Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2018 Páx. 29142

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa

EDICTO (F02 247/2014).

Eu, Virginia González Benedidt, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa, polo presente anuncio:

No presente procedemento seguido por instancia de María del Pilar Martins Pereiro fronte a Manuel Raúl Cazador se ditou sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza:

Vilagarcía de Arousa, 3 de xullo de 2015.

Vistos por min, María José Carames Blanco, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa, os autos de garda e custodia de alimentos nº 247/2014 promovidos pola procuradora Angélica García Carnota en nome e representación de María del Pilar Martins Pereiro asistida da letrada Ana María Castro Martínez fronte a Manuel Raúl Cazador, en situación procesual de rebeldía, con intervención do representante do Ministerio Fiscal ao concorrer catro fillos menores de idade.

Resolvo:

Estimo totalmente a demanda interposta por Angélica García Carnota en nome e representación de María del Pilar Martins Pereiro e, acordo as seguintes medidas:

1ª. A patria potestade sexa exercida de forma conxunta por ambos os dous proxenitores.

2ª. A atribución da garda e custodia á nai, María del Pilar Martíns Pereiro.

3ª. Establecemento do seguinte réxime de comunicacións e estadías co proxenitor non custodio:

– Os fins de semana alternos, o pai recollerá os menores o venres ás 20.00 horas no domicilio materno e reintegraraos ao mesmo domicilio o domingo ás 17.00 horas.

– Nas vacacións escolares de verán dos menores nos meses de xullo e agosto, estes pasarán a metade das súas vacacións co pai e a outra metade coa nai. Comezará este réxime a nai os anos pares e o pai os impares, entendendo a primeira quincena do mes de xullo (desde o día 1 de xullo ás 10.00 horas ata o 16 de xullo ás 10.00 horas) e a primeira quincena do mes de agosto (desde o día 1 de agosto ás 10.00 horas ata o 16 de agosto ás 10.00 horas), e as segundas quincenas de xullo e agosto cos mesmos horarios.

– As vacacións escolares de Nadal pasarán a metade das súas vacacións co pai e a outra metade coa nai. Comezará este réxime a nai os anos pares e o pai os impares, comprendendo o primeiro período desde o día 23 de decembro ás 20.00 horas ata o día 30 de decembro ás 20.00 horas, e un segundo período que comprende desde este último ata as 20.00 horas do 7 de xaneiro.

– As vacacións de Semana Santa pasarán a metade das súas vacacións co pai e a outra metade coa nai. Comezará este réxime a nai os anos pares e o pai os impares, comprendendo o primeiro período dende o sábado ás 20.00 horas ata o mércores ás 20.00 horas, e un segundo período que comprende desde este último ata o domingo as 20.00 horas.

4ª. O pai deberá aboar en concepto de pensión alimenticia a favor dos fillos menores a cantidade de 200 euros mensuais por cada fillo menor de idade. Estas sumas deberán actualizarse conforme o incremento que experimente o IPC que publique o INE ou organismo oficial que puidese substituílo, tomando de referencia o mes de presentación deste escrito de solicitude. Estas cantidades ingresaranse por mensualidades anticipadas dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta que a demandante determine para estes efectos.

5ª. Os gastos extraordinarios relacionados cos menores aboaranse por metade. O proxenitor non custodio realizase o ingreso destas cantidades na mesma conta que a sinalada para a pensión de alimentos.

Notifíquese ás partes a presente resolución en legal forma, instruíndoos de que contra esta pode interpoñerse recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, dentro do prazo de cinco días seguintes á súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, a xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa».

E encontrándose o devandito demandado, Manuel Raúl Cazador, en paradoiro descoñecido, expídese o presente co fin de que sirva de notificación en forma a este.

Vilagarcía de Arousa, 25 de maio de 2018

A letrada da Administración de xustiza