Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 25 de maio de 2018 Páx. 25919

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de maio de 2018 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (ED110A).

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, desenvolve accións para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co disposto no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que está adscrita á antedita consellería segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004 aprobouse no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan xeral de normalización da lingua galega, desenvolvido, no seu momento, por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No dito plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no plan é o de «consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino de lingua, literatura e cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos, como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico senón tamén na súa área de influencia.

Son precisamente estes centros o instrumento idóneo para promover unha formación eminentemente práctica entre os titulados universitarios que cumpran os requisitos de participación exixidos nesta convocatoria. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro dos seus programas de formación relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas, dirixidos a unha ampla gama de destinatarios, ofrécelle a este colectivo a posibilidade de se incorporar aos centros de estudos galegos co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en exclusiva para o colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas e, con base nos convenios subscritos, facilítase a posibilidade de realizar, ou de completar, estudos de posgrao nas universidades de destino.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (ED110A) nos centros de estudos galegos situados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:

Destino

Localidade

País

Inicio

Remate

Université de la Sorbonne Nouvelle, París III

París

Francia

1.10.2018

30.9.2021

Universidade de Sâo Paulo

Sâo Paulo

Brasil

1.1.2019

31.12.2021

Artigo 2. Duración

O programa de formación das persoas seleccionadas terá unha duración máxima de tres (3) anos.

A data prevista de incorporación será o 1.10.2018, no caso da praza de Francia, e o 1.1.2019 no caso da praza de Brasil.

As datas de remate serán, en todo caso, o 30.9.2021 e o 31.12.2021, respectivamente.

Artigo 3. Contía e libramento das bolsas

1. O importe íntegro mensual das bolsas obxecto desta convocatoria é o seguinte:

– 1.277,12 euros, por tratarse de lectorados en universidades estranxeiras.

2. Neste importe considéranse incluídos todos os conceptos, é dicir, os beneficiarios asumirán, con cargo á bolsa adxudicada, os gastos de tipo profesional ou persoal que se poidan derivar da súa condición, tales como impostos, cotizacións á Seguridade Social, gastos de locomoción, manutención e residencia, custos de matrícula e gastos de inscrición en actividades formativas, trámites burocráticos, etc.

3. As persoas adxudicatarias percibirán o importe da súa bolsa mediante liquidacións mensuais, logo de certificación da persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística que acredite que cumpriu, no período indicado, coas actividades estipuladas no artigo 5.

4. Estas persoas, de acordo co establecido no seu artigo 1, están incluídas no ámbito de aplicación do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, e quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.

Artigo 4. Orzamento

As axudas correspondentes financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 10.30.151A.480.2 (bolsas lectores) e 10.30.151A.484.0 (cota patronal da Seguridade Social), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por unha contía máxima total de 94.802,40 euros. Non obstante, esta contía poderá ser incrementada cando a cotización patronal á Seguridade Social, en virtude do regulado ao respecto na correspondente lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento, sexa actualizada á alza.

As contías e as anualidades, segundo as aplicacións orzamentarias, detállanse na seguinte táboa:

Aplicacións orzamentarias

Anualidades

2018

2019

2020

2021

Totais

10.30.151A.480.2

3.831,36 €

30.650,88 €

30.650,88 €

26.819,52 €

91.952,64 €

10.30.151A.484.0

118,74 €

949,92 €

949,92 €

831,18 €

2.849,76 €

Totais

3.950,10 €

31.600,80 €

31.600,80 €

27.650,70 €

94.802,40 €

Artigo 5. Programa de formación

1. O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades, no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección do responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.

As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico universitario senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

2. Á marxe do anterior, e para complementar as accións formativas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística deseñará actividades de formación específicas para o colectivo de lectores.

3. Os beneficiarios non poderán desenvolver outras actividades que impidan, dificulten ou menoscaben o cumprimento das condicións establecidas para o aproveitamento do programa de formación.

Artigo 6. Requisitos

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

• Poderá solicitar calquera das prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

- Licenciatura en Filoloxía Galega.

- Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida sexa o galego.

- Grao en Lingua e Literatura Galegas.

- Grao en Estudos de Galego e Español.

- Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

• Poderá solicitar a praza de Francia quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

- Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se encontre o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

- Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de remataren o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derive da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 18.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada

2. As persoas interesadas poderán solicitar un ou dous destinos que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

5. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou xunte os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

6. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de admitidos, excluídos, con indicación da causa que orixina esta situación, e desistidos.

Á vista das listaxes anteriores, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco (5) días para presentaren reclamación.

Artigo 8. Notificación electrónica

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico realizarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio.

Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento e forma de presentación da documentación

1. Para a valoración dos seus méritos, conforme o establecido no anexo II, os candidatos achegarán a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da súa identidade (no caso de solicitantes estranxeiros).

b) Currículo, no cal deben figurar todos os méritos alegados.

c) Xustificantes dos méritos alegados no currículo (na mesma orde en que aparezan relacionados neste).

d) Para cada destino solicitado, proxecto didáctico de docencia en prácticas aplicable á universidade solicitada, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude.

A extensión do proxecto didáctico non deberá superar as 25 páxinas, mecanografadas cun interliñado de espazo e medio, tipo de letra non superior a 14 puntos e presentadas en formato A4.

e) No caso de titulacións universitarias expedidas por universidades fóra de España, copia da titulación universitaria exixida no artigo 6 ou da acreditación de que foi solicitada.

f) En relación coa titulación exixida (nacionais ou estranxeiros), orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, na cal debe constar a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Diario Oficial de Galicia número 188, do 30 de setembro).

2. Os méritos alegados no currículo xustificaranse mediante documento orixinal ou copia compulsada, se se utiliza a vía presencial, e da forma indicada para a documentación complementaria no suposto de presentación electrónica. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados neste.

Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante copia simple da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. No caso de publicacións extensas, recoméndase a entrega de orixinais, que se devolverán unha vez que se resolva a convocatoria.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán ir acompañados dunha tradución para algún destes e incluirán ao pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

7. Na presentación da documentación gardarase a seguinte orde: solicitude, documento acreditativo da identidade (de ser o caso), titulación académica, certificación académica persoal, currículo, xustificantes dos méritos alegados neste (na mesma orde en que aparezan relacionados nel) e proxecto(s) didáctico(s).

A documentación anterior que se presente de forma non electrónica achegarase sen ningún tipo de encadernación que dificulte ou impida a súa manipulación.

Artigo 12. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Título/s universitario/s (no caso de titulacións expedidas por universidades españolas).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Órgano instrutor

1. A instrución do procedemento para a concesión das dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas correspóndelle á Subdirección Xeral de Política Lingüística.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. Os méritos alegados polas persoas solicitantes serán valorados por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) O/a titular da Subdirección Xeral de Política Lingüística, que exercerá a presidencia.

b) O/a titular da Xefatura do Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

c) O/a titular da Xefatura da Sección de Habilitación.

d) Por parte das universidades, os/as responsables dos centros de estudos galegos. Se a súa presenza non é posible, notificaranllo á Secretaría Xeral de Política Lingüística, e poderán delegar a súa representación. Ambas as circunstancias se deben comunicar por escrito.

e) Un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario/a, con voz pero sen voto.

A ausencia dalgún dos membros da Administración será cuberta por algún dos seguintes suplentes:

a) O/a titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que exercerá a presidencia da comisión ante a ausencia do/a seu/súa titular.

b) O/a titular da Xefatura do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

c) O/a titular da Xefatura da Sección de Validación de Estudos.

2. A comisión de valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 15. Valoración de méritos

1. A comisión reunirase para valorar os méritos debidamente acreditados, de cada unha das solicitudes admitidas, de acordo cos criterios que se indican no anexo II desta orde.

2. Cando o número de solicitudes admitidas para un mesmo destino supere a contía de 12, limitarase o acceso á fase de exposición e defensa do proxecto didáctico aos 12 candidatos que acaden as maiores puntuacións nos méritos 1 a 4 do anexo II.

En calquera caso, non accederán á fase anterior aqueles candidatos que non presentasen o proxecto didáctico en prazo.

3. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web institucional e comunicaralles aos solicitantes, a través do correo electrónico facilitado, a relación dos candidatos seleccionados para a fase de exposición e defensa do proxecto didáctico, así como o lugar, data e hora de realización.

4. Será causa específica de desistencia non presentarse á exposición e defensa do proxecto didáctico.

5. Rematada a valoración de méritos, a comisión remitiralle á persoa titular do órgano instrutor do procedemento a acta da reunión. Esta acta recollerá, ordenados de maior a menor puntuación total e por cada destino solicitado, a relación de candidatos valorados, con expresión detallada das puntuacións obtidas en cada epígrafe, e as incidencias que puidesen influír na resolución desta convocatoria.

6. En caso de empate, a orde virá dada pola puntuación total obtida en cada epígrafe do anexo II conforme a orde establecida no dito anexo.

Artigo 16. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, tendo en conta a acta da comisión de valoración e o expediente de cada unha das solicitudes presentadas, formulará unha proposta de resolución provisional baseada nas maiores puntuacións obtidas.

A adxudicación non poderá recaer sobre candidatos/as cunha valoración total inferior a 5 puntos.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública, na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios, por un prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte ao da data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que xulguen pertinentes nos lugares e nas formas indicados no artigo 7.

3. Se algún dos candidatos propostos tiver a intención de non aceptar a adxudicación da bolsa, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a continuación e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

Artigo 17. Resolución

1. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. A persoa titular do órgano instrutor elevaralle á persoa que dirixe a Secretaría Xeral de Política Lingüística a proposta de resolución definitiva.

3. Con base na proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística ditará resolución pola cal se adxudican as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas convocadas por medio desta orde. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, exporase na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e notificaráselles ás correspondentes universidades de destino.

4. No caso de funcionarios en servizo activo, a adxudicación da bolsa dependerá de que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

5. Para os efectos do estipulado nos artigos 19 e 20 e para cada destino ofertado, integrarán unha listaxe de suplentes aquelas solicitudes que, respectando a orde de prelación por puntuación, estean situadas a continuación da persoa adxudicataria e, como mínimo, acaden unha puntuación total igual a 5.

6. Non se adxudicarán as bolsas daqueles destinos que non conten, no momento de ditar a resolución, co correspondente convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a respectiva universidade. Non obstante, poderase demorar esta adxudicación se existe a certeza de que o convenio será subscrito dentro dos dous meses seguintes á adxudicación das restantes bolsas.

7. A concesión e a percepción da bolsa non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas adxudicatarias quedan obrigadas a:

a) Acreditar que superaron o Curso de formación de profesores de galego ou, na súa falta, comprometerse a asistir e superar o dito curso na edición que lles indique a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non cumprir co previsto neste punto dará lugar á aplicación do estipulado no artigo 20.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística o desenvolvemento de actividades alleas ao obxecto desta convocatoria que poidan influír ou comprometer a súa actuación.

c) Reintegrar os importes das bolsas indebidamente percibidos.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Obter, se é o caso, os permisos pertinentes para unha estadía legal no país de destino, para o cal deben realizar os trámites oportunos e asumir os gastos correspondentes.

f) Asistir ás actividades de formación a que sexan convocadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

g) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30.2 da Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 19. Substitucións

1. Se, unha vez adxudicadas as bolsas, algún dos beneficiarios renuncia, aplicarase, para a súa cobertura provisional, o procedemento descrito no artigo 16.3 sobre a listaxe de suplentes a que fai referencia o artigo 17.5. Estas bolsas serán incluídas na seguinte convocatoria para a súa adxudicación mediante concurso público de méritos.

2. Cando sexa necesaria a substitución temporal do bolseiro titular, empregarase tamén o procedemento descrito no punto anterior. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

Artigo 20. Revogación e suspensión

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da instrución do correspondente procedemento, poderá revogar a concesión da bolsa, ou suspendela temporalmente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Evolución negativa ou pouco satisfactoria na súa formación e no aproveitamento das experiencias e prácticas realizadas no lectorado.

b) Incumprimento total ou parcial do disposto no artigo 5 desta orde.

c) Notoria falta de actitude no desenvolvemento das actividades previstas no artigo 5.

d) Non axustarse, no exercicio das súas actividades, ás vixentes Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas pola Real Academia Galega.

e) Coñecemento sobrevido de circunstancias invalidantes para a adxudicación da bolsa.

f) Perda de vixencia do convenio asinado coa universidade de destino.

g) Calquera actuación que afecte ao correcto funcionamento do lectorado.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, sempre que as persoas interesadas autoricen o seu tratamento e publicación mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar este procedemento así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Artigo 23. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG número 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG número 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE número 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003.

Artigo 24. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única

Deléganse expresamente na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as facultades de resolución que deriven da aplicación dos artigos 14, 16 e 17 desta orde, con base no establecido na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a resolución dos recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas, conforme o disposto no seu artigo 3, alínea c).

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file

ANEXO II

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 12 puntos

1.1. Polo título de doutor:

1 punto

1.2. Por cada licenciatura ou titulación de grao a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG número 188, do 30 de setembro), e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor.

Ata 5 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:(1)

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas

1,00 puntos

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:(2)

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, seminarios, relatorios, etc. relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades fosen realizadas en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente no número 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

No caso de autoría múltiple, a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número de autores.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias simples en que consten o ISBN, ISSN ou depósito legal, segundo corresponda, e o índice (non se valorarán as publicacións que non o consignen).

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado

1,00 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións, etc.:

2.3.2.1. Non especializado ou publicacións de curta extensión

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado

0,20 puntos

2.4. Docencia no ensino regrado de lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Dinamización e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia (dirección e/ou coordinación):

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas

0,80 puntos

3.2. Coñecemento da comunidade autónoma ou do país en que se encontre a universidade solicitada, e da súa situación sociocultural (acreditación exclusiva mediante residencia):

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán):(i)

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4

1,00 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/licenciatura/grao

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado, residencia no país máis de tres (3) meses seguidos, etc.)

0,15 puntos

4. Adecuación do currículo presentado ao perfil formativo do destino solicitado:

Máximo 3 puntos

5. Exposición e defensa ante a comisión de valoración do proxecto didáctico de docencia en prácticas, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas que se desenvolverá na universidade solicitada:

Máximo 5 puntos

Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

• Destino (ata 1 punto):

– Motivación pola cal o solicita.

– Coñecementos sobre a universidade solicitada.

– Coñecementos sobre a actividade do seu centro de estudos galegos (CEG).

– Coñecementos sobre o país ou comunidade autónoma en que se encontra o CEG.

• Deseño do proxecto docente (ata 3 puntos):

– Deseño e estruturación.

– Coñecementos e fundamentación teórica.

– Deseño de actividades.

– Aplicabilidade do proxecto.

– Bibliografía.

• Coñecementos e habilidades xerais (ata 1 punto):

– Coñecementos técnicos, didácticos e pedagóxicos.

– Coñecementos sobre a regulación do ensino da lingua galega e sobre a acreditación do nivel de competencia en lingua galega (Celga).

– Filosofía e metodoloxía de traballo na aula.

– Competencias persoais, capacidade de razoamento e de resolución de problemas.

– Habilidades comunicativas.

– Empatía, interacción e sociabilidade.

– Seguridade na exposición dos conceptos que defende.

– Aptitude e actitude persoal para a realización das actividades.

– Motivación profesional.

– Outros aspectos (dominio de idioma, etc.).

(1) Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas ou aqueles que non acrediten as horas.

(2) Non se valorarán as actividades de menos de 10 horas ou aquelas que non acrediten as horas.

(i) MCERL: Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas.

   ALTE: Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas.