Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2018 Páx. 21676

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 17 de abril de 2018 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería para o ano 2018.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser persoas usuarias das residencias traspasadas todas as persoas traballadoras de nacionalidade española e os e as familiares destas, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2, define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Política Social a través do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Consellería de Política Social dispón de dous centros destinados ao desfrute do lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás cales se lles quere dar un fondo contido social, e posibilitar o acceso de familias a un período vacacional nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante a presente orde ofértanse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar, e cumprir unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos, tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas en virtude da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2018 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social (código do procedemento BS419A).

O procedemento regulado pola presente orde comprende exclusivamente as estadías reflectidas no anexo II cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior que cumpran os requisitos da orde.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

Artigo 3. Distribución das prazas

A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Política Social e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

Artigo 4. Tipos de servizo

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e na mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

Poderán gozar do servizo de comedor os e as familiares e persoas con relación de amizade cos ou coas residentes, que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine a persoa que exerza a dirección de cada residencia publicadas en cada un dos centros, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5. Prezos

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Artigo 6. Presentación de solicitudes: lugar e prazo

1. Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e para unha ou varias quendas.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de maio de 2018.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado de discapacidade, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Copia do título de familia numerosa, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, só no caso de non ser expedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Copia do certificado de monoparentalidade, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma establecida no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro da persoa solicitante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Título de familia numerosa expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Resolución administrativa de acollemento expedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Requirimento de emenda

A persoa que exerza a dirección da respectiva residencia comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos na presente orde. En caso contrario requiriranse as persoas interesadas para que, no prazo de 10 días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se entenderá que desisten da súa petición, logo da resolución do xefe ou da xefa territorial competente, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 21 da dita lei.

Artigo 12. Procedemento e adxudicación de estadías e servizos

1. A adxudicación das prazas efectuarase por sorteo de datas. O sorteo terá lugar o día 9 de maio de 2018, ás 11.00 horas, nas dependencias da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), que será público e terá lugar ante a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social. Deste sorteo redactarase acta e remitirase o resultado ás persoas titulares das xefaturas territoriais competentes por razón do territorio en que se atopan as residencias de tempo libre.

No sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido. Todas as datas do prazo establecido no artigo 6.3 entran no sorteo e delas sairá unha que será pola cal se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles.

2. Reservarase a primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias para as familias numerosas definidas no artigo 10 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

Reservarase a última quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias acolledoras definidas no artigo 17 da Lei 3/2011, do 30 de xuño. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

Reservarase a segunda quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias monoparentais definidas no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

As prazas das quendas reservadas que non se cubran incluiranse na quenda xeral.

As familias acolledoras, numerosas e monoparentais que se presenten a unha quenda distinta da reservada para elas non terán ningunha preferencia.

3. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, seguindo para estes efectos a orde de adxudicación establecida no sorteo.

4. Non se adxudicarán prazas en máis dunha quenda durante a tempada de verán na mesma residencia.

Artigo 13. Resolución

1. Correspóndelle ao xefe ou á xefa territorial competente por razón de territorio, por delegación do conselleiro de Política Social, a resolución das adxudicacións das estadías no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao do sorteo a que se refire o artigo 12.1. As resolucións deberán facer constar expresamente que se adoptan por delegación e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

A persoa que exerza a dirección de cada residencia notificará ás persoas interesadas a quenda e a tempada concedida ou a non adxudicación, no prazo de 10 días a partir da resolución das adxudicacións.

Transcorrido o prazo no prazo máximo de 4 meses contado desde o día de inicio da presentación de solicitudes sen ditar resolución expresa, as solicitudes consideraranse desestimadas.

2. As resolucións ditadas neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. No caso de silencio administrativo, o prazo será de 6 meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Con carácter potestativo e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da dita notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, a persoa solicitante poderá interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo iso sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

3. O día 5 de xuño de 2018 publicarase a relación das persoas beneficiarias coas estadías e quendas adxudicadas nas páxinas web https://www.xunta.gal/politica-social e www.familiasgalegas.org .

Do mesmo xeito, publicarase nelas unha relación das persoas solicitantes que queden en reserva.

Artigo 14. Pagamento da estadía

As persoas beneficiarias realizarán un depósito de 30 € por cuarto en concepto de reserva, no prazo de 5 días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, e outro depósito pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía, 15 días antes do inicio da quenda adxudicada.

Artigo 15. Anulación de estadías e devolución de pagamentos

1. Se a persoa adxudicataria anula a estadía, perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causa de forza maior debidamente acreditada. A dita anulación efectuarase por calquera medio polo cal quede constancia da data de entrada da anulación e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda.

2. Terá dereito a que se lle devolvan as restantes cantidades depositadas, para o cal terá que facer a reclamación da dita cantidade. Unha vez instruído o expediente, resolverase a reclamación e, se procede, farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a seguir:

a) Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 100 %.

b) Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 75 %.

c) Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 50 %.

d) Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías: 25 %.

3. Para calcular a porcentaxe da devolución tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia; a residencia non se fará responsable en ningún caso dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Artigo 16. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.politica.social@xunta.gal.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social en Ourense, para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre do Carballiño, e na persoa titular da Xefatura Territorial en Vigo para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre de Panxón.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file

ANEXO II

Estadías das persoas residentes

Residencia

Mes

Quenda

Tempada

Panxón

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

O Carballiño

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta