Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20391

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO 879/2016).

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

PO. Procedemento ordinario 879/2016

Procedemento de orixe: sobre ordinario

Demandante: Jesús Abonjo Gómez

Avogada: Sonia Touceda Ferreiro

Demandados: Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), Lineanorte Multiservicios, S.L.

Avogado/a: letrado/a de Fogasa

Eu, Susana Varela Amboage, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento ordinario 879/2016 deste xulgado do social, seguido por instancia de Jesús Abonjo Gómez contra Lineanorte Multiservicios, S.L. e Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

Sentenza: 130/2018

PO. Procedemento ordinario 879/2016

Procedemento de orixe: sobre ordinario

Demandante: Jesús Abonjo Gómez

Avogada: Sonia Touceda Ferreiro

Demandados: Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), Lineanorte Multiservicios, S.L.

Avogado/a: letrado/a de Fogasa

En Santiago de Compostela o 22 de marzo de 2018.

Elena Calleja Curros, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número 3, unha vez visto o procedemento ordinario 879/2016 por instancia de Jesús Abonjo Gómez, contra Lineanorte Multiservicios, S.L. e Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), en nome do rei pronunciou a seguinte sentenza.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Foi aquendada a este xulgado demanda presentada pola parte demandante contra Lineanorte Multiservicios, S.L., na cal, tras facer as alegacións de feito e de dereito que se tiveron por oportunas, solicitaba que se condenase a demandada ao aboamento de 4.722,74 euros máis os xuros de demora do artigo 29.3 do Estatuto dos traballadores.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, sinalouse data para o xuízo e compareceu só a parte demandante. No acto da vista, a parte demandante afirmouse e ratificouse na súa demanda. Unha vez efectuada a proba proposta e admitida (documental e interrogatorio de parte con solicitude de aplicación de efectos de ficta confessio), concedeuse trámite de conclusións, tras o cal quedaron os autos vistos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación do presente xuízo observáronse e cumpríronse as disposicións legais.

Feitos probados:

1. A parte demandante prestou servizos para a demandada con categoría profesional de oficial de primeira e debía percibir un salario mensual de 1.454,58 euros, 48,48 euros diarios, incluído o rateo de pagas extras.

2. O traballador recibiu unha comunicación da empresa pola cal era informado de que a partir do 9 de setembro de 2016 se daba por terminado o contrato que a vinculaba co traballador, alegando como causa a finalización do período do contrato.

En documento de liquidación e finiquito que a empresa lle entregou ao traballador consta a liquidación do salario correspondente aos días 1 a 9 de setembro de 2016 e parte proporcional de pagas extraordinarias e complemento de asistencia equivalente a un importe de 877,85 euros brutos.

3. No ano 2016 realizou 249 xornadas de traballo, polo que lle correspondían 21 días de vacacións e quedaron pendentes de desfrutar a totalidade.

4. O demandante realizaba unha xornada, de luns a venres, das 8.30 ás 13.00 horas e das 14.30 ás 19.00 horas, o que supoñía unha hora diaria extra.

5. Mediante a Sentenza do 17 de febreiro de 2017 declarouse a improcedencia do despedimento e a extinción da relación laboral na data de sentenza.

6. Na data da vista, a empresa debíalle a cantidade de 4.586,76 euros, desagregada da seguinte forma:

1.454,58 euros por salario de agosto 2016.

436,37 por salario proporcional correspondente aos días 1 a 9 de setembro de 2016.

1.677,73 euros en concepto da realización dunha hora extra diaria desde xaneiro de 2016 ata xullo de 2016, a razón de 12,07 euros.

1.018,08 euros en concepto de liquidación de 21 días de vacacións non desfrutadas.

7. É de aplicación o Convenio colectivo provincial do sector da construción e obras públicas da Coruña, cuxo artigo 28 prevé 30 días de vacacións.

8. Celebrouse acto conciliatorio previo tentado sen efecto (doc. acompañando a demanda).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O relato de feitos probados, en cumprimento do prescrito polo artigo 97.2 da Lei reguladora da xurisdición social, foi deducido da proba realizada, valorada no seu conxunto segundo as regras da crítica sa, tomando en consideración a facultade de ter por recoñecidos os feitos constitutivos da pretensión demandante nos cales interveu a demandada e cuxa fixación como certos lle é prexudicial en todo ou en parte (artigo 91.2 da Lei da xurisdición social S/304 da Lei de axuizamento civil).

Con carácter xeral, resultan da proba documental realizada valorada no seu conxunto. A toda a documental achegada (nóminas, contrato de traballo, sentenza do Xulgado do Social número 1, autos 801-2016, dilixencia de ordenación en que declara firmeza) deberáselle atribuír forza probatoria plena tendo en conta a actitude procesual da demandada, que non compareceu, pois non foi obxecto de impugnación ningunha nin en canto á súa autenticidade nin no relativo ao fondo ou valor probatorio. Danse por integramente reproducidos os documentos achegados aos autos para a correcta integración do relato de feitos probados (STS da 16.6.2015).

Doutra banda, débese facer uso da facultade prevista no artigo 94.2 da Lei reguladora da xurisdición social (LRXS) relativa á falta de presentación sen causa xustificada da documental requirida á parte, permitindo estimarse probadas as alegacións feitas pola contraria en relación coa proba acordada.

Para determinar o salario do traballador tomouse en consideración o fixado na sentenza de despedimento. Obtense un salario diario de 48,48 euros diarios, que é o que se utiliza para calcular os conceptos debidos por salarios e vacacións pendentes.

O exceso de xornada dunha hora diaria resulta acreditado polas conclusións da sentenza de despedimento que tivo en conta a testifical realizada, sen que comparecese a parte demandada para alegar o contrario.

Segundo. No presente procedemento a demandante exerce reclamación de cantidade correspondente a salarios pendentes no momento da extinción da relación laboral, liquidación de vacacións e horas extras, e non compareceu a empresa demandada, correctamente citada.

Tendo en conta que o principio regulador da carga da proba nos supostos de reclamación de pagamento de cantidades por salarios devindicados e non percibidos determina que o reclamante está obrigado a demostrar a prestación dos servizos cuxo pagamento reclama e, en consecuencia, a devindicación non satisfeita do salario correspondente a estes, e que é ao demandado, se exceptúa o pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo, a quen lle incumbirá a carga de probar o dito pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo – sentenzas do Tribunal Supremo do 13 de maio de 1986, 26 de xaneiro de 1988 e 2 de marzo de 1992–. A aplicación do onus probandi –coa consecuente imposición ao traballador da carga de acreditar o presuposto constitutivo da súa pretensión– determina a necesidade de xustificar por parte do empregador demandado o aboamento efectivo das retribucións reclamadas.

É polo que, correspondendo ao empresario probar o pagamento dos salarios reclamados –feito extintivo–, logrando acreditar o traballador os feitos constitutivos da súa reclamación monetaria, tendo en conta a documental achegada e en aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da LRXS, deberán térselle ante a súa incomparecencia, e citación cos apercibimentos correspondentes, por recoñecidos os feitos que constan na demanda, tanto relación laboral, categoría profesional, salarios no modo exposto, como cantidades devindicadas durante os meses reclamados da súa relación laboral, pero igualmente do mesmo xeito a falta de aboamento pola parte demandada.

Consecuencia da proba articulada, no suposto de autos, acreditáronse nas actuacións os presupostos constitutivos da obriga, todo o cal comporta as obrigas contidas nos artigos 4.2.f) e 29.1 e 53.4 do Estatuto dos traballadores, en relación co artigo 122.3 da Lei reguladora da xurisdición social, e correspóndelle ao demandado a proba dos feitos que impidan, extingan ou enerven tales obrigas (artigos 217.3 e 281 da Lei de axuizamento civil (LAC). Ao non se ter realizado a dita proba, a demanda debe ser estimada, con obriga de aboamento das cantidades que se declararon probadas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

RESOLVO:

Estímase parcialmente a demanda interposta pola parte demandante contra Lineanorte Multiservicios, S.L. e condénase a demandada ao aboamento de 4.586,76 euros máis os xuros de demora do artigo 29.3 do Estatuto dos traballadores.

Notifíqueselles esta resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución, para o cal abondará a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social colexiado ou representante dentro do indicado prazo.

Así o acorda, manda e asina Elena Calleja Curros, maxistrada de reforzo deste xulgado.

Para que sirva de notificación en legal forma a Lineanorte Multiservicios, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios deste xulgado.

Advírteselle á destinataria que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018

A letrada da Administración de xustiza