Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2018 Páx. 29312

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de xuño de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a partir do día 18 de xuño de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño de 1988), entre os cales se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CC.OO., CSIF, UGT, CIG e SAGAP comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará todos/as os técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que se desenvolverá durante a xornada completa dos días 18, 21, 25 e 28 de xuño de 2018.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta todo o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) que presta servizos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e desenvolverase, nos termos da propia convocatoria, durante varias xornadas completas. En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores: o risco para os/as pacientes, a conseguinte afectación da folga á actividade asistencial e o volume de poboación atendida no citado centro, unido á propia duración da folga. Por iso deben manterse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible aos/ás pacientes hospitalizados/as, así como a atención que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía, e, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que para a fixación dos servizos mínimos se adopten os seguintes criterios reitores:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/as usuarios/as que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/as pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito das consultas estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Atención das consultas inaprazables dos/as pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático e dos/as pacientes desprazados/as.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás doentes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/as pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola xerencia executiva e notificada ao persoal afectado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE)

Urxencias

13

16

11

Área Cirúrxica

22

16

14

Área Clínica/Hospitalización

93

71

45

Servizos Centrais

4

-

-

Total

132

103

70