secretaría Xeral de Emprego cun crédito por importe de 780.200 €, co código de proxecto 2015/513.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

1. O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as organizacións sindicais solicitantes a que se refire o artigo 1.2.

2. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións ordinarias e habituais realizadas polas organizacións sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das funcións que lles son propias.

CAPÍTULO III

Programa II. Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais

Artigo 6. Finalidade

Será a de apoiar o funcionamento dos gabinetes técnicos das organizacións sindicais nas actividades específicas das materias correspondentes ao exercicio da actividade sindical, así como a de facilitar a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 7. Requisitos dos gabinetes técnicos

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos das organizacións sindicais deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas, unha das cales deberá ter unha titulación de grao ou equivalente. Estas persoas estarán contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 8. Financiamento

Estas subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.481.7 da Secretaría Xeral de Emprego cun crédito por importe de 319.600 € co código de proxecto 2015/514.

Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

1. O crédito será proporcionalmente distribuído entre as organizacións sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen en 31 de decembro de 2017 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Terase en conta o número de representantes que teñan as organizacións sindicais baixo a denominación coa cal figuren rexistradas na antedita data.

2. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico derivadas do funcionamento ordinario dos gabinetes técnicos das organizacións sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das súas funcións, así como a impartición de actividades formativas dirixidas a cadros e delegadas e delegados sindicais. No caso de actividades formativas, os custos subvencionables por participante e por hora de impartición determinaranse de acordo cos módulos económicos máximos establecidos no anexo I da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento (BOE núm. 67, do 18 de marzo de 2008).

3. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde que teñan por finalidade o financiamento de plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe do plan.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a Secretaría Xeral de Emprego a través de comunicación escrita.

CAPÍTULO IV

Procedemento

Artigo 10. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo cal se decida solicitar a subvención, e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante. No caso de que unha federación ou confederación efectúe a solicitude da subvención en nome doutros sindicatos con representatividade, deberá xuntar documentación acreditativa en que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a organización sindical ou o seu gabinete técnico e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite. En todo caso, as actuacións corresponderán ao ano 2018 e deberán constar de xeito detallado e específico.

c) As organizacións sindicais solicitantes das axudas relativas ao Programa II, ademais de achegaren a documentación anterior deberán acreditar que teñen a condición de intersectoriais.

d) Cando se trate de axudas para o funcionamento de gabinetes técnicos, tamén se deberá xuntar copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e os documentos expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social que acrediten a súa alta, así como a realización dunha xornada a tempo completo como persoal traballador da central sindical solicitante.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a cotexo da copia electrónica presentada.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de débedas expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de débedas expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de débedas expedido pola Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar a Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Secretaría Xeral de Emprego comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de dez (10) días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior, os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe previo á elevación perante o órgano competente para formular a proposta de resolución.

3. Para os efectos do disposto no punto anterior, a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen presidirá; a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral; unha persoa titular dunha sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, e unha persoa funcionaria designada pola Presidencia da comisión, que actuará como secretario ou secretaria.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, e o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á dita secretaría xeral.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e da proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais e a fiscalización da Intervención Delegada da Consellería, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e notificaráselles ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 17. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento, a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2018, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida poderanse realizar pagamentos anticipados para os dous programas, logo de solicitude en concepto de anticipo, e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cando o importe da subvención non supere os 18.000 €, ata o 80 % da subvención concedida.

b) Cando a subvención supere os 18.000 €, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 €.

3. As axudas, con carácter xeral, poderanse facer efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos derivados delas.

4. De conformidade co disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80 % da subvención concedida.

5. Documentación xustificativa:

a) Certificacións nas cales figure a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedidas pola persoa representante da central sindical solicitante.

b) Facturas nas cales figure o destino concreto do gasto, que se deberá axustar á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Admítese a presentación de facturas electrónicas sempre que se poida garantir a autenticidade da orixe e a integridade do contido da factura de acordo co artigo 10 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo cal se regulan as obrigacións de facturación. Tamén se admiten os xustificantes de pagamento por vía electrónica.

Non se admitirán as xustificacións de gastos realizadas mediante pagamentos en efectivo.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra Administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados (segundo o modelo do anexo III).

d) No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, tamén se achegarán os seguintes documentos:

1º. Relación nominal das persoas traballadoras, cos seguintes datos: nome, tipo de contrato e xornada de traballo.

2º. Os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta).

3º. Transferencias bancarias do seu pagamento.

e) No caso de xustificar gastos derivados de asesoría xurídica, tamén deberán presentar unha certificación da persoa representante da central sindical na cal se especifiquen o concepto, os termos, o importe e os datos identificativos da persoa ou persoas ou entidade que prestan o dito asesoramento.

f) No caso de que se realice a subcontratación das actividades subvencionadas prevista no artigo 9 desta orde, as entidades beneficiarias da axuda para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais tamén achegarán, cando sexa necesario, copia do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) No momento da xustificación das actividades subvencionadas, deberase presentar declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser individualizada para cada programa (segundo o modelo do anexo III).

h) No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberase presentar declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados; se é o caso, indicarase na declaración que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo III).

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Así mesmo, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do último pagamento, deberase presentar unha memoria detallada de todas as actividades realizadas no ano 2018 dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Deberán constar as datas e os lugares de realización, así como o contido das ditas actividades.

j) Ademais do disposto nos puntos anteriores, na memoria das actividades realizadas e subvencionadas no marco do Programa II e segundo o suposto de que se trate, faranse constar:

1º. Aquelas actuacións propias e específicas da materia ás cales se dedique o gabinete técnico da central sindical solicitante.

2º. Se é o caso, certificación do representante legal da central sindical solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico correspondente.

3º. No caso de plans de formación, deberán presentar unha relación detallada dos cursos e demais actividades formativas desenvolvidas durante o ano 2018, especificando as datas e os lugares de realización efectiva, número de horas e porcentaxe mínima de asistencia exixida, xunto cunha estatística co número de asistentes ás actividades formativas desagregada por sexo. Deberanse achegar os controis de asistencia de cada alumna ou alumno ás actividades formativas.

6. En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos nos artigos 46 e 47 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e terán que se presentar antes do 31 de outubro de 2018.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 15.000 euros, de acordo co establecido no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

8.Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a xustificación dos gastos perante a Secretaría Xeral de Emprego, esta requiriralle á central sindical beneficiaria que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

9. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a central sindical beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO V

Compatibilidade, obrigas, seguimento e control

Artigo 21. Compatibilidade e prohibicións

1. A central sindical solicitante non poderá estar incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida nos anexos I e II desta orde.

2. Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións, non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Acreditar, con anterioridade á proposta de resolución así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que están ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, achegarase antes do 10 de febreiro de 2019 o modelo 190, relativo ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes.

Cando se trate de axudas destinadas ao funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2019 os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 ou desde a data da súa creación, se esta for posterior, ata o 31 de decembro de 2018.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, funcións para as cales poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, técnicos ou funcionarios da dita consellería; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras achegas fóra do caso permitido no artigo 21.2 desta orde, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Revogación e reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Os criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións serán os seguintes:

a) No caso de obter a axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva, procederá o reintegro total.

b) No caso da obtención concorrente doutras achegas, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo total da actividade realizada.

3. Cando non se realice integramente a actividade prevista, valorarase o nivel de realización e o importe da subvención será proporcional ao dito nivel.

Artigo 25. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 26. Outra documentación

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que, de acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa estean en poder da Administración actuante.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a estas subvencións, así como para resolver os procedementos de revogación das subvencións concedidas e os reintegros de subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das cales derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Lexislación supletoria

En todo o non regulado nesta orde aplicaranse de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file