Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 6 de xuño de 2018 Páx. 27724

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 18 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2018.

O artigo 32.1 da Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais, establece que, coa finalidade de promover o desenvolvemento sustentable destes espazos, as administracións públicas, dentro do seu ámbito competencial e conforme as dispoñibilidades orzamentarias, poderán conceder axudas técnicas, económicas e financeiras nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais.

O Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais, recoñece expresamente que a tramitación e resolución dos procedementos de concesión destas subvencións corresponde ás comunidades autónomas.

Este real decreto sinala no seu artigo 5 que a concesión de subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais require, convocatoria pública, por parte daquelas comunidades autónomas que dispoñan no seu territorio dalgún parque nacional. Convocatoria que debe conter as especificacións mínimas que determina o mencionado precepto.

Galicia conta cun Parque Nacional, que agrupa aos arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, e recibe ou nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Este parque inclúe superficies pertencentes aos concellos de Vigo, Bueu e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra, e Ribeira, na Coruña.

Por outra banda esta convocatoria responde á necesidade de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da poboación sita no ámbito de influencia do Parque Nacional. A regulamentación de usos e actividades permitidos no interior do Parque Nacional é en ocasións certamente restritiva pois a fraxilidade e interese dos valores naturais a protexer así o exixe. Non obstante, isto non debe ser obstáculo para fomentar e lograr o crecemento económico da zona de influencia socioeconómica do parque de xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas, e a necesidade de adaptación á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, fan conveniente introducir algunhas modificacións que afectan o sistema de xestión. Por todo isto, e coa finalidade de facilitar o acceso as bases reguladoras nun só texto, óptase polo establecemento na presente orde, do texto definitivo das bases reguladoras para a concesión das axudas.

É obxectivo tamén desta orde o cumprimento das premisas de publicidade e transparencia especificadas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O artigo 12 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, modificado polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro, que no seu artigo 3 inclúe entre os seus órganos superiores e de dirección á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, indica que esta Dirección Xeral ten atribuídas dentro das súas competencias, as referidas á conservación da natureza e ao fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos e á que se lle adscribe con nivel orgánico de servizo o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. Esta orde ten por obxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2018, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (MT821A).

2. De acordo coa Lei 15/2002, do 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos Concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

3. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendéndose a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos segundo ao establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Iniciativas e porcentaxes subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvencións os investimentos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional referidos a:

a) Iniciativas públicas tendentes á modernización das infraestruturas urbanas, periurbanas e rurais destinadas ao uso xeral, así como á diversificación e mellora dos servizos prestados pola Administración local, cando garden unha relación directa coas finalidades e obxectivos que establecen a norma da declaración do Parque Nacional ou os seus instrumentos de planificación.

As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: mellora na subministración de auga potable, mellora na atención sanitaria a visitantes e residentes no Parque, xestión de residuos, xestión enerxética, rede de saneamento e outras semellantes.

b) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural, sempre que presenten un manifesto valor ecolóxico.

c) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do Parque Nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética do mesmo ocasionado por infraestruturas preexistentes.

As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: soterramento de alxibes, mellora de fosas sépticas, puntos limpos e outras semellantes.

d) Iniciativas públicas ou privadas dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais.

e) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou á restauración do patrimonio arquitectónico, sempre que presenten un manifesto valor histórico-artístico ou cultural a escala local.

As actuacións subvencionables serán do tipo de: recuperación de hórreos, fornos comunais e outras semellantes.

f) Iniciativas privadas destinadas á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co Parque Nacional, en particular, as relacionadas coa prestación de servizos de atención a visitantes e a comercialización dos produtos artesanais.

As actuacións subvencionables serán do tipo de: empresas de rutas guiadas, mergullo recreativo-educativo, promoción de actividades en inverno e outras semellantes.

g) Iniciativas privadas destinadas ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, como adaptación de cubertas, arranxo de construcións anexas ou acadar as condicións exixidas para a concesión da cédula de habitabilidade, dos edificios que se atopan en terreos do interior do perímetro do Parque Nacional e teñen unha antigüidade de máis de 50 anos, cuxo uso estea directamente relacionado coa actividade produtiva asociada ao sector primario ou constitúen a primeira residencia das persoas propietarias, ou sexan utilizados polas persoas titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e regúlase o procedemento para o outorgamento das concesións da illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión.

h) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á divulgación e formación entre a poboación local dos valores e importancia do Parque Nacional, coa conservación dos valores naturais e culturais que xustificaron a súa declaración ou co uso sustentable dos recursos naturais.

i) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.

2. Non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento das persoas ou entidades solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas. Tampouco serán subvencionables os gastos correntes dos concellos. As solicitudes conxuntas de concellos que non acrediten a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actividades independentes en cada entidade local serán excluídas ou non admitidas a trámite.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do Parque Nacional ou da zona de influencia socioeconómica, tendo prioridade as accións que se realicen dentro do perímetro do Parque sobre aquelas que estean fóra.

4. A porcentaxe da subvención e o importe máximo da axuda será:

– No caso de iniciativas incluídas nos grupos a), c), d), e), f) e g) do punto 1 subvencionarase o 100 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de axuda de 12.000 € no caso de concellos e 6.000 € no resto dos casos.

– No caso de iniciativas incluídas nos grupos b), h) e i) do punto 1 subvencionarase o 80 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de axuda de 12.000 € no caso de concellos e 4.000 € no resto dos casos.

5. Cada persoa ou entidade solicitante unicamente poderá presentar unha solicitude de axuda, especificando claramente o grupo do apartado 1 do presente artigo ao que pertencen as actuacións para as que solicita a axuda.

Artigo 3. Persoas ou entidades beneficiarias e requisitos.

1. Poderán resultar beneficiarios/as das subvencións:

1.1. Entidades locais.

a) Os concellos dos municipios situados na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).

1.2. Entidades empresariais.

a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área.

b) Os/as empresarios/as autónomos/as ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:

– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

– Cando residan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.

– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica, pero veñan realizando no interior do Parque Nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades foran especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.

1.3. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e regúlase o procedemento para o outorgamento das concesións da illa de Ons e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do Parque Nacional.

1.4. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional.

1.5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario/a das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de subvención, subscritas polo/a solicitante ou pola persoa representante da entidade solicitante, realizaranse cubrindo correctamente o modelo que figura no anexo I, e dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e irán acompañadas, se for o caso, da documentación administrativa e técnica que se especifica no artigo 5.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para: as Administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para trámites e actuacións que realicen coas administracións no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación rematará o día correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación, con dúas excepcións; en primeiro lugar, cando no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En segundo lugar, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada que nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

Artigo 5. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

a) As persoas interesadas deberan achegar coa solicitude a seguinte documentación.

1. Para todo/a interesado/a:

a) Acreditación da representación da persoa solicitante por calquera medio válido en dereito, se procede.

b) Memoria descritiva da finalidade para a que se solicita a subvención. Conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado co IVE desagregado, prazo aproximado de execución e calendario, tendo en conta que as actividades subvencionables deben comezar e rematar neste exercicio.

c) Cando a actuación se localice nun lugar concreto, achegarase un plano de situación desta, sen prexuízo dos demais planos de detalle que exixa a definición técnica da actuación.

d) Se é o caso, acreditación de dispoñer de todas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou de estar en trámite de conseguilas.

e) Cando se trate de actuacións sobre terreos ou bens inmobles concretos, certificación acreditativa da plena dispoñibilidade dos devanditos bens para executar a actuación. No caso de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varias persoas copropietarias, deberase presentar:

1. Documento que acredite o consentimento de todas as persoas copropietarias.

2. Representación do/a solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

2. Deberase acompañar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do/a beneficiario/a:

a) No caso de concesionarios segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e regúlase o procedemento para o outorgamento das concesións da illa de Ons, escrito no que exprese a dita condición e cite as súas características.

b) No caso de arrendatarios/as, documento que acredite a condición, así como manifestación do consentimento, coñecemento ou non oposición pola persoa propietaria das obras, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

c) Para institucións sen ánimo de lucro, documento acreditativo do acordo adoptado pola entidade para efectuar a solicitude de subvención, así como da representación das persoas que a subscriban.

d) No caso de asociacións, acordo da Xunta de Goberno ou figura similar para solicitar as axudas, e certificación do concello, ou documento semellante, que acredite que máis do 50 % dos/as socios/as residen nalgún dos concellos do Parque Nacional.

e) Para institucións sen ánimo de lucro (fundacións e asociacións): copia dos seus estatutos.

f) No caso de empresas ou autónomos/as:

1. Acreditación de posuír a sede social nalgún concello do Parque Nacional.

2. No caso de comunidades de bens, declaración responsable sobre o importe do investimento que vai aplicar cada unha das persoas da agrupación, expresado en forma de porcentaxe sobre o total, e identificación de cada unha das persoas integrantes (núm. DNI).

b) Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

c) A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

d) A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica, as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiríraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda. Opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

e) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

f) No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica, superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

g) A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá requirir motivadamente consonte prevé o artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar, que considere conveniente.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE para as persoas físicas solicitantes ou NIF para as persoas xurídicas solicitantes e, se procede, DNI ou NIE da persoa representante.

b) Alta no IAE.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

d) Acreditación da titularidade do terreo de cada persoa propietaria solicitante no catastro.

e) Titularidade dunha concesión segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e se regula o procedemento para o outorgamento das concesións da illa de Ons.

f) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día do pago coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día do pago coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

i) Para institucións sen ánimo de lucro, a súa inclusión no rexistro público correspondente.

j) No caso de asociacións a súa inclusión no Rexistro de Asociacións.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoa interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a citada secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal.

Artigo 8. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa valida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez dias naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración autonómica practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución do procedemento de concesión de subvencións

1. A instrución das axudas recollidas no artigo 2 da presente orde efectuarase pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

2. No proceso de instrución darase traslado das solicitudes recibidas á Comisión de Valoración, que elaborará unha proposta de concesión das axudas, tendo en conta o informe emitido pola Dirección do Parque Nacional.

3. Cumpridos os trámites anteriores, elevaranse as correspondentes propostas de resolución á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, quen resolverá.

Artigo 11. Criterios de avaliación dos proxectos

1. Para a asignación das subvencións que se recollen na presente orde, terase en conta o informe elaborado pola dirección do Parque Nacional sobre o grao de adecuación de cada solicitude aos obxectivos do Parque Nacional e o resultado da inspección da viabilidade e realidade das actuacións propostas.

2. A asignación das citadas subvencións farase en virtude da baremación realizada pola Comisión de Valoración, composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que a presidirá. Ademais, serán membros da citada comisión a persoa titular da Subdirección Xeral de Espazos Naturais e a persoa titular da Dirección do Parque Nacional. Actuará como secretario/a a persoa titular da dirección adxunta do Parque Nacional. Así mesmo, asistirá ás reunións o persoal técnico e administrativo que sexa requirido en cada ocasión. En caso de ausencia dalgunha delas, a persoa titular da dirección xeral procederá a nomear unha persoa substituta.

3. O baremo inclúe un factor de multiplicación (x 1,4) para discriminar os proxectos que, referidos a investimentos, repercutan directa e positivamente sobre a calidade de vida das persoas residentes no interior do parque nacional, e (x 1,2) se repercuten directa e positivamente na calidade de vida das persoas residentes na área de influencia socioeconómica.

4. A dispoñibilidade orzamentaria asignada na convocatoria limitará o número de expedientes que se aproben. Para iso, ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado e aprobaranse os investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento.

5. Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:

Criterio I: avaliación do grupo de actividades subvencionables

Puntos

Segundo o tipo de actuacións a realizar (artigo 2.1):

Grupo a)

3

Grupo b)

2

Grupo c)

3

Grupo d)

1

Grupo e)

2

Grupo f)

2

Grupo g)

3

Grupo h)

1

Grupo i)

1

Total x 0,10

Total criterio I

Criterios II: avaliación segundo o Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro

O carácter de exemplificación dun modelo de desenvolvemento compatible coa conservación dos procesos naturais

Ata 3

Volume de creación de emprego estable

Ata 3

A intensidade do efecto sobre a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento económico

Ata 3

Repercusión social

Ata 3

Promoción do emprego da lingua galega na realización das actividades

Ata 2

Suma

Media

Media x 0,60

Total criterio II

Criterios III: avaliación segundo a calidade da proposta

Calidade da proposta: coherencia entre os obxectivos propostos e a problemática detectada, resultados actividades e prazos

Ata 3

Adecuación dos recursos: coherencia do presuposto, medios, persoal e organización

Ata 3

Claridade na formulación da proposta

Ata 3

Suma

Media

Media x 0,30

Total criterio III

No caso de concellos que teñan un convenio para a xestión compartida de servizos municipais e presenten unha solicitude conxunta para actuacións do grupo a) do artigo 2.1, a puntuación obtida conforme o criterio I incrementarase nun 10 %. Se ademais acompañan a solicitude dunha memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual, esta porcentaxe elevarase ata o 25 %.

Artigo 12. Inspección

O persoal funcionario do Parque Nacional realizarán unha inspección no campo, para, comprobar os datos da solicitude, comprobar a viabilidade dos traballos e verificar, de ser o caso, as superficies e que os traballos non estean executados. Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación da axuda.

A Dirección do Parque Nacional emitirá informe individualizado para cada solicitude no cal se reflicta o resultado da inspección anterior, e a compatibilidade cos instrumentos de xestión do Parque e co mantemento dos valores que xustificaron a declaración do espazo como Parque Nacional.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver será de tres meses, a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Consonte o establecido no artigo 25 da Lei 38/2003, do 17 de novembro xeral de subvencións, unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se ditase a resolución expresa, os/as solicitantes deberán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 21 do mencionado texto legal.

O prazo máximo para resolver rematará o día seguinte ao correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación, con dúas excepcións. En primeiro lugar, cando no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En segundo lugar, se o derradeiro día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes de axudas serán resoltas pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

3. A resolución do procedemento notificarase de forma individual á persoa ou entidade adxudicataria. Na notificación indicarase a persoa ou entidade beneficiaria, a cantidade concedida, o prazo de execución e xustificación, a finalidade ou finalidades da subvención e o programa e crédito orzamentario a que se imputen.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición diante da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Aceptación

De renunciar á subvención concedida, a persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de dez días hábiles contado desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, deberá notificalo á Dirección Xeral de Patrimonio Natural segundo o anexo II desta orde. Se así non o fixer no prazo indicado, entenderase que acepta a axuda.

Artigo 15. Publicidade, transparencia e bo goberno

1. A relación das subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia coa indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. De conformidade cos artigos 4 e 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicara na súa paxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. A persoa ou entidade beneficiaria terá a obriga de publicitar a axuda concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos.

No caso de obras materiais instalarase un cartel segundo o modelo do anexo III desta orde, que deberá permanecer colocado no lugar por un período de 5 anos contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda. O cartel de publicidade da subvención, que será a cargo da persoa ou entidade beneficiaria, deberá presentar, en todo momento, as adecuadas condicións de imaxe, obrigándose a persoa ou entidade adxudicataria a mantelo en perfecto estado e substituílo no caso de que sufra unha deterioración significativa.

Nas publicacións e demais material de divulgación, farase mención a que a actividade foi financiada con cargo ao programa de subvencións da Rede de Parques Nacionais e da Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Debendo figurar os correspondentes logos segundo o anexo IV.

Artigo 16. Obrigas da persoa ou entidade beneficiaria

Son obrigas da persoa ou entidade beneficiaria as que se establecen con carácter xeral na normativa de aplicación en materia de subvencións, e en particular:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar perante o órgano concédente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión ou o goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, a que efectuará o órgano concedente, así como calquera outras de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto estatais como autonómicos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concédente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, tributarias e fronte á Seguridade Social, tanto no momento de concesión da axuda como no da xustificación do gasto realizado.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable a persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, así como de cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, sen prexuízo da esixencia por parte da Administración dos correspondentes xuros de demora, cando se perda o dereito ao cobramento.

i) No caso de axudas á divulgación, no momento da xustificación final, entregaranse 2 exemplares do material editado, xunto co resto da documentación xustificativa.

Artigo 17. Gastos subvencionables

1. Ao abeiro do disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

a) Considéranse gastos subvencionables, para os efectos previstos na citada lei, aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas diferentes bases reguladoras das subvencións. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola convocatoria da subvención.

c) Cando o gasto subvencionable supere os 40.000 €, no caso de obras, ou 15.000 € no suposto de subministro ou de servizos, a persoa ou entidade solicitante deberá achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección entre as ofertas presentadas, que se achegaran xunto coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro da presente orde serán compatibles con outras axudas para a mesma actividade provenientes doutras administracións públicas ou de entidades privadas, sen que, en ningún caso, se supere, pola concorrencia destas, o 100 % do investimento que se vaia realizar.

3. O IVE non será subvencionable.

4. As obras e actuacións obxecto da subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, aos instrumentos de planificación e xestión do Parque Nacional.

5. No suposto de rehabilitación e mellora de bens inventariables, o período durante o cal a persoa ou entidade beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención non poderá ser inferior a cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

6. Os investimentos obxecto de subvención deberán respectar os prazos e a distribución inicial de anualidade aprobados na resolución de adxudicación, debendo obrigatoriamente comezar no exercicio económico da convocatoria en curso.

Artigo 18. Subcontratación

Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, permitirase a subcontratación total ou parcial da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao seu contido.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 19 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.

2. A persoa ou entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do contido da resolución, sempre que se solicite antes de que conclúa o prazo concedido para a realización da actividade, e non dane dereitos de terceiros, segundo o establecido no artigo 64 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. A persoa ou entidade beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación, sempre que se solicite, expresamente e por escrito, antes da finalización do citado prazo, segundo o establecido no artigo 70 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a resolución das solicitudes de modificación.

Artigo 20. Xustificación e pagamento da actividade

1. Efectuarase un único pagamento unha vez xustificada a realización da actividade obxecto da subvención desa anualidade.

2. Os ritmos de investimento e de execución das actuacións deberán corresponderse co programa de execución e calendario aprobados e a súa xustificación económica deberá referirse aos gastos incorridos neste período ou, se é o caso, ao período prorrogado conforme o artigo 19.2, mediante resolución. Non será conforme nin se entenderá xustificado o incumprimento dos prazos ou a modificación das condicións de execución sen a aprobación do órgano concedente.

3. No momento da xustificación da execución, con anterioridade ao pagamento, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. Unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade, a persoa ou entidade beneficiaria deberá comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural o remate das accións e solicitar o aboamento do importe da axuda correspondente.

5. O servizo técnico do órgano xestor do Parque Nacional deberá certificar, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada. Tras esta certificación, poderá tramitarse o pagamento das axudas.

6. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación pola persoa ou entidade beneficiaria da realización da actividade, da execución do proxecto ou investimento ou da consecución do obxectivo para o que se concedeu, de forma que a súa falta de xustificación ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na normativa en materia de subvencións determinará a perda do dereito ao cobramento.

7. O incumprimento do dito prazo ou das obrigas previstas na presente orde producirá a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo o/a beneficiario/a reintegrar á Administración a cantidade que tivese percibida cos xuros que correspondan sen prexuízo da posible incoación do correspondente procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa.

8. Para realizar o pagamento final, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Memoria-resumo da actividade subvencionada, se é o caso, detalle de cal foi o alcance do investimento finalmente executado.

b) Certificado do/a secretario/a, interventor/a ou tesoureiro/a do concello, da entidade, empresa ou asociación, ou da persoa física co «visto e prace» da persoa titular da alcaldía ou da persoa titular da presidencia, cando proceda, que inclúa unha relación das facturas, correspondentes aos gastos realizados coa axuda concedida, indicando concepto do gasto, data, número de factura, nome e NIF do provedor e o seu importe con e sen IVE.

c) No caso de particulares, ou empresas: xustificación, documentada mediante facturas, dos gastos e pagamentos realizados. As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación, entre os que cómpre destacar:

– Data de expedición da factura, que deberá estar comprendida dentro dos prazos de execución do proxecto ou actividade que figuren no instrumento regulador da axuda.

– Número de factura.

– Datos identificativos da persoa ou entidade provedora (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF/CIF e domicilio).

– Datos identificativos da persoa ou entidade destinataria do ben e/ou servizo, que deberá coincidir ca persoa ou entidade beneficiaria da axuda.

– Descrición das operacións que se documentan.

– De ser o caso, data na que se teña recibido un pagamento anticipado, sempre que se trate dunha data distinta á expedición da factura.

– IVE: tipo impositivo aplicado e cota tributaria resultante, debendo, de ser o caso, especificar por separado as partes da base impoñible que estean exentas ou non suxeitas, ou aquelas suxeitas a distintos tipos impositivos. Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de prorrata; nestes casos, deberá acompañarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de prorrata, o modelo 390 de Declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio na que figure a porcentaxe de dedución ou prorrata).

d) Ademais, a persoa ou entidade beneficiaria deberá achegar xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que incorreu, mediante copia da transferencia bancaria ou xustificante bancario de ingreso na conta do/a contratista, debidamente identificados, selados e asinados. No xustificante de pagamento constará o número da factura paga, a identificación do beneficiario ou beneficiaria que paga e do destinatario ou destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

e) No caso de particulares que realicen os traballos subvencionados con medios propios, cando non existan facturas polos traballos realizados, os gastos xustificaranse mediante declaración xurada na que consten claramente os custos soportados, segundo o orzamento que se achegase coa solicitude de axuda e que servise de base para a súa concesión. Isto non eximirá a persoa beneficiaria de presentaren facturas para xustificar o importe dos materiais adquiridos para a obra. Para a xustificación do traballo realizado por persoal propio, deberán achegarse as nóminas correspondentes ao tempo dedicado polo/a traballador/a á execución do traballo, certificando especificamente o emprego da porcentaxe de tempo que o/a traballador/a dedica ao proxecto, así como a documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención de IRPF correspondente.

f) No caso da prestación de servizos de investigación e profesionais a xustificación farase mediante declaración xurada realizada pola persoa solicitante, na que conste a valoración económica do servizo realizado, sobre a base do prezo de mercado para unha actividade igual ou similar á prestada.

g) Non caso de municipios ou entidades de dereito público, a xustificación das actuacións realizarase conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei xeral de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Control das subvencións

1. O control e avaliación das axudas reguladas nesta orde axustaranse ao disposto na lexislación de orzamentos, de facenda e contabilidade da Comunidade Autónoma de Galicia e, con carácter xeral, á normativa básica estatal que resulte de aplicación.

2. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural velará polo cumprimento das condicións esixidas para a concesión das axudas económicas e pola correcta realización dos investimentos previstos. Para tal efecto, poderá realizar as inspeccións e comprobacións oportunas, así como demandar a persoa ou entidade beneficiaria a información que se considere necesaria relativa á actividade obxecto da subvención concedida.

3. Nos supostos de falsidade, inexactitude ou omisión nos datos subministrados para a solicitude das subvencións, de incumprimento das condicións impostas na concesión, ou calquera dos recollidos na normativa estatal ou autonómica, producirase a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo a persoa ou entidade beneficiaria reintegrar á Administración a cantidade que percibira cos xuros que correspondan, sen prexuízo da posible incoación do procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa.

Artigo 22. Reintegro

1. Son causa de reintegro:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para eso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 4 do artigo 18, da Lei xeral de subvencións.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 14 e 15 da Lei xeral de subvencións, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrales ou de conservación de documentos cando diso deriva a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento das obrigacións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se consigan os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) O incumprimento das obrigacións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos das anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 e 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

2. O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas pola persoa ou entidade beneficiaria levará consigo o reintegro, total ou parcial, do importe recibido, xunto cos xuros de demora, ao abeiro do establecido no título II da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e sen prexuízo da posibilidade de incoación do correspondente procedemento sancionador. No caso de execucións parciais da actividade e sempre e cando non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente concedida a parte proporcional da actividade non executada. Do mesmo xeito, se o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda, pero diminuirase proporcionalmente ao seu importe.

Sección 2ª. Convocatoria de axudas para o ano 2018

Artigo 23. Convocatoria

Convócanse para o exercicio 2018 as axudas públicas, con cargo aos orzamentos do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, reguladas pola presente orde.

Artigo 24. Condicións e finalidade

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumprir os requisitos establecidos pola presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario 2018.

2. Estas axudas teñen por finalidade promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a concesión de axudas económicas para a realización de actividades na súa área de influencia socioeconómica.

Artigo 25. Solicitudes

As solicitudes, documentación, procedemento de xestión e xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral nesta orde.

Artigo 26. Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á data da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación rematará o día no mes seguinte correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Artigo 27. Prazo de execución e xustificación

O prazo de execución das accións para xustificar remata o 1 de novembro do 2018. Fíxase como data máxima de presentación da documentación xustificativa e finalización do período de xustificación o 30 de novembro de 2018.

Artigo 28. Financiamento

A dotación de crédito total para o ano 2018 das liñas de subvención contidas no artigo 2 da presente orde é de 112.362,05 €, financiadas con cargo ás partidas orzamentarias que a continuación se indican, que se distribúen entre os distintos tipos de persoas ou entidades beneficiarias segundo os importes seguintes:

a) Para entidades locais: o crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 07.03.541B.760.2 por importe total de 47.344,85 €.

b) Para entidades empresariais: o crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 07.03.541B.770.2 por importe total de 29.508,60 €.

c) Para particulares e asociacións sen fin de lucro: o crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 07.03.541B.780.2 por importe total de 35.508,60 €.

A dita distribución terá carácter indicativo, para os efectos do disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, os ditos importes iniciais poderanse incrementar con achegas adicionais, sen nova convocatoria previa tras a oportuna tramitación orzamentaria, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

1. As axudas a empresas e particulares que se poidan conceder ao abeiro da presente orde, sométense ao réxime de minimis Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24 de decembro), polo que cada persoa ou entidade beneficiaria non poderá recibir máis de 200.000 euros, de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Para tal efecto, as posibles persoas ou entidades beneficiarias indicadas nos apartados 1.2 e 1.3 do artigo 3.1 desta orde, deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso.

3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como a súa natureza de minimis, segundo o Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para resolver a concesión, denegación, modificación ou outros incidentes das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer o deber e propoñer os correspondentes pagos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, delegase na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para ditar cantas instrucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file