Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2018 Páx. 22485

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

O sector da transformación e comercialización de produtos forestais está considerado como un dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico da zona rural e para a consolidación e diversificación do seu tecido empresarial. As empresas de aproveitamentos forestais e primeira transformación de produtos forestais son empresas que traballan unicamente no rural, no sector forestal. O monte é unha parte importante da economía en Galicia, cunha poboación maioritariamente rural. A práctica totalidade das empresas de aproveitamentos forestais e primeira transformación de produtos forestais galegas están situadas no rural e traballan nos montes da zona, con persoal da contorna, con efectos positivos no marco da diversificación e dinamización da economía rural. En Galicia, a industria da serra ten unha gran importancia económica e social, abastecéndose fundamentalmente de madeira dos montes galegos, ademais da industria de pasta para papel e taboleiros. Está en aumento tamén nos últimos anos o aproveitamento doutros produtos forestais, especialmente a biomasa para producir enerxía.

As axudas ás pemes para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais están recollidas no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e foron comunicadas por España á Comisión Europea, e publicadas na páxina web da Comisión (http://ec.europa.eu/competition/elojade/isef/case_details.cfm?proc_code=3_SA_43021) o 20 de outubro de 2015, coa clave SA.43021 (2015/XA).

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.10 do Estatuto de autonomía ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Conforme as competencias atribuídas á Axencia Galega da Industria Forestal no Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, a Axencia Galega da Industria Forestal é o organismo competente para a xestión destas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais (código de procedemento IN500A), e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 26 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de decembro de 2013, L347), e no establecido para as axudas para investimentos en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais, do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE do 1 de xullo de 2014, L193).

3. Estas axudas convócanse de acordo coa Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia, e se corresponden coa medida 8.6 (axuda para os investimentos en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais) do programa.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XV. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe do mesmo.

2º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).

3º. Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).

4º. Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.

5º. Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.

b) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración responsable do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.

c) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais.

d) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia na data do fin do prazo de solicitude. As empresas con instalacións fixas deberán estar inscritas no Rexistro Industrial na anterior data.

e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, abondará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas axudas inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

3. Non poderán acadar a condición de beneficiarios:

a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Investimentos subvencionables en activos fixos produtivos

1. Os investimentos que se van subvencionar deben ser novos e non se poden iniciar antes de presentar a solicitude de axuda nin antes de que se realice a inspección comprobatoria á que se fai referencia no artigo 14.

2. Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), a excepción dos referidos no artigo 5. Os investimentos destinados a biomasa e outros produtos forestais distintos da madeira só serán subvencionables cando estes produtos teñan a súa orixe e se recollan no monte.

3. Consideraranse, con carácter exclusivo, os seguintes investimentos elixibles:

a) Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, acondicionamento e comercialización de produtos forestais non madeireiros e non alimentarios (biomasa e outros produtos forestais). No caso de produtos forestais alimentarios poderanse subvencionar unicamente investimentos de recollida e manexo en monte.

b) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal: asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

c) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

d) Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipos de corta e/ou saca de madeira, así como as adaptacións e implementos. Os implementos deberán ir instalados en equipos propiedade da empresa. Os equipamentos de saca de madeira ou biomasa consistentes en cabeza tractora con dobre tracción, plataforma e guindastre forestal só serán subvencionables en empresas que posúan tractocargador e/ou autocargador en propiedade.

e) Equipos tractocargadores completos e implementos forestais destes. Os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida de biomasa.

f) Rozadoras, en número non superior aos equipos de saca de madeira ou biomasa propiedade da empresa.

g) Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria de saca de madeira ou de biomasa.

h) Maquinaria e instalacións para procesamento da biomasa forestal para producir enerxía: astelado, almacenamento, clasificación, caracterización, secado e acondicionamento da biomasa forestal. Só serán subvencionables cando a biomasa teña a súa orixe e recollida no monte.

i) Maquinaria e instalacións de primeira transformación de madeira.

4. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, subvencionándose neste caso unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberá realizarse no prazo de execución do investimento.

Artigo 4. Investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial

Poderán ser obxecto de axuda a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sustentable, e as cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal, excluída a adquisición de maquinaria. En concreto serán elixibles as seguintes actuacións:

a) Implantación, e certificación se procede, na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade forestal para o control de custos, calidade e mantemento.

b) Implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

Artigo 5. Investimentos non subvencionables

Non será subvencionable:

a) A adquisición de terreos, edificacións e mobiliario.

b) A adquisición de maquinaria usada.

c) A maquinaria de simple substitución. Neste sentido non se considerará simple substitución de equipamentos cando se acade no novo investimento, como mínimo, un incremento da capacidade de produción ou da potencia nun 25 % ou cando o novo investimento vai traballar no sitio doutro similar, pero supoña un cambio fundamental na natureza da produción, na tecnoloxía empregada ou nas prestacións do equipamento. Só se subvencionará o diferencial de custo entre o novo equipamento e o que vai ser substituído. O valor deste último será verificado pola Administración sobre a valoración do equipamento presentada pola empresa na memoria.

d) A fabricación de pellets, nin ningún proceso que dea como resultado un produto de consumo final.

e) A obra civil, excepto a necesaria para o acondicionamento do parque de materia prima e produto (sempre e cando non se trate dun produto de consumo final) e para a instalación dos equipamentos de primeira transformación de madeira ou outros produtos forestais ou para almacenamento na propia industria. Non se subvencionarán naves illadas nin só naves en empresas de nova creación.

f) Os gastos de reparación e mantemento.

g) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios.

h) Investimentos destinados ao comercio polo miúdo.

i) Investimentos e actuacións con axudas financiadas con outros fondos comunitarios ou con fondos non comunitarios se a axuda total supera os límites sinalados no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

j) Motoserras, rozadoras manuais e outras ferramentas manuais.

k) Os investimentos en materiais non duradeiros, tales como os equipos de protección individual e roupa para os traballadores forestais.

l) A construción de camiños e os procesos de comercialización ou transformación a grande escala. Non será subvencionable a produción de pellets, a produción de planta forestal, envases e embalaxes, mobles e carpintarías.

m) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro da convocatoria na que se solicita a axuda e/ou sen constancia oficial de non terse iniciado con anterioridade á solicitude no caso de investimentos en parques intermedios ou en instalacións de primeira transformación de produtos forestais.

n) Os investimentos para transporte estándar.

ñ) O IVE.

Artigo 6. Importe das axudas

1. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda dun 40 % dos gastos elixibles.

2. De acordo co indicado no artigo 8 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, estas axudas poderán acumularse con calquera axuda estatal, sempre que as ditas medidas de axuda se refiran a custos subvencionables identificables diferentes, ou con calquera outra axuda estatal, en relación cos mesmos custos subvencionables, parcial ou totalmente solapados, unicamente se tal acumulación non supera a intensidade de axuda ou o importe de axuda máis elevados aplicables á dita axuda en virtude do dito regulamento. En todo caso, o importe resultante da acumulación non poderá superar a intensidade máxima de axuda sinalada no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

3. A axuda máxima por solicitante limitarase a 150.000 euros.

Artigo 7. Baremación dos investimentos

1. Para seleccionar os investimentos que se van aprobar, establécese un baremo de puntuación de acordo coas puntuacións recollidas no documento de Criterios de selección de operacións PDR Galicia 2014-2020, aprobado no Comité de Seguimento do PDR Galicia 2014-2020. Para iso, ordénanse cada un dos investimentos solicitados de maior a menor puntuación, de acordo co baremo que se indica a continuación. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados nas letras a) e b). Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 50 puntos na letra b) para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas. A puntuación máxima que pode acadar un investimento é de 530 puntos e a mínima de 180, de acordo cos seguintes criterios:

a) Puntos segundo o obxecto de investimento:

1º. Plans e ferramentas de xestión empresarial: 200 puntos.

2º. Investimentos en bens de equipo de empresas de aproveitamento de produtos silvícolas non madeireiros excepto maquinaria para aproveitamento comercial da biomasa forestal: 170 puntos.

3º. Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa: 150 puntos.

4º. Instrumentos de medición de masas forestais: 110 puntos.

5º. Equipos tractocargadores completos, autocargadores, arrastradores e outros equipos de saca de madeira: 150 puntos.

6º. Procesadoras forestais e taladoras: 110 puntos.

7º. Rozadoras (excluíndo as rozadoras manuais): 100 puntos.

8º. Equipos completos e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal, asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa: 150 puntos.

9º. Implementos forestais de maquinaria de desembosque: 80 puntos.

10º. Maquinaria e instalacións para primeira transformación de madeira ou biomasa: 150 puntos.

b) Puntos segundo as características da empresa:

1º. Por cada punto conseguido coas accións do anexo II: 10 puntos (máx. 100).

2º. Por cada unidade resultante da aplicación da seguinte fórmula: [(V+T)/I] -1.

V: importe do volume de vendas da empresa; I: suma dos investimentos solicitados;

T: importe de contratos de saca ou servizo (máx. 60): 10 puntos.

3º. Empresas de nova creación (as creadas dentro dos 12 meses anteriores á publicación da convocatoria), como iniciativa de desenvolvemento local: 20 puntos.

4º. Xerentes de idade inferior, na data de publicación desta resolución, a 55 anos ou descendentes en activo na empresa: 20 puntos.

5º. Empresas con mulleres xerentes, na data de publicación desta resolución: 20 puntos.

6º. Empresas situadas en concellos sitos nas zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (anexo III): 30 puntos.

7º. Empresas establecidas nos concellos que estean comprendidos na franxa tampón de 20 km coa fronteira de Portugal que define a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (anexo IV): 40 puntos.

8º. Investimentos en proxectos innovadores, entendendo como tales os que dan lugar a novos produtos inexistentes no mercado na data de publicación da convocatoria: 50 puntos.

Artigo 8. Selección dos investimentos a aprobar

Aprobaranse os investimentos por orde de maior a menor puntuación de acordo co baremo indicado no artigo anterior. En caso de empate na puntuación de corte, e que non haxa orzamento suficiente para conceder a axuda a todos os investimentos coa mesma puntuación, ordenaranse estes segundo a seguinte orde de prioridade e ata esgotar o orzamento:

a) Primeiro. Menor importe de axuda de investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais percibida polas empresas nos últimos tres anos.

b) Segundo. Maior número de postos de traballo fixos de persoas menores de 25 anos, mulleres ou persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que teña a empresa ou se comprometa a crear.

c) Terceiro. Empresas situadas en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas.

d) Cuarto. Solicitudes con investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial.

e) Quinto. Solicitudes con investimentos en bens de equipo de empresas de aproveitamentos de produtos silvícolas non madeireiros (excepto maquinaria para aproveitamento comercial da biomasa forestal).

f) Sexto. Solicitudes de axuda de investimentos de maior a menor importe.

Artigo 9. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes, que implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras, realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015); no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación; e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Considérase que todos os solicitantes, ao exerceren unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das empresas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes, poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Toda a información está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

3. Só se poderá presentar unha solicitude por beneficiario.

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

g) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

i) Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

j) Declaración responsable de que a distribución de traballadores na empresa é tal como se reflicte no cadro recollido no anexo I.

k) Declaración responsable de que o número de postos de traballo fixos na empresa de persoas menores de 25 anos, mulleres ou persoas con discapacidade ou outros colectivos en risco de exclusión social é o recollido no cadro do anexo I.

l) Declaración responsable de que a empresa posúe maquinaria de saca en propiedade ou, de non ser así, compromiso de que a vai posuír no momento da solicitude de cobramento da subvención (só no caso de solicitar subvención para maquinaria que a teña supeditada a que a empresa teña maquinaria de saca en propiedade).

m) Declaración responsable de que ningún dos investimentos para os cales se solicita subvención ao abeiro desta resolución vai dar lugar a un produto de consumo final.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os interesados deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude, asinada polo representante legal da empresa ou persoa acreditada mediante poderes para actuar como representante legal, segundo o modelo que figura no anexo I desta resolución. No caso de non estar asinada polo representante legal, deberá achegar documentación xustificativa da acreditación por parte da empresa.

b) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren. Os orzamentos desagregarán perfectamente os investimentos polos que se solicita a axuda co fin de que sexan claramente comparables entre eles e cumprirán co disposto no artigo 11 desta resolución.

c) Certificación da condición de peme, segundo os anexos V.1, V.2 e V.3. Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último ano pechado.

d) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo VI da presente resolución.

e) Ficha cos datos da empresa, segundo as distintas follas do anexo VII, con todos os datos cumprimentados que procedan segundo o tipo de empresa e asinada na última folla.

f) Copia dos seguintes documentos:

1º. Último imposto de sociedades.

2º. Vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria na que solicite a axuda, tanto para o réxime xeral como para o agrario. No caso de que nalgún dos réximes non teña traballadores, debe presentar certificado da Seguridade Social de non ter traballadores no dito réxime.

3º. Último recibo de pagamento dos autónomos da empresa.

4º. Póliza do seguro de responsabilidade civil e recibo actualizado.

5º. Contrato dun servizo de prevención de riscos laborais e recibo actualizado.

g) Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 2.

h) No caso dos investimentos do artigo 4 (plans e ferramentas de xestión empresarial): memoria asinada detallada do contido que se vai desenvolver.

i) No caso de acondicionamento ou instalacións en parques intermedios:

1º. Plano asinado onde veña reflectida a situación do parque.

2º. Comunicación previa no concello.

j) No caso de investimentos en empresas de primeira transformación de madeira ou outros produtos forestais:

1º. Plano asinado coa localización da industria e planos asinados de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se van realizar.

2º. No caso de instalacións que así o requiran, copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa segundo proceda.

3º. Acreditación da presentación no concello da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.

k) No caso de substitución de investimentos: memoria razoada da necesidade e os beneficios esperados pola substitución, que debe incluír unha valoración económica do equipamento que vai ser substituído. Ademais, xustificarase a non consideración de simple substitución de acordo co establecido no artigo 5 da resolución.

l) No caso de empresas vinculadas ou asociadas coa empresa solicitante:

1º. Copia das contas anuais do último exercicio pechado de cada unha das empresas.

2º. Vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria na que solicite a axuda, tanto para o réxime xeral como para o agrario. No caso de que nalgún dos réximes non teña traballadores, debe presentar certificado da Seguridade Social de non ter traballadores no dito réxime.

m) Se é o caso, importe de contratos de saca ou servizo e documentación xustificativa

n) No caso de empresa de nova creación, escritura de constitución ou, no seu defecto, documentación oficial xustificativa.

ñ) No caso de investimentos en proxectos innovadores, memoria xustificativa da súa condición.

o) No caso de empresas con xerentes de idade inferior a 55 anos, descendentes en activo na empresa ou empresas con mulleres xerentes, documentación xustificativa de tal condición.

p) Anexo XII, se é o caso.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola persoa interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Moderación de custos

1. En todo caso, débese respetar a moderación de custos, tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír:

1º. No caso de obra civil e instalacións: a relación detallada e cuantificada das unidades de obra que inclúe.

2º. No caso de subministración de maquinaria e equipamentos: a súa marca, modelo, así como características técnicas.

3º. No caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

2. Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

3. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

4. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) IRPF da persoa solicitante.

e) DNI/NIE da muller xerente, do xerente menor de 55 anos ou do descendente do xerente en activo na empresa.

f) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e no anexo XII, se é o caso, así como achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderanse solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 13. Documentación que hai que presentar para incrementar a puntuación no baremo

1. Para xustificar a realización de accións para incrementar a puntuación no baremo, recollidas no anexo II desta resolución, deben presentar a documentación que a continuación se relaciona e que figura no anexo I desta resolución. Esta documentación non é obrigatoria para a tramitación do expediente, só para os efectos do incremento de axuda e puntuación indicados.

2. Documentación:

a) Contrato e recibo actualizado de externalización das garantías dos traballadores.

b) Recibo de pagamento da cota ou certificado xustificativo de pertencer á asociación profesional do sector.

c) Compromiso de creación de postos de traballo fixos.

d) Compromiso de creación de postos de traballo fixos de persoas menores de 25 anos, mulleres ou persoas con discapacidade ou outros colectivos en risco de pobreza ou exclusión social.

e) Para os cursos de formación: diploma acreditativo ou certificación emitida polo organismo que impartiu o curso. Para cursos aínda non realizados, deberase achegar compromiso mediante declaración responsable, acompañado de informe favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do curso.

f) Xustificación de ter a cadea de custodia certificada.

g) Xustificación de ter un plan de control da calidade ou mellora da xestión certificado.

h) Xustificación documental de ser empresa de comercialización conxunta: escritura de constitución e copia do modelo 347 presentado do último ano pechado.

Artigo 14. Comprobación de non inicio

No caso de investimentos en acondicionamento de parques intermedios ou instalacións neles, ou en instalacións ou maquinaria en empresas de primeira transformación de madeira ou outros produtos forestais, persoal da Axencia Galega da Industria Forestal realizarán unha comprobación in situ para verificar que os ditos investimentos non foron iniciados. No caso de que se comprobase que os investimentos xa foran comezados, tramitarase o correspondente procedemento de denegación da axuda solicitada.

Artigo 15. Tramitación e concesión de axudas

1. A aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta resolución de axudas é a Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal.

4. As solicitudes presentadas serán revisadas e codificadas polo Departamento de Xestión Administrativa, desde onde se lle requirirá aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Neste requirimento indicarase, ademais, que, se non se fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Non se exixirá a presentación dos documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, e deberá o solicitante indicar para isto o órgano e procedemento administrativo ante o que achegou tal documentación.

6. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal, como órgano xestor, valorará as solicitudes de axuda seguindo os criterios regulados nos artigos 7 e 8, e emitirá un informe con base no cal formulará a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Correspóndelle á Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal resolver as solicitudes presentadas. A resolución individual e motivada notificaráselle ao interesado, e informará ás persoas beneficiarias de que a axuda se concede en virtude dun programa cofinanciado co Feader, da medida 8.6 (axuda para os investimentos en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais) e da prioridade do PDR.

8. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, as solicitudes que non tivesen unha comunicación de aprobación de axuda, poderán entenderse desestimadas segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver pola Administración.

9. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte no que se produzan os efectos do silencio administrativo perante o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Innovación practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Documentación que hai que presentar para a solicitude de cobramento

1. Para o cobramento da axuda deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento da axuda (anexo VIII).

b) Copia da facturas e copia dos documentos bancarios de pagamento. As facturas marcaranse cun selo conforme foron obxecto de subvención e devolveranse ao beneficiario.

c) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo XI).

d) Declaración do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos, segundo o anexo IX, cos datos actualizados.

e) Certificado de depósito de aval bancario se procede.

2. Ademais, para o pagamento final da axuda deberá presentar:

a) Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo VII da resolución.

b) Memoria (anexo X) na que se indicarán as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a súa importancia na actividade futura do beneficiario.

c) Xustificantes das accións recollidas no anexo II que se presentaron para incrementar a puntuación no baremo.

d) Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral do beneficiario desde o inicio do ano no que se solicitou a axuda ata a data de xustificación final dos investimentos, coa relación de traballadores e as datas de alta e baixa, ou certificado de non ter traballadores, se é o caso. Presentarase para os réximes xeral e agrario.

e) Últimos recibos dos autónomos da empresa anteriores á xustificación do cobramento.

f) Certificado de conformidade do provedor da factura presentada e do pagamento correspondente, onde figure o importe e a data da factura e do pagamento e o obxecto facturado claramente identificado, con marca, modelo e número de bastidor, e facendo constar que se trata dun equipo novo.

g) Específicas dos investimentos obxecto de axuda:

1º. Plans e ferramentas de xestión empresarial: informe de seguimento do plan con detalle das accións correctoras.

2º. Maquinaria móbil: certificado de homologación (ou no caso de vehículos de rodas, ficha técnica e permiso de circulación) do conxunto máquina base –modificacións– apeiros instalados no que conste o ano de fabricación da máquina, e seguro do vehículo ou de responsabilidade civil da empresa con indicación expresa do vehículo. Ademais, deberase presentar a mesma documentación dos equipos do mesmo tipo subvencionados anteriormente ou dos que os substituíron. Deberá tamén presentar certificado orixinal do fabricante do equipo subvencionado, con indicación do número de chasis e ano de fabricación, así como copia do facsímile do fabricante do número de chasis.

3º. Parques intermedios de rolla ou biomasa e primeira transformación de produtos forestais: no caso de realizarse instalacións, deberán presentar certificado de fabricación e homologación e certificado de conformidade coa normativa ambiental e de seguridade industrial vixente das instalacións realizadas. No caso de obra civil, certificado do director de obra de que cumpre coa normativa ambiental, de seguridade industrial e demais normativa vixente. No caso de investimentos que así o requiran, acreditación da presentación da comunicación previa da realización do investimento con toda a documentación requirida. As empresas de primeira transformación de produtos forestais deberán presentar a actualización dos novos equipos no Rexistro Industrial e deberán presentar un plano en planta das instalacións asinado onde se reflicta claramente o investimento realizado.

4º. No caso de axudas a equipos ou instalacións que dean lugar a novos residuos na empresa, deberán presentar copia da solicitude rexistrada de inclusión do novo residuo no Rexistro de Produtores de Residuos.

Artigo 18. Xustificación e pagamento do investimento

1. A data límite de xustificación dos traballos establecerase na convocatoria anual, e só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) con posterioridade á data de solicitude de axuda ou, se é o caso, da data de comprobación de non inicio, e como límite na data de solicitude de cobramento, sempre que se presentasen en prazo.

2. Os xustificantes de gasto e de pagamento deberán cumprir o indicado no anexo XI.

3. Unha vez presentada a solicitude de cobramento final, realizarase a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados. Os equipos subvencionados non poderán comezar a traballar ata que se realice a dita inspección na Comunidade Autónoma de Galicia. O feito de que se comprobe na inspección que o equipo comezou a traballar ou que presente evidencias de que a máquina é usada, ocasionará a perda do dereito ao cobramento da axuda. O beneficiario pode solicitar a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados antes de presentar a solicitude de cobramento, debendo acompañar a factura dos investimentos realizados. Os investimentos a que se lles fixo inspección de non inicio antes do seu inicio, poderán comezar a traballar sen necesidade de que se lles faga esta inspección comprobatoria de que non empezaron a traballar, pero se lles fará igualmente a inspección comprobatoria de execución.

4. Poderase solicitar calquera documentación adicional relacionada co investimento subvencionado, en caso de dúbida sobre o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución.

5. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal emitirá a correspondente proposta de pagamento.

6. De acordo co artigo 63 do Regulamento de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos realizados por persoal da Axencia Galega da Industria Forestal, os cales examinarán a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) O importe que vai pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.

b) O importe que vai pagar ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado segundo a letra a) supera o importe fixado segundo a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado segundo a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

Porén, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poida demostrar a satisfacción da autoridade competente que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando a autoridade competente adquira doutro modo a convicción de que o beneficiario non é responsable disto.

7. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentada a xustificación dos traballos subvencionados, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A non xustificación en prazo da primeira anualidade suporá a perda do dereito da segunda anualidade da subvención.

8. No caso de que se xustificasen investimentos por menor importe do aprobado, a axuda que se vai pagar será proporcional aos investimentos xustificados, sempre que estes sexan susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente.

9. No caso de apreciarse datos falseados, o expediente de que se trate quedará excluído da axuda e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo dito expediente.

10. Os pagamentos a conta adaptaranse ao establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os ditos pagamentos a conta, cando o importe da primeira anualidade supere os 18.000 euros, serán garantidos mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria. O referido aval depositarase á disposición da Axencia Galega da Industria Forestal na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia e deberá cubrir o 110 % do importe a percibir na primeira anualidade da subvención. O certificado de depósito do aval presentarase na solicitude de cobramento da primeira anualidade xunto co resto da documentación, nos prazos que se establezan para a xustificación da primeira anualidade da subvención. Este certificado de depósito devolveráselle ao interesado unha vez se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais poderán ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos a conta correspondentes a fases ou partes do investimento susceptibles de avaliación independente e se comprobe a realización do investimento.

Artigo 19. Modificación da resolución da axuda

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisara introducir modificacións no mesmo segundo o proxecto técnico, solicitará autorización da Axencia Galega da Industria Forestal, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que contemple as variacións do proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros e que non supoña a modificación da puntuación acadada pola aplicación dos criterios de selección.

A modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal, logo de instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal.

2. A modificación da resolución aprobatoria nos investimentos en obra civil estará suxeita ás seguintes condicións:

a) Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do importe do investimento subvencionable.

b) Será admisible a redución do importe total do investimento considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40 % do seu valor.

c) Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do custo unitario dos conceptos e elementos subvencionados.

d) Non se admitirán modificacións que supoñan o cambio de localización dos investimentos aprobados.

3. No caso de maquinaria só se admitirán modificacións que sexan entre equipos que teñan a mesma puntuación no baremo, de acordo co artigo 7.1.a), e que estean na mesma epígrafe do dito artigo.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 6.2 desta resolución.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.

g) O beneficiario non poderá substituír os equipos subvencionados anteriormente polos equipos obxecto de axuda e deberá manter os investimentos subvencionados e os requisitos que condicionaron a obtención da axuda, durante un período mínimo de 5 anos, contado desde a data do último pagamento da axuda.

h) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para ao cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

i) Os beneficiarios de axudas comprométense a proporcionar á autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como o encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

Artigo 21. Reintegro

1. A axuda reintegrarase, se fose o caso, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

En xeral:

a) Obtención da axuda falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos sinalados na solicitude.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta resolución, na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da axuda, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda.

f) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

g) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

h) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da axuda.

i) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.

j) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta resolución.

k) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta resolución que impliquen obrigas por parte do beneficiario.

Nestes supostos, a Axencia Galega da Industria Forestal reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora que se calcularán conforme a normativa vixente, en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación que non poderá fixarse en máis de 60 días e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo devandito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

l) Así mesmo, se no caso de que nos controis administrativos sobre a solicitude de pagamento, controis sobre o terreo e a posteriori nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda se verifica que non se cumpren as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes e non se acada a puntuación mínima exixida para esa aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e igualmente levará como consecuencia á perda do dereito ou ao reintegro da axuda.

2. Naqueles supostos nos cales o importe das axudas recibidas polo beneficiario excedan os custos da actividade, procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

3. No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao que se engadirá, se é o caso, os xuros conforme o disposto no artigo 7 apartado 2 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario, indicado na orde de recuperación, que non poderá superar os 60 días e a data de reembolso ou dedución.

4. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

5. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

6. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte no que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 22. Controis

1. A Axencia Galega da Industria Forestal realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a Axencia Galega da Industria Forestal, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvenciones e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación dos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta resolución e non se poderá efectuar ningún pagamento sen que antes se realizasen os controis establecidos no punto 4 deste artigo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

4. A Axencia Galega da Industria Forestal, ao abeiro do establecido no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, realizará controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude, así como controis sobre o terreo antes do pagamento final dunha mostra que represente ao menos o 5 % do gasto público de cada ano civil, así como a posibilidade, se é o caso, de sometemento a controis a posteriori dada a posibilidade de realizar actividades de investimento.

5. Respecto das facturas pro forma a que se fai referencia no artigo 10, e de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os provedores desas ofertas estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar canta documentación lle sexa requirida, e nomeadamente, a necesaria para verificar a posible vinculación entre eses provedores.

6. Así mesmo, os controis administrativos sobre os proxectos, facturas pro forma ou similares a que se fai referencia no artigo 10 incluirán a comprobación sobre da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 23. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións, será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade e no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, a Axencia Galega da Industria Forestal publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Medidas informativas e publicitarias

1. Conforme o establecido no anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, do 17 de xullo, modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 669/2016, do 28 de abril, os beneficiarios das axudas deberán cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader. En particular, no caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, deberán colocar polo menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, co deseño que figura no anexo XIV desta resolución, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público. De acordo coa Estratexia de Información e Publicidade que desenvolve o que establece no Regulamento (UE) nº 808/2014, cando o obxecto da axuda sexa maquinaria, equipamento informático, de telecomunicacións ou calquera outro ben no que, pola súa estrutura ou tamaño, non sexa posible identificar unha situación adecuada, o cartel ou placa poderá ser substituído por un adhesivo ou impresión no que, polo menos, figure a bandeira da UE, o fondo e o lema.

2. No caso de que na realización dun control a posteriori, que se efectuará nos cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda concedida, se verifique o incumprimento do establecido no punto 1 deste artigo, procederase á solicitude de reintegro da axuda concedida.

CAPÍTULO II

Convocatoria de axudas para 2018

Artigo 26. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2018 as axudas reguladas por esta resolución. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas, con carácter xeral, nos artigos anteriores.

Artigo 27. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 28. Prazo de xustificación

1. O prazo de xustificación será para a anualidade do 2018, ata o 15 de outubro de 2018 inclusive, e para a anualidade do 2019 ata o 15 de marzo de 2019. Así mesmo, terase en conta que as cantidades non xustificadas polos beneficiarios na anualidade de 2018 se poderán computar e xustificar na anualidade 2019, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento.

2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un mes antes de que acabe o prazo de execución. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación.

Artigo 29. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00009, con 5.446.125 euros para o ano 2018 e 2.723.063 euros para o ano 2019.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Disposición adicional primeira. Compatibilidade das axudas

As axudas serán compatibles con outras que non teñan fondos da Unión Europea ata o máximo de axuda global admisible de acordo co artigo 8 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión. En todo caso, o importe resultante da acumulación non poderá superar a intensidade máxima de axuda sinalada no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Disposición adicional segunda. Outras regulamentacións

No non previsto nesta resolución observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013, no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, teranse en conta as circulares de coordinación ditadas polo Fondo Español de Garantía Agraria 22/2015, relativa ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control (https://www.fega.es/es/PwfGcp/es/_includes/_tcmLinkFilterdotjspyiquesttcmUriyequal51626#), e 32/2017, que establece os criterios para a aplicación de penalizacións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2014/2020 (https://www.fega.es/es/node/46748#).

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional cuarta. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, de 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer perante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda a través de correo electrónico dirixido a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Axencia Galega da Industria Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Accións para incrementar a puntuación no baremo

Accións que incrementan a puntuación no baremo

Puntos

Por cada curso de formación específico da actividade forestal cunha duración mínima de 20 horas, realizado por traballadores da empresa desde o 1.1.2015 (máximo 2 cursos)

1

Por dispor de contrato de externalización das garantías dos traballadores

1

Por pertenza a asociación profesional do sector

1

Empresas coa cadea de custodia certificada nos últimos cinco anos ou con certificación anterior a cinco anos e que acheguen actualización da certificación

2

Plan de control da calidade e/ou mellora da xestión empresarial certificado por auditor autorizado

1

Empresas de comercialización conxunta

2

Por cada posto de traballo fixo creado ou convertido de eventual a fixo, ata un máximo de 2

1

Por cada posto de traballo fixo creado ou convertido de eventual a fixo, para mulleres, persoas de idade inferior a 25 anos, persoas con discapacidade ou outros colectivos en risco de pobreza ou exclusión social, ata un máximo de 2

2

Os cursos de formación deberán ter un recoñecemento oficial. Non se contabilizarán os propios dos plans de seguridade laboral. Os cursos valorarase independentemente do número de traballadores que o realizasen. Para valorar os cursos de formación aínda non realizados, deberase achegar un compromiso mediante declaración xurada, acompañado de informe favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do curso. Os traballadores deberán estar en activo na empresa.

As empresas de nova creación achegar compromiso de realización das accións.

Plans de adaptación á cadea de custodia e de mellora da xestión empresarial: no momento da solicitude abondará contrato ou orzamento comercial da acción e memoria en detalle do contido que se vai desenvolver.

Só puntuará a creación dos postos de traballo fixos na empresa ou a conversión de eventual a fixo que se faga a partir da data de publicación da resolución. Para a súa valoración, poderase presentar un compromiso mediante declaración xurada.

Todas as accións serán comprobadas na inspección final, analizando se efectivamente foron incorporadas ao funcionamento normal da empresa.

missing image file
missing image file

ANEXO IV

Concellos comprendidos na franxa tampón de 20 km
coa fronteira de Portugal

Provincia

Concello

Ourense

A Arnoia

A Bola

A Gudiña

A Mezquita

Baltar

Bande

Beade

Calvos de Randín

Carballeda de Avia

Cartelle

Castrelo do Miño

Castrelo do Val

Celanova

Cortegada

Cualedro

Entrimo

Gomesende

Laza

Lobeira

Lobios

Melón

Monterrei

Muíños

Oímbra

Os Brancos

Padrenda

Pontedeva

Porqueira

Quintela de Leirado

Rairiz de Veiga

Ramirás

Ribadavia

Riós

Sandiás

Sarreaus

Trasmiras

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Xinzo de Limia

Pontevedra

A Cañiza

A Guarda

Arbo

As Neves

Baiona

Crecente

Gondomar

Mondariz

Mondariz-Balneario

Mos

Nigrán

Covelo

O Porriño

O Rosal

Oia

Pazos de Borbén

Ponteareas

Redondela

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Tomiño

Tui

Vigo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XIII

Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento das
actuacións elixibles

1. Xustificantes de gasto. Consistirán nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro):

a) As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo indicando nel a axuda para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á axuda reflectindo, neste último caso, a contía exacta que resulte.

b) No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para ser dilixenciados pola Administración, marcándose cun selo e indicando nel a axuda para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á axuda, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola axuda.

c) As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– A data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

– Nas facturas deberá figurar claramente especificado o obxecto facturado e, no caso de maquinaria, deberán figurar os datos identificativos, marca, modelo e número de bastidor.

– Así mesmo, o provedor e os investimentos que figuren deberán coincidir exactamente cos que figuran no orzamento escollido das tres ofertas presentadas.

2. Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Presentaranse o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

missing image file

ANEXO XV

Ámbito territorial do PDR 2014-2020

Nos termos recollidos no punto 8.1 do Programa de desenvolvemento rural e na instrución da autoridade de xestión do PDR «AX01 2014_2020», a delimitación de zona rural establécese tendo en conta a clasificación proposta pola Comisión, denominada «grao de urbanización», que toma como unidade de referencia LAU2 (municipios) e na cal se definen tres categorías:

a) Zonas densamente poboadas (código 1): aquelas cunha densidade de poboación igual ou superior a 1.500 habitantes por km2 e unha poboación mínima de 50.000 persoas.

b) Zonas de densidade intermedia (código 2): aquelas nas que menos do 50 % da poboación vive nas cuadrículas rurais (onde as cuadrículas nas zonas rurais son as que están fóra das agrupacións urbanas) e menos do 50 % vive en altos grupos de densidade.

c) Zonas de baixa densidade (código 3): aquelas nas que máis do 50 % da poboación vive nas cuadrículas rurais. Os LAU2 cunha poboación inferior a 5.000 habitantes e co 90 % ou máis da súa área nas cuadrículas rurais foron reclasificados como rurais.

A definición das zonas rurais realízase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) nun territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración os sete concellos dos núcleos de poboación máis grandes da Comunidade Autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela).

A autoridade de xestión, xunto co Instituto Galego de Estatística, perfila as cuadrículas de estudo (1 km2) dentro de cada unha das zonas urbanas a nivel parroquia. Neste sentido, as parroquias definidas como rurais ou intermedias de todos os concellos de Galicia poden ser admisibles para os efectos do financiamento de proxectos a través do PDR 2014_2020 e cofinanciados co fondo Feader. Por conseguinte, considéranse non admisibles, aquelas parroquias que están en concellos non urbanos pero si teñen parroquias que teñen esta característica (ZDP).

Porén, a través do PDR de Galicia poderanse considerar elixibles actuacións en parroquias ZDP, previo informe da autoridade de xestión a petición da Axencia Galega da Industria Forestal, que deberá motivar a excepción proposta, a súa contribución aos obxectivos do Programa e ás prioridades de desenvolvemento rural.

Xúntanse accesos ás táboas publicadas polo IGE para cada unha das provincias, co detalle do grao de urbanización de cada concello e das súas parroquias.

– A Coruña:

http://www.ige.eu/igebdt/esqv.jsp?ruta=verPpalesResultados.jsp?OP=1&B=1&M=&COD=80

50&R=0[all]&C=1[all]&F=&S=&SCF=

– Lugo:

http://www.ige.eu/igebdt/esqv.jsp?ruta=verPpalesResultados.jsp?OP=1&B=1&M=&COD=80

51&R=0[all]&C=1[all]&F=&S=&SCF=

– Ourense:

http://www.ige.eu/igebdt/esqv.jsp?ruta=verPpalesResultados.jsp?OP=1&B=1&M=&COD=80

52&R=0[all]&C=1[all]&F=&S=&SCF=

– Pontevedra:

http://www.ige.eu/igebdt/esqv.jsp?ruta=verPpalesResultados.jsp?OP=1&B=1&M=&COD=80

53&R=0[all]&C=1[all]&F=&S=&SCF=