Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2018 Páx. 25198

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN 3/2018, do 30 de abril, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre a tramitación administrativa das instalacións de autoconsumo, así como os requisitos técnicos mínimos aplicables a estas instalacións.

1. Obxecto e ámbito de aplicación da instrución.

O obxecto desta instrución é clarificar o réxime de autorizacións necesario para as instalacións de autoconsumo en función da súa tipoloxía, así como concretar os requisitos técnicos mínimos necesarios á hora de executar estas instalacións.

2. Definicións e modalidades de autoconsumo.

Potencia instalada.

A potencia instalada defínese no artigo 3 e na disposición adicional décimo primeira do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño.

Para o caso de instalacións fotovoltaicas, a potencia instalada será a suma das potencias máximas unitarias dos módulos fotovoltaicos que configuran a dita instalación, medidas en condicións estándar segundo a norma UNE correspondente («potencia pico»).

Punto de conexión.

O punto de conexión das instalacións de autoconsumo está definido na disposición derradeira segunda do Real decreto 900/2015, que modifica a definición de punto de conexión establecida no artigo 3 do Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto.

Por tanto, tal e como se establece nesta disposición, o punto de conexión é o lugar concreto da rede onde se enlazan instalacións correspondentes a distintas actividades, zonas de distribución ou propietarios. Nas modalidades de produción con autoconsumo, o punto de conexión será o lugar onde se enlacen as instalacións compartidas do consumidor e o produtor coa rede de transporte ou distribución.

Debe terse en conta que, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, formarán parte da instalación de produción as súas infraestruturas de evacuación, que inclúen a conexión coa rede de transporte ou de distribución, e se for o caso, a transformación de enerxía eléctrica.

Modalidades de autoconsumo.

Segundo o establecido no artigo 4 do Real decreto 900/2015, do 9 de outubro, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas das modalidades de subministración de enerxía eléctrica con autoconsumo e de produción con autoconsumo, as modalidades de autoconsumo defínense e clasifican en:

a) Modalidade de autoconsumo tipo 1: subministración con autoconsumo: corresponde á modalidade de subministración con autoconsumo definida no artigo 9.1.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro. Cando se trate dun consumidor nun único punto de subministración ou instalación que dispoña na súa rede interior dunha ou varias instalacións de xeración de enerxía eléctrica destinadas ao consumo propio e que non estean dadas de alta no correspondente rexistro como instalación de produción.

Neste caso existirá un único suxeito dos previstos no artigo 6 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (en diante LSE), que será o suxeito consumidor.

b) Modalidade de autoconsumo tipo 2: produción con autoconsumo: corresponde ás modalidades de autoconsumo definidas no artigo 9.1.b) e 9.1.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Cando se trate dun consumidor de enerxía eléctrica nun punto de subministración ou instalación que estea asociado a unha ou varias instalacións de produción debidamente inscritas no rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica conectadas no interior da súa rede ou que compartan infraestrutura de conexión con este ou conectados a través dunha liña directa.

Neste caso existirán dous suxeitos dos previstos no artigo 6 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, o suxeito consumidor e o produtor.

A LSE nos seus artigos 9.1.b) e 9.1.c) indica:

b) Modalidades de produción con autoconsumo. Cando se trate dun consumidor asociado a unha instalación de produción debidamente inscrita no rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica conectada no interior da súa rede.

c) Modalidades de produción con autoconsumo dun consumidor conectado a través dunha liña directa cunha instalación de produción. Cando se trate dun consumidor asociado a unha instalación de produción debidamente inscrita no rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica a que estea conectado a través dunha liña directa.

3. Requisitos xerais e requisitos técnicos.

Instalacións de autoconsumo tipo 1.

Os suxeitos acollidos á modalidade de autoconsumo tipo 1 cumprirán os requisitos establecidos para estas instalacións no Real decreto 900/2015 e, en particular, os seguintes:

• A potencia contratada do consumidor non será superior a 100 kW.

• A suma de potencias instaladas de xeración será igual ou inferior á potencia contratada polo consumidor.

• O titular do punto de subministración será o mesmo que o de todos os equipamentos de consumo e instalacións/de xeración conectados á súa rede.

Para estas instalacións, deberanse cumprir os requisitos técnicos establecidos no Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro, polo que se regula a conexión á rede de instalacións de produción de enerxía eléctrica de pequena potencia.

Para os efectos exclusivos da aplicación do citado Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro, as instalacións de xeración da modalidade de autoconsumo tipo 1 consideraranse instalacións de produción, así como os exixidos no Real decreto 842/2002, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión, no que sexa de aplicación.

Segundo o establecido no artigo 13 deste real decreto (Condicións específicas para a conexión en redes interiores) a conexión realizarase no punto da rede interior da súa titularidade máis próximo á caixa xeral de protección, de tal forma que permita illar simultaneamente ambas as instalacións do sistema eléctrico.

No caso de que o punto de conexión á rede de distribución sexa en alta tensión e exista un centro de transformación propiedade do consumidor, a conexión da instalación de produción realizarase no cadro de saída de baixa tensión do transformador.

Instalacións de autoconsumo tipo 2.

As instalacións de produción acollidas á modalidade de autoconsumo tipo 2 deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 900/2015 e, en particular, o seguinte:

• A suma das potencias instaladas das instalacións de produción será igual ou inferior á potencia contratada polo consumidor.

• No caso de que existan varias instalacións de produción, o titular de todas e cada unha delas deberá ser a mesma persoa física ou xurídica.

Tal e como se indica no artigo 5 do Real decreto 900/2015, estas instalacións de produción deberán cumprir os requisitos técnicos contidos na normativa do sector eléctrico e na regulamentación de calidade e seguridade industrial que lles resulte de aplicación, en particular o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro, para instalacións de produción incluídas no seu ámbito de aplicación, e o Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, así como os exixidos no Real decreto 842/2002 polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión, no que sexa de aplicación.

Así mesmo, segundo establece na ITC-BT-40 REBT, número 4.3.1, «…con carácter xeral a interconexión de centrais xeradoras ás redes de baixa tensión de 3×400/230 V será admisible cando a suma das potencias nominais dos xeradores non exceda 100 kVA nin da metade da capacidade da saída do centro de transformación correspondente á liña da Rede de Distribución Pública á que se conecte a central».

Por tanto, establécese que:

a) Para as instalacións de autoconsumo tipo 2 con potencia instalada superior a 100 kW e con punto de conexión en alta tensión coa rede de distribución do consumidor asociado aplicaranse as condicións establecidas na ITC- RAT-09 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión, relativa a proteccións.

b) Para instalacións de autoconsumo tipo 2 con potencia instalada non superior a 100 kW, aplicaranse as condicións técnicas establecidas para este tipo de instalacións no Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro, así como os exixidos na ITC- BT-40 do REBT, no que sexa de aplicación.

c) Para aqueles casos excepcionais en que a instalación de autoconsumo tipo 2 con potencia instalada superior a 100 kW conten con punto de conexión en baixa tensión coa rede de distribución do consumidor asociado, aplicaranse igualmente as condicións técnicas establecidas para este tipo de instalacións no Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro, así como os exixidos na ITC- BT-40 do REBT, no que sexa de aplicación.

4. Réxime de autorizacións administrativas necesarias para as instalacións de autoconsumo.

Segundo o artigo 53 da LSE, para a posta en funcionamento das instalacións de produción requírense as autorizacións administrativas seguintes:

a) Autorización administrativa previa.

b) Autorización de construción.

c) Autorización de explotación.

Só quedan excluídas do réxime de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción as instalacións de produción de enerxía eléctrica con potencia nominal non superior a 100 kW, conectadas directamente a unha rede de tensión non superior a 1 kV, xa sexa de distribución ou á rede interior dun consumidor, tal e como establece a disposición adicional 5ª do Real decreto 900/2015.

Para o caso de instalacións fotovoltaicas, a potencia que se considera para estes efectos é a indicada no punto anterior como potencia instalada.

Tendo en conta o anterior, establécese que:

Instalacións de autoconsumo tipo 1.

Estas instalacións non se consideran instalacións de produción para os efectos previstos no réxime de autorizacións indicado no artigo 53 da LSE.

Son instalacións de xeración destinadas ao consumo propio e non están dadas de alta no rexistro administrativo de instalacións de produción.

Non necesitan autorización administrativa en ningún caso e para a súa posta en servizo será de aplicación o procedemento establecido no artigo 18 do Regulamento electrotécnico de baixa tensión, polo que deberán inscribirse no correspondente rexistro de instalacións de baixa tensión (procedemento IN614C) e achegar a documentación correspondente para o devandito rexistro.

Instalacións de autoconsumo tipo 2.

As instalacións de tipo 2 requirirán as autorizacións administrativas reguladas no artigo 53 da LSE, coa excepción indicada na disposición adicional 5ª do Real decreto 900/2015:

As instalacións de autoconsumo tipo 2 cuxa potencia instalada non sexa superior a 100 kW e que estean conectadas en baixa tensión, non necesitarán autorización administrativa previa nin autorización de construción. Para a posta en marcha destas instalacións, en todo caso, necesitarase a autorización administrativa de explotación prevista no número 1.c) do artigo 53 da LSE (procedemento IN 408A)

O procedemento para a autorización destas instalacións é o que se establece no título VII do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, tendo en conta, así mesmo, o establecido no título II, capítulo IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, en que se regula a simplificación dos procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica tramitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Instrución 7/2014, do 31 de outubro.

A Instrución 7/2014, do 31 de outubro, sobre o réxime das instalacións xeradoras de enerxía eléctrica de baixa tensión sen vertedura á rede (modalidade de subministración con autoconsumo) queda actualizada e substituída pola presente instrución.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Táboa resumo

Potencia instalada

(*)

Potencia contratada consumo

Tensión conexión

Tipo de autoconsumo

Autorizacións

Requisitos técnicos

> 100 kW

> 100 kW

Alta

Tipo II

Si (AAp, AAc, AA explotación)

Lei 5/2017 e Real decreto 1955/2000

Real decreto 337/2014

ITC-RAT-09

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 13

Baixa

(excepcional)

Tipo II

Si (AAp, AAc, AA explotación)

Lei 5/2017 e Real decreto 1955/2000

Real decreto 842/2002

Real decreto 1699/2011

ITC-BT-40

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 13

≤ 100 kW

> 100 kW

Alta

(**)

Tipo II

Si (AA explotación)

Real decreto 1699/2011

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 13

> 100 kW

Baixa

(excepcional)

Tipo II

Si (AA explotación)

Real decreto 1699/2011

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 13

≤ 100 kW

Alta

(excepcional)

(**)

Tipo II

Si (AA explotación)

Real decreto 1699/2011

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 13

Tipo I

Non (Rexistro BT: IN614C)

Real decreto 1699/2011

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 12

Baixa

Tipo II

Si (AA explotación)

Real decreto 1699/2011

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 13

Tipo I

Non (Rexistro BT: IN614C)

Real decreto 1699/2011

Medida: Real decreto 900/2015, artigo 12

(*) No caso das instalacións fotovoltaicas de autoconsumo, esta potencia considérase a potencia pico, tal e como se indica no artigo 3 do Real decreto 413/2014.

(**) Segundo o artigo 5 do Real decreto 900/2015, os requisitos técnicos que se aplican serán os do Real decreto 1699/2011, para as instalacións de produción no seu ámbito de aplicación. Segundo o artigo 13 do Real decreto 1699/2011, no caso de que o punto de conexión da rede de distribución sexa en alta tensión e exista un CT propiedade do consumidor, a conexión da instalación de produción realizarase no cadro de saída de baixa tensión do transformador. Para o réxime de autorizacións neste caso e para as de tipo 2 aplícase a disposición adicional 5ª do Real decreto 900/2015.