Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 5 de xuño de 2018 Páx. 27469

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 23 de maio de 2018, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018.

BDNS (Identif.): 401300.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarios

As seguintes entidades: a) as universidades do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur); no caso dos Institutos de Investigación Sanitaria IDIS e INIBIC e dos centros do ámbito do Sergas que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través destas entidades; d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II e III para cada caso.

Segundo. Obxecto

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.

– Modalidade C: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 20.990.000,00 €.

– Modalidade A (GRC).

No caso das universidades do SUG: o importe global da axuda distribuirase en tres anualidades e virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 30.000 € para o ano 2019 e de 35.000 € para o ano 2020 e 2021 máis un variable máximo de 30.000 € no ano 2019 e de 35.000 € nos anos 2020 e 2021 en función dos ingresos medios do grupo, e un módulo variable, acumulable o anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores a concesión.

No caso das demais entidades: o importe global da axuda distribuirase en catro anualidades e virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 € tendo en conta os ingresos medios do grupo, e un módulo variable dun máximo de 50.000 € (20.000, 30.000 e 50.000 €), acumulable o anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión.

– Modalidade B (GPC).

No caso das universidades do SUG: as axudas serán de aplicación por un período de 2 anualidades (2019 e 2020), mediante o pagamento dunha contía máxima de 45.000 € en cada unha delas.

No caso das demais entidades: as axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira.

– Modalidade C (proxectos de excelencia).

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata 4 anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 €. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata 5 anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2018 e de 25.000 € para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego
e Industria e presidente da Axencia
Galega de Innovación