Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2018 Páx. 22483

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 16 de abril de 2018 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 395380.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Servizo de voluntariado xuvenil desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2018.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro, e se procederá á súa convocatoria para o ano 2018. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Registro de Acción Voluntaria de Galicia a mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten de acordo con esta convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 16 de abril de 2018 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2018.

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de trescentos trinta e seis mil novecentos oitenta e cinco euros con corenta e un céntimos (336.985,41 €), dos que con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.460.0, por un importe de cento sesenta e tres mil seiscentos euros e catorce céntimos (163.600,14 €), son para entidades locais, mentres que os restantes cento setenta e tres mil trescentos oitenta e cinco euros con vinte e sete céntimos (173.385,27 €) son para entidades de acción voluntaria con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.460.0. Finánciase o 100 % do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior aos 4.800 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de beneficiarios. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas que se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada un dos voluntarios/as, e do número de días que participará cada un, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso doutra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima e a concesión efectúase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social