Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20396

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 7 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do parque natural do Invernadeiro.

O parque natural do Invernadeiro abrangue unha superficie de 5.722 ha e está constituído na súa totalidade polos montes do Invernadeiro, situados no termo municipal de Vilariño de Conso, na provincia de Ourense.

Estes montes conforman un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito da comunidade galega, tanto pola singularidade dos seus hábitats e especies como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. Esta relevancia ambiental, unida ao feito de ser unha das maiores superficies continuas de titularidade pública, cun elevado grao de illamento en relación coas vías e núcleos de poboación, converten ao espazo nun lugar excepcional para a protección e conservación dos valores naturais. Na actualidade non existen núcleos habitados dentro do parque e a poboación máis próxima dista varios quilómetros. Este espazo foi declarado parque natural coa publicación do Decreto 155/1997, do 5 de xuño (DOG núm. 123, do 27 de xullo).

O Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) deste parque foi aprobado mediante o Decreto 166/1999, do 27 de maio (DOG núm. 106, do 4 de xuño).

O marco legal no momento da aprobación deste PORN e da declaración do parque natural era a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, que constituía a lexislación estatal básica, vixente ata decembro de 2007. Desta forma, a estrutura e os contidos do PORN do Invernadeiro son previos á actual lexislación ambiental.

No ano 2001, a Xunta de Galicia, facendo uso das facultades que lle outorga o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía para establecer normas adicionais sobre protección do medio, aproba a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que é o marco normativo galego para a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade. Esta norma, no seu artigo 34, establece o contido mínimo dos plans reitores de uso e xestión, que desenvolverán as directrices emanadas do PORN e as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación, segundo establece o artigo 33. Tamén se instaura que estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio. Así mesmo, determina que a vixencia máxima do plan reitor de uso e xestión (en diante PRUX) será de seis anos e que será obrigatorio revisalos ao final de cada período ou antes, se for necesario.

Por outra banda, no contexto da política de conservación da Unión Europea, coa aprobación da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, abordáronse os traballos de deseño da rede Natura 2000 en Galicia. Neste senso, o territorio delimitado polo parque natural do Invernadeiro formou parte da proposta galega á rede Natura 2000, mediante a Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia núm. 95, do 19 de maio de 2004), publícanse os límites dos diversos espazos considerados como zonas de especial protección dos valores naturais (ZEPVN), entre os cales figuran o espazo natural protexido como lugar de importancia comunitario (LIC), (LIC Macizo Central (ES1130002) (Decisión 2004/813/UE da Comisión, do 7 de decembro de 2004 pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica (DOUE L387/1, do 29.12.2004).

Na actualidade é a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a que establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural, da cal salientamos os seguintes aspectos:

Sobre o contido das normas reguladoras dos espazos naturais protexidos, o artigo 29.2. di que se se superpoñen nun mesmo lugar distintas figuras de espazos protexidos, as normas reguladoras destes así como os mecanismos de planificación deberán ser coordinados para unificarse nun único documento integrado, co obxecto de que os diferentes réximes aplicables en función de cada categoría conformen un todo coherente.

No seu artigo 31.5. establece a necesidade de elaborar plans reitores de uso e xestión para os parques naturais que aprobará o órgano competente da Comunidade Autónoma.

Por último, en relación coa rede Natura 2000, a lei recolle no artigo 46 a conveniencia de realizar un plan de xestión específico para os lugares así como a necesidade de que os lugares de interese comunitario (LIC) designados se declaren oficialmente como zonas especiais de conservación (ZEC) polos gobernos autonómicos.

Obedecendo a estas premisas, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas de especial conservación (ZEC) os LIC de Galicia e se aproba o Plan director da rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión para os espazos naturais incluídos no seu ámbito de aplicación.

O artigo 24 do Plan director establece que naqueles territorios incluídos no seu ámbito territorial que, pola súa condición de parque nacional ou parque natural, posúen un plan de ordenación dos recursos naturais, o Plan director considérase complementario dos obxectivos, directrices e normas incluídos nos ditos instrumentos de planificación. En particular, será aplicable a zonificación do Plan director, sen prexuízo da zonificación que se recolla nos instrumentos de ordenación específicos como consecuencia do planeamento de maior detalle, que se manterá en vigor. Atenderase entón á regulación de usos previstos, sen prexuízo da aplicación das limitacións específicas que se recollan no PORN.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan reitor de uso e xestión durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico parques.naturais@xunta.gal, poñendo no asunto: PRUX PN INVERNADEIRO.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do parque natural do Invernadeiro poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Ourense, avda. Habana, 79, 5º, 32071 Ourense.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural