Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2018 Páx. 29987

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento TR332A).

BDNS (Identif.): 403487.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados na orde:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, sempre que por si sós ou asociados teñan unha media de paro rexistrado no ano 2017 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento das persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2018, das subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, facilitándolles ás ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral. Todas as persoas participantes nestes programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Os programas integrados de emprego están destinados a atender 100 persoas desempregadas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento TR332A).

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria ascende a 10.900.000 euros e financiarase con cargo ás aplicacións 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 polos importes de 1.590.000 euros e 1.680.000 euros, respectivamente, na anualidade 2018 e 3.710.000 euros e 3.920.000 euros, respectivamente, na anualidade 2019. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.500 euros por cada persoa desempregada participante.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria