Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 7 de maio de 2018 Páx. 23454

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

INSTRUCIÓN 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O capítulo VI da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, vén de modificar a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, entre outros aspectos, no relativo ás actuacións administrativas en materia de cumprimento por parte das persoas responsables das súas obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas. Esta modificación ten como finalidade principal axilizar as devanditas actuacións, clarificando o procedemento que seguir e precisando as facultades de que dispón a Administración competente en cada suposto.

Para facilitar a aplicación das novas normas aos órganos competentes e ao persoal que presta servizo neles, dítase esta instrución ao abeiro das facultades que corresponden aos titulares das consellerías da Xunta de Galicia consonte a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e dentro do ámbito competencial que se asigna á Consellería do Medio Rural no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a súa estrutura orgánica. Xa que logo, os criterios recollidos nela vinculan os órganos e unidades administrativas da Consellería do Medio Rural nos termos establecidos polo artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Cómpre ter en conta, así mesmo, que na materia obxecto desta instrución tamén exercen competencias os concellos, de acordo coa lexislación aplicable. En relación con estes, trátase, por unha banda, de expoñer dunha maneira sistemática e clara a repartición de competencias coa Administración xeral da Comunidade Autónoma legalmente establecida, co fin de reducir as dúbidas ou incertezas que poida producir a súa aplicación práctica, e, por outra banda, de ofrecerlles uns criterios interpretativos das novas normas que, con pleno respecto á autonomía local, lles faciliten a súa execución na mesma medida que aos órganos e unidades administrativas da Consellería do Medio Rural.

Aínda que esta instrución, de conformidade co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, non ten o carácter de norma xurídica de natureza regulamentaria, considérase necesaria a súa publicación para que todas as persoas afectadas poidan coñecer os criterios que seguirá a Consellería do Medio Rural na materia obxecto dela, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica.

INSTRUCIÓN

Primeiro. Obxecto

Esta instrución ten por obxecto establecer os criterios de interpretación para a aplicación administrativa das previsións contidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, en caso de incumprimento polas persoas legalmente responsables das súas obrigas en materia de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas, tal como estas obrigas quedan definidas logo da reforma das devanditas disposicións pola Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Segundo. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación desta instrución abrangue as actuacións administrativas que teñan como obxecto garantir o cumprimento das seguintes obrigas legais:

a) Obriga de xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que remate o mes de maio de cada ano, excepto nos supostos en que, pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies, sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, consonte o artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

b) Obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nunha faixa perimetral de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que sexan estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, consonte o artigo 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril.

c) Obriga de xestión da biomasa, retirada de especies arbóreas prohibidas e mantemento do terreo en condicións axeitadas para previr a aparición ou propagación do lume, así como os posibles prexuízos para as explotacións estremeiras, nos predios con vocación agraria situados en solo rústico, contiguos ou non, que poidan supoñer risco de incendios forestais ou sexan habitualmente obxecto de incendios co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas a esas zonas, sempre que se manteña o seu estado de abandono, con carácter previo á tramitación do procedemento de declaración de perímetro abandonado, consonte o artigo 34 quater da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

d) Obriga de retirada das repoboacións forestais ilegais, cando a repoboación se tivese efectuado en solos en que estea prohibido, con especies prohibidas ou incumprindo as condicións que regula o artigo 67 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou cando a repoboación se tivese efectuado sen cumprir a exixencia de autorización do artigo 67.5, sempre que a repoboación non sexa autorizable, consonte o artigo 67 bis daquela.

e) Obriga de adecuación das masas arboradas e das novas plantacións ás distancias mínimas establecidas polo anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, e pola Lei 3/2007, do 9 de abril, consonte o artigo 68 bis da primeira.

Terceiro. Competencias dos concellos e da Administración xeral da Comunidade Autónoma en materia de vixilancia do cumprimento polas persoas responsables das súas obrigas e execución forzosa

1. No ámbito de aplicación desta instrución, corresponde aos concellos a competencia para vixiar o cumprimento e impoñer o cumprimento forzoso das seguintes obrigas:

a) Obriga de xestión da biomasa vexetal e de retirada de árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, nunha franxa de 50 metros:

1º. Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

2º. Arredor das edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.

3º. Arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

b) Obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, nunha faixa perimetral de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que sexan estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal.

2. En todos os casos non comprendidos no número anterior, corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma a competencia para vixiar o cumprimento e impoñer o cumprimento forzoso das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución.

Cuarto. Competencias sancionadoras

Consonte o establecido polo artigo 54 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, as competencias para incoar, instruír e resolver os procedementos sancionadores por infraccións derivadas do incumprimento das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución corresponden:

a) Aos concellos nos supostos de incumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e de retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa e arredor das novas instalacións, urbanizacións e edificacións, sempre que se atopen en solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural.

b) Á Administración xeral da Comunidade Autónoma en todos os demais casos.

Quinto. Coordinación entre as competencias de execución forzosa e as sancionadoras

Como consecuencia do réxime de distribución de competencias exposto nos dous puntos anteriores, nos supostos de incumprimento en solo rústico das obrigas de xestión da biomasa vexetal e de retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa e arredor das novas instalacións, urbanizacións e edificacións, a competencia sobre a execución forzosa corresponde aos concellos e a sancionadora á Administración xeral da Comunidade Autónoma. Xa que logo, de conformidade cos principios de colaboración, cooperación e coordinación entre administracións públicas e, máis en concreto, do deber de colaboración recollido no capítulo II do título III da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os concellos porán en coñecemento da correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural todas as comunicacións que envíen en solo rústico ás persoas responsables para recordarlles o cumprimento das devanditas obrigas, segundo o previsto no número 1 do punto décimo desta instrución.

Sexto. Identificación das persoas responsables do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas

1. Para a identificación das persoas responsables do cumprimento das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución teranse en conta, en primeiro termo, os datos recentes de que dispoña o órgano actuante sobre a titularidade do dereito de aproveitamento dos terreos. Para este efectos, entenderanse por datos recentes os obtidos ou actualizados dentro dos doce meses inmediatamente anteriores.

2. Na falta do previsto no número anterior, consideraranse persoas responsables as que figuren como titulares dos terreos no Catastro inmobiliario. Se dúas ou máis persoas figuraren como titulares en común dun mesmo terreo, sexa con atribución de cotas ou pro indiviso, entenderase que o cumprimento das obrigas comprendidas no ámbito de aplicación desta instrución corresponde a todas as persoas copropietarias solidariamente e as comunicacións e requirimentos poderán dirixirse a calquera delas mentres non designen validamente unha como representante de todas para estes efectos.

3. Se a titularidade do terreo non constar no Catastro inmobiliario, considerarase que a persoa responsable é descoñecida para os efectos do sinalado na alínea c) do punto oitavo desta instrución.

Sétimo. Contido das comunicacións e requirimentos para recordar o cumprimento de obrigas legais

As comunicacións e requirimentos que se envíen ás persoas responsables para recordarlles o cumprimento das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución terán o seguinte contido:

a) Datos catastrais da parcela.

b) Identificación da persoa responsable e título polo cal é considerada como tal.

c) Feitos que motivan a comunicación ou o requirimento e modo de constatación destes.

d) Concreta obriga incumprida co seu fundamento legal.

e) Prazo máximo para o cumprimento voluntario, que se computará desde o día seguinte ao da recepción da notificación da comunicación ou do requirimento ou da publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial del Estado, e será de:

1º. Quince días naturais no caso das obrigas recollidas nas alíneas a), b) e e) do punto segundo desta instrución, ou tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación.

2º. O tempo que considere o órgano actuante en función da superficie afectada e as condicións desta, sen superar os seis meses, no caso das obrigas recollidas nas alíneas c) e d) do punto segundo desta instrución.

f) Apercibimento de que, en caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, se procederá á execución subsidiaria sen máis trámites.

O apercibimento incluirá unha referencia expresa á obriga legal da persoa titular do terreo ou do dereito de aproveitamento deste de facilitar o acceso ao suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria e á facultade deste último de acceder sen necesidade de consentimento da persoa titular, agás naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución.

g) Liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar a devandita execución subsidiaria, coa advertencia de que se procederá a súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, logo do transcurso do prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados, de ser o caso, os traballos. A liquidación provisional consiste no establecemento dunha cantidade estimada por hectárea dos traballos necesarios para xestionar a biomasa.

h) Advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, se iniciará tamén o correspondente procedemento sancionador, indicando expresamente a Administración competente para sancionar, a cualificación da infracción e a contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer, así como que se procederá ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas.

Oitavo. Notificación das comunicacións e requirimentos para recordar o cumprimento de obrigas legais

1. A notificación das comunicacións e requirimentos que se envíen ás persoas responsables para recordar o cumprimento das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución suxeitarase ás seguintes regras:

a) Cando as destinatarias sexan persoas xurídicas ou entidades sen personalidade xurídica, utilizarase o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal ou o sistema de notificacións electrónicas de que dispoña o concello actuante, aplicando o réxime das notificacións electrónicas establecido no artigo 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Xa que logo, transcorridos dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido, esta darase por efectuada para todos os efectos legais.

b) Cando as destinatarias sexan persoas físicas, a notificación practicarase en papel, aplicando o establecido no artigo 42 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no domicilio de que tiver constancia o órgano actuante por calquera medio, incluída a consulta dos datos catastrais dos terreos. Se non se tiver constancia de domicilio ningún, o órgano actuante recadará, mediante consulta ás bases de datos do Instituto Nacional de Estatística, os datos recollidos no padrón municipal, de acordo co previsto no artigo 41.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Se o domicilio tampouco figurar nos datos do padrón, aplicarase o previsto na alínea seguinte.

c) Cando se trate de persoas físicas e non se poida obter un domicilio para efectos de notificacións polos medios previstos na alínea anterior ou as persoas responsables sexan descoñecidas, as notificacións practicarase directamente mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, cos datos catastrais do terreo. O cómputo de calquera prazo aplicable ás persoas destinatarias das notificacións iniciarase o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

2. Con independencia do medio de notificación que se empregue en cada caso, as comunicacións e requirimentos a que se refire este punto estarán ao dispor das persoas destinatarias na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da carpeta do cidadán ou na sede electrónica do concello actuante.

Noveno. Incidencias logo da notificación

1. Se a persoa destinataria dunha das notificacións a que se refire o punto anterior acreditase documentalmente, antes da finalización do prazo outorgado para o cumprimento voluntario, que non é a persoa responsable do cumprimento da obriga, suspenderanse as actuacións e procederase como se indica a seguir:

a) Se na documentación achegada figurar a identidade da persoa responsable, efectuarase unha notificación a esta para darlle oportunidade do cumprimento voluntario.

b) En caso contrario, considerarase que a persoa responsable é descoñecida e publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia o anuncio a que se refire a alínea c) do punto anterior desta instrución.

2. Nos supostos previstos neste punto, o prazo máximo para o cumprimento voluntario poderá reducirse con respecto ao establecido no requirimento inicial, de tratarse do incumprimento das obrigas recollidas nas alíneas c) e d) do punto segundo.

Décimo. Actuacións administrativas en caso de persistencia no incumprimento

Cando se constate a persistencia no incumprimento das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución logo do transcurso do prazo máximo para o cumprimento voluntario outorgado na pertinente comunicación ou requirimento, o órgano que enviou este procederá do modo seguinte:

a) Iniciará as actuacións para o cobramento da cantidade liquidada provisionalmente segundo o recollido na alínea g) do punto sétimo desta instrución.

b) Ordenará a execución subsidiaria, contra a cal non se admitirán recursos en vía administrativa.

c) Pedirá simultaneamente ao órgano competente, de ser outro da mesma ou distinta Administración, que inicie o correspondente procedemento sancionador. A petición incluirá expresamente a solicitude de que se adopte como medida cautelar o comiso da madeira procedente da corta de especies arbóreas que deban ser retiradas, de ser o caso.

Décimo primeiro. Liquidación definitiva dos custos da execución subsidiaria

1. Rematados os traballos de execución subsidiaria, procederase á liquidación definitiva dos custos. Para isto terase en conta a cantidade cobrada en concepto de liquidación provisional, de ser o caso, e a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación. A seguir, iniciaranse as actuacións para o cobramento ou a devolución, segundo proceda, do saldo acredor ou debedor resultante.

2. Cada xefatura territorial da Consellería do Medio Rural manterá unha contabilización, estruturada por termos municipais, das parcelas en que os custos dos traballos de execución subsidiaria non puideron ser repercutidos ás persoas responsables por descoñecerse a súa identidade e da contía daqueles, separada por cada actuación que os xerou e agregada. Esta contabilización servirá para os seguintes efectos:

a) O cobramento das cantidades que non tivesen prescrito, cos xuros de demora que correspondan, ás persoas responsables no momento en que, de ser o caso, se chegue a coñecer a súa identidade.

b) A iniciación, de ser o caso, do procedemento de expropiación forzosa da parcela, cando a contía agregada dos custos non repercutidos supere o valor catastral daquela.

Décimo segundo. Supostos especiais: distancias mínimas ás vías de comunicación

1. Nos supostos en que corresponda á Administración xeral da Comunidade Autónoma a vixilancia do cumprimento da obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas dentro das distancias mínimas ás vías de comunicación establecidas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como regra xeral non se efectuarán comunicacións individualizadas ás persoas responsables, senón que as comunicacións se formularán de maneira conxunta para todas as persoas responsables nun mesmo tramo da vía afectada, mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, de acordo co previsto no punto 4 do artigo 68 bis da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

2. As comunicacións conxuntas a que se refire este punto terán o seguinte contido:

a) Datos catastrais das parcelas afectadas.

b) Identificación das persoas responsables ou indicación de que son descoñecidas.

c) Obriga concreta incumprida co seu fundamento legal.

d) Prazo máximo para o cumprimento voluntario, que será de tres meses e se computará desde o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

e) Apercibimento de que, en caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, se procederá á execución subsidiaria sen máis trámites.

O apercibimento incluirá unha referencia expresa á obriga legal da persoa titular do terreo ou do dereito de aproveitamento sobre el de facilitar o acceso ao suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria e á facultade deste último de acceder sen necesidade de consentimento da persoa titular, agás naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución.

f) Liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar a devandita execución subsidiaria desagregada por parcelas en función da súa cabida, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados, de ser o caso, os traballos.

g) Advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, se iniciará tamén o correspondente procedemento sancionador, indicando expresamente a Administración competente para sancionar, a cualificación da infracción e a contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer, así como que se procederá ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas.

Décimo terceiro. Supostos especiais: zonas de actuación prioritaria e urxente

1. Nas zonas de actuación prioritaria e urxente delimitadas segundo o previsto polo artigo 22.5 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha vez constatado o incumprimento das obrigas incluídas no ámbito de aplicación desta instrución, a Administración pública que decidiu a delimitación da zona procederá á execución subsidiaria sen necesidade de notificación previa ás persoas responsables de comunicación ou requirimento individualizado de ningún tipo, pois o apercibimento da execución forzosa xa está implícito no decreto ou vai incluído na resolución administrativa de delimitación daquelas.

2. Malia o disposto no punto anterior, o órgano actuante identificará igualmente as persoas responsables, para efectos da exacción dos custos da execución subsidiaria e da iniciación do correspondente procedemento sancionador, aplicando o previsto nos puntos sexto, décimo e décimo primeiro desta instrución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural