Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2018 Páx. 20623

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 5 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de grupos e organizacións de produtores no sector agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 393594.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as organizacións de produtores recoñecidas oficialmente como tales desde o 1 de xaneiro de 2014 en función da normativa nacional sectorial ou que adquiran tal recoñecemento sobre a base do seu plan empresarial.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a creación de grupos e organizacións de produtores no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocalas para o ano 2018, no marco do PDR de Galicia 2014-2020, dentro da medida 9 Creación de grupos e organizacións de produtores, submedida 9.1 Creación de agrupacións e organizacións de produtores no sector agrícola e forestal.

A medida enlaza esencialmente coa prioridade 3 e, particularmente, coa área focal 3A, mellorar a competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea alimentaria a través de réximes de calidade, engadir valor aos produtos agrícolas, promoción en mercados locais e circuítos de distribución curtos, agrupación de produtores e organizacións interprofesionais.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de grupos e organizacións de produtores no sector agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 1.500.000 euros.

A axuda consiste nunha cantidade fixa que será aboada en tramos anuais durante os cinco primeiros anos desde a data en que a autoridade competente recoñeza oficialmente a agrupación ou organización de produtores.

A axuda calcularase en función do valor da produción comercializable (VPC) da organización de produtores, tomando como referencia o VPC da anualidade anterior a aquela en que se solicita a axuda.

Establécese un importe máximo subvencionable de 100.000 € anuais e non excederá:

O 1º ano de funcionamento o 10 % do VPC.

O 2º ano de funcionamento o 9 % do VPC.

O 3º ano de funcionamento o 8 % do VPC.

O 4º ano de funcionamento o 7 % do VPC.

O 5º ano de funcionamento o 6 % do VPC.

O número de anualidades verase reducido no caso de OP que non estean no seu primeiro ano de funcionamento desde a data do seu recoñecemento oficial.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2018

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias