Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 6 de xuño de 2018 Páx. 27758

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 18 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2018.

BDNS (Identif.): 401886.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index):

Primeiro. Persoas ou entidades beneficiarias

1. Poden ser beneficiarias destas axudas:

a) Entidades locais.

Os concellos dos municipios situados na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).

b) Entidades empresariais.

• As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área.

• Os/as empresarios/as autónomos/as ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:

– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

– Cando residan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.

– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica pero veñan realizando no interior do Parque Nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.

c) Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e se regula o procedemento para o outorgamento das concesións da illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do Parque Nacional.

d) Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional.

e) As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2018, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (MT821A).

2. De acordo coa Lei 15/2002, do 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

3. Estas axudas teñen por finalidade promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a concesión de axudas económicas para a realización de actividades na súa área de influencia socioeconómica.

Terceiro. Bases reguladoras

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 30/2014, do 3 de decembro, da Rede de parques nacionais.

– Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais.

Cuarto. Contía

Dependendo do tipo de iniciativa, subvencionarase entre o 100 % e o 80 % do investimento. O importe máximo da axuda será de 12.000 €, no caso de concellos e estará entre 6.000 € e 4.000 €, no resto dos casos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á data da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación rematará o día no mes seguinte correspondente ao mesmo ordinal que o do día da publicación.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio