Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2018 Páx. 28901

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 62/2018, do 24 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada PO-546 situado entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+590 (paso superior do ferrocarril Pontevedra-porto de Marín), a prol do Concello de Pontevedra.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Pontevedra solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dun treito urbano da estrada PO-546 (Pontevedra-Marín) abranguido entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+550.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade a prol do Concello de Pontevedra do treito da estrada PO-546 situado entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+590 (paso superior do ferrocarril Pontevedra-porto de Marín), xa que neste treito o tecido urbano está máis consolidado, a estrada está integrada no tecido urbano, as súas marxes están acoutadas polas edificacións e existen múltiples accesos a rueiros municipais.

O Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que tivo lugar o día 7 de maio de 2018, aceptou a transferencia de titularidade do treito da PO-546, que abrangue do punto quilométrico 0+000 ata o 0+590, coincidindo co paso superior do ferrocarril Pontevedra-porto de Marín.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Pontevedra do treito da estrada PO-546 situado entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+590 (paso superior do ferrocarril Pontevedra-porto de Marín).

Artigo 2

En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Pontevedra deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Pontevedra, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda