Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2018 Páx. 27898

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de maio de 2018 pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1, de acordo co 149.1.7º da Constitución española, recolle como competencia propia desta comunidade autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, que asume os servizos e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo, e o Decreto 168/1984 do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

Mediante Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro (BOE 29 de xaneiro), establécense as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas, normativa de competencia exclusiva do Estado, sen prexuízo da súa execución polos órganos das comunidades autónomas.

En desenvolvemento do Real decreto 3/2014 e para a Comunidade Autónoma de Galicia publicábase a Orde do 27 de agosto de 2014, pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Por outra banda e tendo en conta a data de publicación da Orde do 27 de agosto de 2014 (DOG nº 169, do 5 de setembro) faise preciso adecuala á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En todo o non establecido no Real decreto 3/2014 e na presente orde, observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Por todo o exposto, despois de consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento, para a Comunidade Autónoma de Galicia, de normas de carácter permanente para a xestión do procedemento das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Estas axudas están destinadas a facilitar unha cobertura económica ás persoas traballadoras próximas á idade de xubilación para atender situacións de urxencia e necesidade sociolaboral que permitan paliar as consecuencias sociais derivadas dos procesos de reestruturación de empresas que poderían levar consigo o cesamento total ou parcial da actividade destas ou contribúan ao mantemento do emprego.

Artigo 2. Réxime de concesión destas axudas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

1. As axudas outorgaranse en réxime de concesión directa, conforme o artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 36 a 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e nos artigos 22.2.c) e 28 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, por concorreren na concesión delas razóns de interese público e dificultades na súa convocatoria pública derivadas da natureza da situación de urxencia e necesidade sociolaboral que se trata de solucionar mediante a concesión da subvención.

2. O procedemento de concesión será o descrito nesta orde, sen que sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 3. Normativa reguladora

As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse, ademais de ao disposto nesta orde, ás seguintes normas xurídicas:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009.

2. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

5. En todo o non establecido nesta orde observarase o disposto no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, ás persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Artigo 4. Persoas destinatarias

1. As persoas traballadoras afectadas por despedimento colectivo, do artigo 51 do Estatuto dos traballadores (ET).

2. As persoas traballadoras despedidas en virtude do artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores (ET).

Artigo 5. Fases do procedemento de concesión

Os procedementos regulados nesta orde, que se desenvolverán en distintas fases, serán os seguintes:

1. Solicitude de autorización (TR821A): nesta fase fixaranse as persoas traballadoras que cumpren os requisitos para seren destinatarios da axuda.

2. Comunicación das necesidades orzamentarias (TR821B): nesta fase fixaranse as datas de acceso ás axudas e o seu importe.

3. Solicitude definitiva (TR821C): nesta fase resolverase a concesión definitiva da axuda e o prazo do seu pagamento.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación do titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderá á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

TÍTULO I

Sobre a solicitude de autorización (TR821A)

Artigo 7. Lexitimación e prazo

1. No caso das persoas traballadoras afectadas por despedimento colectivo do artigo 51 do Estatuto dos traballadores, a empresa e a representación legal das persoas traballadoras, conxuntamente, poderán presentar a solicitude de autorización, nos quince días seguintes á comunicación á autoridade laboral do acordo acadado no período de consultas, ante o órgano competente en materia de emprego.

2. No caso das persoas traballadoras despedidas en virtude do artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores, a solicitude presentaraa a empresa e a representación legal das persoas traballadoras, conxuntamente, ou unicamente a empresa no caso de inexistencia de representación legal das persoas traballadoras, durante o prazo de aviso previo previsto no artigo 53.1.c) do Estatuto dos traballadores, ou nos quince días seguintes ao despedimento no caso de que non se conceda este.

Artigo 8. Contido da solicitude de autorización

A solicitude de autorización figura como anexo I a esta orde e nela farase constar:

a) No caso de despedimentos colectivos realizados conforme o artigo 51 do Estatuto dos traballadores, indicación do número de expediente, para os efectos de poder acceder ao acordo acadado no período de consultas.

b) Relación das persoas traballadoras para as cales se solicitan as axudas, indicando a data de nacemento, o número de afiliación á Seguridade Social, o documento nacional de identidade, a antigüidade na empresa, o grupo de cotización á Seguridade Social, datas previstas de acceso ás axudas e unha previsión do custo económico individualizado.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento TR821A

1. As persoas interesadas deberán achegar á solicitude de autorización, anexo I a esta orde, a seguinte documentación:

a) Memoria en que se farán constar os motivos polos cales se solicitan as axudas.

b) No caso de despedimentos colectivos realizados conforme o artigo 51 do Estatuto dos traballadores, documentación que acredite a posta á disposición das persoas traballadoras da indemnización correspondente (artigo 53.1.b) do ET).

c) Nos casos previstos no artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores acreditarase de forma que faga fe que se cumpriron os requisitos do artigo 53.1 do Estatuto dos traballadores, mediante a entrega de:

– Copias das comunicacións da concesión ás persoas traballadoras do prazo de aviso previo (artigo 53.1.c) do ET).

– Copias das comunicacións, por escrito, dos despedimentos ás persoas traballadoras (artigo 53.1.a) do ET).

– Documentación que acredite a posta á disposición das persoas traballadoras da indemnización correspondente (artigo 53.1.b) do ET).

d) Certificado de vida laboral correspondente a cada unha das persoas traballadoras afectadas polas axudas, para os efectos da comprobación do cumprimento dos requisitos enumerados no artigo 3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

e) Documento mediante o cal a representación legal das persoas traballadoras autorice a empresa para presentar a solicitude, cando sexa obrigatoria a presentación conxunta por ambas as partes.

Artigo 10. Comprobación, emenda e resolución da solicitude de autorización

1. O órgano competente en materia de emprego, como órgano responsable da tramitación, unha vez recibida a solicitude de autorización (TR821A), xunto coa documentación preceptiva, procederá a comprobar se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde. De apreciarse algún defecto nesta documentación, ou se estiver incompleta, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas, o citado órgano requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, efectúe as correccións oportunas ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

2. A persoa titular do órgano competente en materia de emprego, por delegación da persoa titular da consellería competente na mesma materia, resolverá a solicitude respecto daquelas persoas traballadoras que, tendo sido despedidas conforme os artigos 51 ou 52.c) do Estatuto dos traballadores, cumpran o requisito do artigo 3.3 do Real decreto 3/2014 e se prevexa que poidan cumprir os demais requisitos establecidos no artigo 3 do citado Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses. Transcorrido o referido prazo máximo sen terse notificado a resolución, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, ou contra a desestimación por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

TÍTULO II

Comunicación das necesidades orzamentarias (TR821B)

Artigo 11. Lexitimación, prazo e contido da comunicación das necesidades orzamentarias

1. No caso de que se resolva favorablemente a solicitude de autorización regulada no título anterior respecto de todas ou algunhas das persoas traballadoras despedidas, a empresa deberá presentar, ante o órgano competente en materia de emprego, unha comunicación das necesidades orzamentarias (procedemento TR821B), nos dous primeiros meses do ano natural en que se produza o cumprimento de todos os requisitos establecidos no artigo 3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

2. A comunicación das necesidades orzamentarias figura como anexo II a esta orde, e nela farase constar:

a) A persoa ou persoas traballadoras que cumpren os referidos requisitos, indicando a data de nacemento, o número de afiliación á Seguridade Social, o documento nacional de identidade, a antigüidade na empresa e o grupo de cotización á Seguridade Social.

b) A data de acceso ás axudas.

c) Os cálculos sobre o importe das referidas axudas, para os efectos de que o órgano responsable da tramitación poida solicitar os fondos necesarios nese exercicio orzamentario para facer fronte ás solicitudes presentadas, en cumprimento do establecido no artigo 10.3 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

TÍTULO III

Solicitude definitiva (TR821C)

Artigo 12. Lexitimación e prazo

1. Unha vez coñecidas as necesidades de financiamento segundo o establecido no título II desta orde, a consellería competente en materia de emprego publicará, anualmente, mediante resolución, o importe destinado nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para estas axudas.

2. A empresa deberá presentar a solicitude definitiva no prazo de dez días naturais a partir da publicación da resolución a que se refire o parágrafo anterior.

Artigo 13. Contido da solicitude definitiva

A solicitude definitiva de concesión figura como anexo III a esta orde e nela deberá figurar:

– O compromiso da empresa de realizar a súa achega ao financiamento das axudas na forma e nos prazos que se establecen nos artigos 12 e 13 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, e de anticipar ás persoas traballadoras a axuda que lles fose recoñecida se, transcorridos tres meses desde a data de comezo, non se fixese efectiva por causas imputables á empresa, podendo resarcirse esta das cantidades anticipadas, logo da acreditación destas, no momento de efectuar a súa achega.

Artigo 14. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento TR821C

A empresa deberá achegar coa solicitude definitiva, anexo III a esta orde, a seguinte documentación:

a) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que consten os períodos de alta na Seguridade Social e certificado de empresa en que figuren as bases reguladoras por continxencias profesionais e comúns dos últimos seis meses, anteriores ao despedimento, con indicación das horas extras se as houber. No caso de persoas traballadoras a tempo parcial ou fixas descontinuas, deberán figurar as das doce últimas mensualidades.

b) Certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou do Instituto Social da Mariña (ISM) sobre bonificacións de idade que correspondan á persoa traballadora, de ser o caso.

c) Certificación de nacemento da persoa traballadora.

d) Comunicación das baixas e incidencias producidas respecto do colectivo inicial obxecto da solicitude, así como daquelas persoas traballadoras que se atopen na situación prevista no artigo 8.3 do Real decreto 3/2014, do 10 xaneiro, para as cales se suspenderá a resolución da concesión mentres permanezan na dita situación.

e) Conformidade individualizada das persoas traballadoras de acollerse á axuda, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta orde.

f) Declaración responsable de que a persoa traballadora non está incursa en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura como anexo V a esta orde.

Artigo 15. Resolución da solicitude definitiva

1. A persoa titular do órgano competente en materia de emprego, por delegación da persoa titular da consellería competente na mesma materia, resolverá sobre esta solicitude, determinando, de ser o caso, o dereito das persoas beneficiarias ao cobramento efectivo das axudas, a súa contía e duración, condicionado ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio en que se proceda ao pagamento das ditas axudas, así como ao cumprimento por parte da empresa das súas obrigas de achega ao financiamento das axudas na forma e prazos que se establecen nos artigos 12 e 13 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, e ao esgotamento da prestación contributiva por desemprego pola persoa beneficiaria.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses. Transcorrido o referido prazo máximo sen terse notificado a resolución, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, ou contra a desestimación por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñerse recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

TÍTULO IV

Competencia e procedemento

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. En relación co establecido no artigo 11 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano encargado da tramitación dos expedientes e a formulación das propostas de resolución que procedan será a subdirección xeral competente en materia de relacións laborais do órgano competente en materia de emprego.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 17. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para quen exerza a súa representación legal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento TR821C consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) Certificado de estar o día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Certificado de estar o día no pagamento de obrigas tributarias coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar o día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obriga previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da resolución da convocatoria anual para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaria xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas en momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Órgano resolutorio

1. En virtude do establecido no artigo 10.2 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, cando as persoas beneficiarias das axudas se atopen adscritas a centros de traballo situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o exercicio da competencia para resolver as solicitudes reguladas nesta orde corresponde á persoa titular do órgano competente en materia de emprego, por delegación da persoa titular da consellería competente na mesma materia, segundo o recollido na presente orde.

2. En todo caso, a concesión da axuda estará condicionada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria en cada exercicio orzamentario. A comunidade autónoma, antes de resolver as solicitudes previstas nesta orde, deberá solicitar e coñecer da Dirección Xeral de Emprego do Ministerio de Emprego e Seguridade Social as previsións de crédito para os exercicios en que teña que realizarse o pagamento das ditas axudas.

Artigo 24. Financiamento

1. A parte das axudas amparadas por esta orde que corresponde achegar á Comunidade Autónoma de Galicia imputarase á aplicación orzamentaria e código de proxecto que anualmente se designe na correspondente convocatoria e financiarase con cargo á consignación de créditos que, como consecuencia da distribución territorial anual, efectúe a Administración do Estado para o citado programa de axudas.

2. Segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, o financiamento destas axudas, así como as correspondentes cotizacións á Seguridade Social, corresponderá nun 60 % á empresa solicitante e o 40 % restante con cargo á aplicación orzamentaria correspondente da consellería competente en materia de emprego.

3. O orzamento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 18 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, para as comunidades autónomas que xestionan estas axudas, realizarase con cargo ao orzamento xeral do Estado para cada ano, establecendo os criterios obxectivos para a súa distribución territorial á Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, polo que este financiamento terá a consideración de fondos finalistas.

4. O crédito que se estableza inicialmente cada ano poderá ser obxecto de modificacións, segundo o establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de subvencións do ámbito laboral, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. Segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, a participación da empresa poderá superar a porcentaxe antes indicada, sempre que exista conformidade previa dela.

Artigo 25. Achega da Administración

A consellería competente en materia de emprego, unha vez que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social lle comunique a súa conformidade coa achega e coas garantías prestadas pola empresa, cos requisitos establecidos nos artigos 14 e 17 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, para cada unha das modalidades previstas, porá ao dispor da Tesouraría Xeral da Seguridade Social os fondos públicos necesarios para o aboamento das axudas, o cal pode facer dunha soa vez ou fraccionadamente por anualidades, ata un máximo de catro anos.

Artigo 26. Pagamento da axuda e réxime de xustificación e control

1. O pagamento da axuda previa á xubilación ordinaria ás persoas traballadoras beneficiarias levaraa a cabo a Tesouraría Xeral da Seguridade Social na mesma forma e prazo que as pensións do sistema de Seguridade Social, unha vez garantida a achega da empresa, segundo o establecido no artigo 15 do Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.

2. Para tales efectos, o órgano competente en materia de emprego dará traslado á Tesouraría Xeral da Seguridade Social de cantas resolucións se diten concedendo axudas previas á xubilación ordinaria, expresando o número de anualidades en que van a realizarse as achegas pública e empresarial, a súa contía e correspondentes vencementos ou, de ser o caso, se o pagamento se efectuou dunha soa vez, así como das follas de valoración de cada unha das persoas beneficiarias, nas cales farán constar os datos persoais e económicos destas.

3. Estas axudas someteranse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a consellería competente en materia de emprego, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos competentes da Administración do Estado. Para estas funcións poderase recadar das empresas e das persoas traballadoras beneficiarias canta información sexa necesaria para verificar a aplicación dos fondos ás finalidades previstas.

4. Así mesmo, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social realizará as actuacións de comprobación previstas no artigo 15.1.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da consellería competente en materia de emprego na persoa titular do órgano competente na mesma materia, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 27 de agosto de 2014 pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no Sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular do órgano competente en materia de emprego para que dite, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file