Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 14 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do parque natural da Serra da Enciña da Lastra.

O parque natural da Serra da Enciña da Lastra constitúe o principal macizo calcario de Galicia, que destaca pola súa extensa rede de covas e impresionantes tallos, xunto coa súa posición bioxeográfica na rexión mediterránea, con escasas choivas, o que implica o sustento dunha biodiversidade excepcional, tanto de tipos de hábitats e formacións vexetais como de especies de flora e fauna. A Serra da Enciña da Lastra acolle as formacións de bosques e matogueiras espiñosas mediterráneas máis extensas e mellor conservadas de Galicia. Non só constitúen os aciñeirais máis extensos da Comunidade Autónoma senón os únicos de carácter calcícola, feito que favorece a entrada de especies de flora descoñecidas no resto da Comunidade Autónoma.

Está situado no oriente da provincia de Ourense, no concello de Rubiá dentro da comarca de Valdeorras.

No ano 2002 aprobábase mediante Decreto 77/2002 (DOG nº 55, do 18 de marzo) o Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) do espazo natural Serra da Enciña da Lastra.

Este espazo foi declarado parque natural mediante o Decreto 157/2002 (DOG nº 85, do 3 de maio).

O marco legal no momento da aprobación deste PORN e da declaración do parque natural era a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, que constituía a lexislación estatal básica, vixente ata decembro de 2007. Desta forma, a estrutura e contidos do PORN do parque natural Serra da Enciña da Lastra son previos á actual lexislación ambiental.

No ano 2001, a Xunta de Galicia, facendo uso das facultades que lle outorga o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía para establecer normas adicionais sobre protección do medio, aproba a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que é o marco normativo galego para a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade. Esta norma, no seu artigo 34, establece o contido mínimo dos plans reitores de uso e xestión, que desenvolverán as directrices emanadas do PORN e as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación segundo establece o artigo 33. Tamén se instaura que estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio. Así mesmo, determina que a vixencia máxima do Plan reitor de uso e xestión (en diante PRUX) será de seis anos, e que será obrigatorio revisalos ao final de cada período ou antes, se for necesario.

Por outra banda, no contexto da política de conservación da Unión Europea, coa aprobación da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, abordáronse os traballos de deseño da rede Natura 2000 en Galicia. Neste senso, o territorio delimitado polo parque natural Serra da Enciña da Lastra formou parte da proposta galega á rede Natura 2000, integrando a zona especial de conservación (ZEC) Serra da Enciña da Lastra (código ZEC ES 1130009), zona de especial protección para as aves (ZEPA) Serra da Enciña da Lastra (código ZEPA ES1130009) e zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) Serra da Enciña da Lastra (código ZEPVN ES 1130009)

Na actualidade é a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a que establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural, da cal salientamos os seguintes aspectos:

Sobre o contido das normas reguladoras dos espazos naturais protexidos, o artigo 29.2 di que, se se superpoñen nun mesmo lugar distintas figuras de espazos protexidos, as normas reguladoras destes, así como os mecanismos de planificación, deberán ser coordinados para unificarse nun único documento integrado, co obxecto de que os diferentes réximes aplicables en función de cada categoría conformen un todo coherente.

No seu artigo 31.5 establece a necesidade de elaborar plans reitores de uso e xestión para os parques naturais, que aprobará o órgano competente da Comunidade Autónoma.

Por último, en relación coa rede Natura 2000, a lei recolle no artigo 46 a conveniencia de realizar un plan de xestión específico para os lugares, así como a necesidade de que os lugares de interese comunitario (LIC) designados sexan declarados oficialmente como zonas especiais de conservación (ZEC) polos gobernos autonómicos.

Obedecendo a estas premisas, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran ZEC os LIC presentes de Galicia e se aproba o Plan director da rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión para os espazos naturais incluídos no seu ámbito de aplicación.

O artigo 24 do Plan director establece que naqueles territorios incluídos no seu ámbito territorial que, pola súa condición de parque nacional ou parque natural, posúen un plan de ordenación dos recursos naturais, o Plan director se considera complementario dos obxectivos, directrices e normas incluídos nos ditos instrumentos de planificación. En particular, será aplicable a zonificación do Plan director, sen prexuízo da zonificación que se recolla nos instrumentos de ordenación específicos como consecuencia do planeamento de maior detalle, que se manterá en vigor. Atenderase entón á regulación de usos previstos, sen prexuízo da aplicación das limitacións específicas que se recollan no PORN.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso a xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan reitor de uso e xestión durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico parques.naturais@xunta.gal, poñendo no asunto PRUX PN LASTRA

Segundo. Durante o citado prazo, o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do parque natural Serra da Enciña da Lastra poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Ourense, avenida da Habana, 79, 5º, 32071 Ourense.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio:
http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural