Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2018 Páx. 29989

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 7 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR341S).

Na actualidade máis do 30 % da poboación de persoas traballadoras autónomas de Galicia sitúase por riba dos 55 anos, o que incide na necesidade de poñer en marcha un programa de remuda no emprego autónomo que permita aproveitar os esforzos realizados durante a etapa de consolidación do negocio por parte da persoa que deixa a actividade, á vez que se xeran oportunidades para novas persoas autónomas coas máximas garantías.

O Programa de remuda xeracional está recollido na Estratexia do emprego autónomo 2017-2020, dentro da Axenda 20 para o emprego da Xunta de Galicia. O abandono da actividade da persoa traballadora autónoma non debe representar o final do seu negocio. Co Programa de remuda xeracional búscase que outra persoa emprendedora adquira o negocio e continúe con el. A finalidade deste programa é a concesión de axudas económicas para a realización dunha remuda xeracional ordenadoa nos negocios dos autónomos.

As actuacións desta orde compleméntanse coa web da oficina do autónomo onde hai un espazo habilitado para a publicación das ofertas de adquisición e transmisión de negocios onde os interesados poden poñerse en contacto e onde a persoa transmisora e a persoa adquirente poden inscribirse no Programa de remuda xeracional.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 500.000 euros, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR341S).

CAPÍTULO II

Obxecto bases reguladoras e marco xeral

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, desde a entrada en vigor desta orde ata o 30 de setembro de 2018.

2. A finalidade deste programa é a concesión de axudas económicas para a realización dun relevo xeracional ordenado nos negocios das persoas traballadoras autónomas.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018, en que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no Regulamento UE 1407/2013 da Comisión Europea, relativo ás axudas de minimis; e nesta orde.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Financiamento

1. No exercicio económico de 2018, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse as axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 500.000,00 de euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 9.2 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora. Isto será así para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en conxunto.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

1. Serán persoas beneficiarias destas axudas a persoa traballadora autónoma que vai transmitir o seu negocio por cesamento, e que no momento da transmisión estea nalgunha das seguintes situacións no momento da transmisión do negocio:

a) Que teñan 63 anos ou máis.

b) Pola declaración de incapacidade total ou absoluta (incluíndo grande invalidez) recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.

c) As persoas herdeiras no caso de falecemento da persoa traballadora autónoma titular do negocio.

No caso das persoas traballadoras autónomas societarias, para ser beneficiarios desta axuda, a transmisión das accións ou participacións da sociedade debe supoñer o control da sociedade por parte do adquirente, é dicir, posuír máis do cincuenta por cento das accións ou participacións da sociedade.

No caso de transmisión do negocio por ter a persoa traballadora autónoma 63 anos ou máis, debe levar máis de 48 meses de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA).

2. Tamén será beneficiaria da axuda a persoa que adquira o negocio e que estea dada de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) tras a súa adquisición.

Artigo 7. Subvencións

1. A persoa transmisora e a persoa adquirente terán unha axuda consistente no pagamento do 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1.000 € para a persoa transmisora e de 1.500 € para o adquirente.

No caso de que o negocio teña varias persoas donas a axuda consistirá no pagamento do 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1.000 € por negocio. Se o negocio ten varias persoas adquirentes para explotalo conxuntamente a axuda será de 1.500 € por negocio.

Na solicitude deberá indicar se solicita a axuda como persoa transmitinte do negocio ou como persoa adquirente do negocio.

2. O asesoramento poderá ser efectuado por empresas, entidades ou profesionais adicados ao asesoramento e polas asociacións de traballadores autónomos.

3. O asesoramento deberá plasmarse nun contrato que deberá ter as seguintes cláusulas obrigatorias:

a) Contrato asesoramento da persoa transmisora:

– Cláusula de obxecto do contrato:

A prestación de servizos dentro do Programa de remuda xeracional 2018 consistirá en:

1) Elaboración dun dossier de venda do negocio para presentalo ás persoas adquirentes. Contido do dossier:

• Análise interna: descrición da actividade, produtos, persoal, estado do local e dos bens, vantaxes competitivas, modo de xestión do negocio, marca comercial e imaxe corporativa, información económico-financeira e legal.

• Análise externa: localización, sector (competencia, provedores, ameazas e oportunidades), clientes e as súas características.

• Valoración económica do negocio.

2) Acompañamento no proceso de peche da transmisión.

• Orientación e asesoramento nas distintas situacións particulares que se poidan presentar.

• Elaborar os documentos necesarios para formalizar a transmisión.

O negocio obxecto da venda debe facerse constar no obxecto do contrato de xeito que poida ser perfectamente identificado e indicar que o asesoramento faise dentro do Programa de remuda xeracional 2018.

– A cláusula de confidencialidade.

– A cláusula de custo do servizo que debe ter o prezo determinado que a persoa transmitinte debe pagar á entidade, profesional ou asociación de autónomos que a asesora.

b) Contrato asesoramento da persoa adquirente:

– Cláusula de obxecto do contrato:

A prestación de servizos dentro do Programa de remuda xeracional 2018 consistirá en:

1) Análise e viabilidade do negocio.

• Funcionamento do negocio.

• Análise do estado económico-financeiro.

• Análise comercial.

• Carteira de clientes.

• Análise da situación legal e administrativa do local e da actividade.

Neste análise deberá terse en conta a estrutura económico-financeira. O custo de transferencia do negocio, o financiamento alleo e as modificacións nos custos fixos.

2) Elaboración plan empresarial.

O documento recollerá os aspectos estratéxicos fundamentais e que se condensarán en catro bloques:

• Antecedentes do proxecto.

• Estudo de mercado.

• Definición da oferta (márketing mix).

• Análise económico-financeiro.

3) Acompañamento no proceso de peche da transmisión e de posta en marcha da empresa.

• Orientación e asesoramento nas distintas situacións particulares que se poidan presentar.

• Elaborar os documentos necesarios para formalizar a transmisión.

• Asesoramento na posta en marcha do negocio e as súas implicacións fiscais e legais.

O negocio obxecto da compra debe facerse constar no obxecto do contrato de xeito que poida ser perfectamente identificado e indicar que o asesoramento faise dentro do Programa de remuda xeracional 2018.

– A cláusula de confidencialidade.

– A cláusula de custo do servizo que debe ter o prezo determinado que a persoa adquirente debe pagar á entidade, profesional ou asociación de autónomos que lle asesora.

Tamén se pode facer o contrato de asesoramento conxunto para a persoa transmitinte e a adquirente que incluirá as cláusulas citadas no punto a) e b).

3. Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente por razón de territorio segundo a localización do centro de traballo obxecto do contrato de transmisión declarado pola persoa solicitante.

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2018.

2. En relación á presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións, son as das persoas autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen. Polo que se considera que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución, tramitación e notificación.

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego da xefatura territorial competente por razón de territorio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

A solicitude deberase presentar no modelo que figura como anexo II a esta orde xunto coa seguinte documentación:

a) As solicitudes deberán ir acompañadas do contrato de asesoramento que deberá incluír as cláusulas obrigatorias especificadas no artigo 7 desta orde, especificar que o asesoramento é para o Programa de remuda xeracional 2018 e os datos identificativos do negocio sobre o que se fai o asesoramento.

b) Contrato de transmisión do negocio ou documento análogo asinado pola persoa adquirente e a transmitinte ou polos seus representantes e debe ter obrigatoriamente unha cláusula de non competencia por parte da persoa transmitinte. No caso de transmisión de accións ou participacións dunha sociedade, o contrato de transmisión ou documento análogo debe explicitar a porcentaxe de accións ou participacións que o adquirente pasa a posuír e debe ser maior do cincuenta por cento para ter dereito á axuda regulada nesta orde.

c) Factura e pagamento do asesoramento.

d) Documento de inscrición no Programa de remuda xeracional na web http://oficinadoautonomo.gal, enderezo URL http://oficinadoautonomo.gal/gl/relevo-autonomo-2018, documento que se xunta como anexo I a esta orde.

e) No caso de transmisión por incapacidade da persoa traballadora autónoma, resolución da incapacidade total ou absoluta polo órgano competente, se procede

f) No caso da transmisión do negocio por parte das persoas herdeiras por falecemento da persoa traballadora autónoma dona do negocio, deberán presentar a documentación xustificativa da herdanza (certificado de defunción da persoa traballadora autónoma, certificado de últimas vontades, testamento ou declaración de herdeiros/as).

g) No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deles.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e da representante.

b) Vida laboral da persoa solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido no artigo 25.3 da Lei de subvencións de Galicia. O prazo de resolución e notificación non poden ir máis alá do 31 de decembro de 2018.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polo Regulamento UE 1407/2013 da Comisión Europea.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. Documentación xustificativa para a subvención:

Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo III).

O prazo de xustificación non pode ir máis alá do 31 de decembro de 2018.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións públicas.

Artigo 20. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias

Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias:

1. A persoa adquirente e a transmitinte teñen a obriga de estar inscritas separada ou conxuntamente no Programa de remuda xeracional na oficina do autónomo.

2. A persoa adquirente debe estar dada de alta no RETA no mes seguinte á transmisión do negocio.

3. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

4. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 23. Exclusións

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde as persoas ou entidades en que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Seguimento e control.

A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 25. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

2. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) Ás empresas que realizan actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nas persoas responsables das correspondentes xefaturas territoriais desta consellería segundo a localización do centro de traballo declarado polo solicitante, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Documentos de inscrición

– Inscrición adquirente:

Datos persoa adquirente:

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Documento de identidade:

Enderezo:

Provincia:

CP:

Poboación:

Concello:

Teléfono:

Correo electrónico:

Manifesta:

1. Que no marco do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas ten interese en adherirse ao dito programa e acceder ao dossier dos negocios en que estea interesada/o, sempre que a persoa transmisora estea de acordo no seu acceso.

2. Que por medio desta inscrición no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas adhírese ao programa e comprométese a actuar de boa fe, realizando os seus mellores esforzos para negociar e tentar de acadar un acordo respecto da adquisición do negocio en que amose interese e a observar os compromisos establecidos nel e, en especial, os relacionados co mantemento da confidencialidade, comprometéndose a:

Manter a confidencialidade en relación con toda a información e documentación incluída e detallada no dossier do negocio e a cumprir co seguinte:

• Non divulgar a terceiras persoas ou entidades o contido do dossier nin dos seus anexos.

• Non explotar ou permitir o uso por outros, das informacións obtidas ou coñecementos adquiridos durante o proceso de compravenda.

Aceptar a súa responsabilidade por cada un dos seus actos e as súas consecuencias, se por calquera motivo faltase a algún dos seus compromisos.

Non comunicar en ningún caso a terceiras persoas os datos de carácter persoal a que teña acceso, nin tan sequera para os efectos da súa conservación.

Destruír os posibles datos cedidos.

3. As obrigas de confidencialidade establecidas no presente documento terán unha duración indefinida.

Aceptación das cláusulas:

Así mesmo, co rexistro no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas declaro que lin, comprendo e acepto as anteriores cláusulas relativas á confidencialidade e tratamento de datos de carácter persoal.

Igualmente, declaro que todos os datos por min rexistrados neste formulario son certos.

– Inscrición persoa transmisora.

Datos persoa transmisora:

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Documento de identidade:

Enderezo:

Provincia:

CP:

Poboación:

Concello:

Teléfono:

Correo electrónico:

Datos do negocio que desexa transmitir:

Nome do negocio:

CIF:

Enderezo:

Provincia:

CP:

Poboación:

Concello:

Teléfono:

Correo electrónico:

Páxina web:

Manifesta:

1. Que é a persoa titular do negocio anteriormente indicado.

2. Que no marco do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas ten interese en adherirse ao programa e ofertar o seu negocio a través del.

3. Que por medio desta inscrición no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas adhírese ao programa e comprométese a actuar de boa fe, realizando os seus mellores esforzos para negociar e tratar de acadar un acordo respecto da adquisición do negocio referido neste formulario, así como a observar os compromisos establecidos nel e, en especial, os relacionados co mantemento da confidencialidade en relación con toda a información e documentación obtida; e a destruír os posibles datos cedidos.

4. As obrigas de confidencialidade establecidas no presente documento terán unha duración indefinida.

Aceptación das cláusulas:

Así mesmo, co rexistro no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas declaro que lin, comprendo e acepto as anteriores cláusulas relativas á confidencialidade e tratamento de datos de carácter persoal.

Igualmente, declaro que todos os datos por min rexistrados neste formulario son certos.

– Inscrición conxunta.

Datos do adquirente:

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Documento de identidade:

Enderezo:

Provincia:

CP:

Poboación:

Concello:

Teléfono:

Correo electrónico:

Manifesta:

1. Que no marco do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas ten interese en adherirse ao dito programa e acceder ao dossier dos negocios en que estea interesada/o, sempre que a persoa transmisora estea de acordo no seu acceso.

2. Que por medio desta inscrición no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas adhírese ao programa e comprométese a actuar de boa fe, realizando os seus mellores esforzos para negociar e tentar de acadar un acordo respecto da adquisición do negocio en que amose interese e a observar os compromisos establecidos nel e, en especial, os relacionados co mantemento da confidencialidade, comprometéndose a:

Manter a confidencialidade en relación con toda a información e documentación incluída e detallada no dossier do negocio e a cumprir co seguinte:

• Non divulgar a terceiras persoas ou entidades o contido do dossier nin dos seus anexos.

• Non explotar ou permitir o uso por outros, das informacións obtidas ou coñecementos adquiridos durante o proceso de compravenda.

Aceptar a súa responsabilidade por cada un dos seus actos e as súas consecuencias, se por calquera motivo faltase a algún dos seus compromisos.

Non comunicar en ningún caso a terceiras persoas os datos de carácter persoal a que teña acceso, nin tan sequera para efectos da súa conservación.

Destruír os posibles datos cedidos.

3. As obrigas de confidencialidade establecidas no presente documento terán unha duración indefinida.

Aceptación das cláusulas:

Así mesmo, co rexistro no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas declaro que lin, comprendo e acepto as anteriores cláusulas relativas á confidencialidade e tratamento de datos de carácter persoal.

Igualmente, declaro que todos os datos por min rexistrados neste formulario son certos.

Datos persoa transmisora:

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Documento de identidade:

Enderezo:

Provincia:

CP:

Poboación:

Concello:

Teléfono:

Correo electrónico:

Datos do negocio que desexa transmitir:

Nome do negocio:

CIF:

Enderezo:

Provincia:

CP:

Poboación:

Concello:

Teléfono:

Correo electrónico:

Páxina web:

Manifesta:

1. Que é a persoa titular do negocio anteriormente indicado.

2. Que no marco do Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas ten interese en adherirse ao programa e ofertar o seu negocio a través del.

3. Que por medio desta inscrición no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas adhírese ao programa e comprométese a actuar de boa fe, realizando os seus mellores esforzos para negociar e tratar de acadar un acordo respecto da adquisición do negocio referido neste formulario, así como a observar os compromisos establecidos nel e, en especial, os relacionados co mantemento da confidencialidade en relación con toda a información e documentación obtida; e a destruír os posibles datos cedidos.

4. As obrigas de confidencialidade establecidas no presente documento terán unha duración indefinida.

Aceptación das cláusulas:

Así mesmo, co rexistro no Programa de remuda xeracional nos negocios das persoas traballadoras autónomas declaro que lin, comprendo e acepto as anteriores cláusulas relativas á confidencialidade e tratamento de datos de carácter persoal.

Igualmente, declaro que todos os datos por min rexistrados neste formulario son certos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file