Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2018 Páx. 21669

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de abril de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal do Hospital de Monforte a partir do día 24 de abril de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e Sagap comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará a todo o persoal do Hospital Comarcal de Monforte e que se desenvolverá, inicialmente, das 8.00 ás 24.00 horas dos días 24 e 26 de abril de 2018, tendo asemade previsto continuar de xeito indefinido, nos mesmos tramos horarios, os martes e os xoves das semanas sucesivas.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta a todo o persoal que presta servizos no Hospital Comarcal de Monforte e desenvolverase, nos termos da propia convocatoria, de xeito indefinido. En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores: o risco para os/as pacientes, a conseguinte afectación da folga á actividade asistencial e o volume de poboación atendida no citado centro, unido ao propio carácter indefinido da folga. Por iso, deben manterse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible aos/ás pacientes hospitalizados/as, así como a atención que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que para a fixación dos servizos mínimos se adopten os seguintes criterios reitores:

a) Persoal licenciado sanitario:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das doentes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático e dos/das doentes desprazados/as.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos/das pacientes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios/as de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

b) Persoal sanitario diplomado e de formación profesional:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/das pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito das consultas estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático e dos/das pacientes desprazados/as.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás doentes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/das pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

c) Persoal de xestión e servizos:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

4. Atención ao paciente: un número de efectivos que garanta a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

7. Limpeza: ata o 50 % dos efectivos da quenda.

8. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, ou ben un 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

9. Condutores/as: o mesmo número de efectivos que o dos domingos ou festivos cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

10. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos/ás pacientes.

– Persoal: o número imprescindible para garantir a atención das incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata o 40 % dos efectivos da quenda.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25 % dos efectivos da quenda.

d) Persoal das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC): o número imprescindible para garantir a atención das incidencias.

e) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase con carácter xeral un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola xerencia executiva e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos/das usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Hospital Comarcal de Monforte

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico

Urxencias

4

3

3

Área Cirúrxica

9

9

9

Área Clínica/Hospitalización

5

4

4

SS. CC.

5

5

5

Matrón/matroa

Matrón/matroa

1

1

1

Persoal enfermeiro

Urxencias

5

4

4

Área Cirúrxica

4

2

2

Área Clínica/Hospitalización

11

10

5

SS. CC./REA

8

1

1

Persoal sanitario FP

TCAE e técnico/a farmacia

18

14

8

Técnico/a especialista

4

4

2

Celador/a

8

5

3

Persoal administrativo

6

1

1

Persoal mantemento

2

2

2

Telefonista

1

1

-

Hostalaría

Cociñeiro/a

1

1

-

Pinche

5

5

-

Pasador/a de ferro

2

-

-

Lavandeiro/a

2

-

-

Informática

1

-

-