Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2018 Páx. 30262

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento IN853B).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.19, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao cal deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea e fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e na innovación; desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva; e desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, establece o Plan galego de investigación e innovación como instrumento fundamental de planificación e coordinación das políticas en materia de investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia e, no seu artigo 15.3, atribúelle a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este Plan é o antecedente da vixente estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020. Estrutúrase arredor de 3 retos que orientarán a definición detallada da estratexia de actuación e asocia a cada un destes retos unhas prioridades e liñas de acción específicas aliñadas cos obxectivos e cos principais programas de innovación no ámbito rexional, nacional e europeo. A RIS3 Galicia inclúe ente os seus catro programas Cadro o programa Innova en Galicia, en que se integran instrumentos de desenvolvemento innovadores concibidos para que o investimento público exerza como elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos. Entre estes instrumentos, as unidades mixtas de investigación teñen como propósito o desenvolvemento de iniciativas colaborativas focalizadas nun contexto limitado de áreas de singularidade estratéxica para o conxunto da rexión mediante a creación de consorcios estratéxicos rexionais entre as universidades, os centros de innovación tecnolóxica e as empresas.

As unidades mixtas de investigación son unha fórmula importante de achegamento entre o mundo empresarial e o científico/técnico para desenvolver liñas de investigación e valorización conxuntas. Con esta liña de actuación preténdese incrementar o número de unidades mixtas en Galicia mediante convocatorias específicas de apoio á súa creación, posta en marcha e consolidación das xa existentes, con vistas a acadar os seguintes obxectivos:

– Configurar grupos mixtos de traballo entre organismos de investigación e empresas que se convertan en catalizadores do desenvolvemento de liñas de I+D+i.

– Desenvolver proxectos de alto impacto intensivos en coñecemento.

– Posta en valor dos grupos de investigación.

– Aproximar os organismos de investigación á empresa.

– Atraer a Galicia liñas de I+D+i.

– Incentivar a transferencia de resultados da I+D+i ao mercado.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación (Gain) e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

No ano 2014 a Axencia Galega de Innovación pon en marcha o programa Unidades mixtas de investigación, como unha nova ferramenta no mapa de apoios públicos á innovación en Galicia, destinada a atracción de capital privado para aunar o coñecemento e as capacidades dos organismos de investigación galegos coas demandas de innovación do tecido empresarial mediante a constitución de grupos mixtos de traballo para a realización conxunta de actividades de I+D+i. Para o desenvolvemento do programa, Gain, con carácter anual e en réxime de concorrencia competitiva, está a convocar axudas de tres anos de duración, para a creación, a posta marcha e o funcionamento destas unidades.

Desde o inicio do programa puxéronse en marcha unidades mixtas de investigación no marco dos tres retos estratéxicos da RIS3 Galicia, que teñen contribuído á creación de emprego cualificado, a impulsar a transferencia de I+D+i ao tecido empresarial galego, á atracción de empresas foráneas a Galicia líderes nos seus respectivos sectores, ao desenvolvemento das capacidades dos organismos de investigación galegos en sectores punteiros e á mellora da competitividade das empresas.

Estes resultados poñen de manifesto a conveniencia de contar, dentro do programa, cunha liña complementaria de axudas orientada á consolidación destas unidades, ampliando a súa duración en tres anos, cos obxectivos, entre outros, de fortalecer a alianza estratéxica organismo de investigación-empresa, manter a actividade investigadora e innovadora, ampliar o alcance, os obxectivos e as expectativas das liñas de investigación/traballo, poñer en valor os resultados obtidos e conservar o emprego cualificado creado.

Mediante esta resolución convócanse en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2018, as axudas para a consolidación das unidades mixtas de investigación xurdidas ao abeiro das convocatorias de axudas de Gain dos anos 2014 e 2015. As axudas concédense en función dunha serie de criterios que, de forma obxectiva, valoran a calidade científico-técnica, a capacidade e as características destas unidades.

As axudas que agora se convocan están, pois, en consonancia cos retos estratéxicos contidos na RIS3 Galicia e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación Horizonte 2020, co fin de procurar, a medio e longo prazo, a obtención de retornos sociais.

Esta convocatoria enmárcase nas liñas de actuación orientadas a avanzar cara a estruturas colaborativas e integradas arredor das cadeas de valor de innovación estratéxicas para Galicia no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3 Galicia.

Con estas novas estruturas, coas cales se ordenarán e agruparán os diferentes axentes do Sistema Galego de Innovación, búscase reducir a diferenza coas rexións europeas líderes en innovación sobre a base dunha crecente especialización e a participación activa do sector privado, co obxectivo de desenvolver un novo modelo de crecemento e emprego cualificado capaz de atraer talento internacional.

Os organismos de investigación e o tecido empresarial, como axentes claves do Sistema galego de innovación, son estratéxicos no desenvolvemento destas novas estruturas colaborativas, que afondarán no desenvolvemento dos retos da RIS3 para mellorar a competitividade de Galicia máis alá de 2020.

As axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) núm. 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014), en concreto á categoría de axudas reguladas no seu artigo 25-axudas a proxectos de investigación e desenvolvemento.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para a consolidación das unidades mixtas de investigación xurdidas ao abeiro das convocatorias de axudas de Gain dos anos 2014 e 2015.

O obxectivo das axudas convocadas é a consolidación, o fortalecemento e o mantemento da actividade investigadora e innovadora destas unidades mixtas de investigación, dando así continuidade e evolución ás expectativas, obxectivos e resultados das súas liñas de investigación e traballo.

As unidades mixtas son un instrumento favorecedor da cooperación entre os organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial para desenvolver, de forma conxunta e coordinada, actividades de investigación, innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2018 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN853B). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Financiamento

As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación coa seguinte distribución:

Beneficiarios

Capítulo orzamentario

Ano 2018

(€)

Ano 2019

(€)

Ano 2020

(€)

Ano 2021

(€)

Total

(€)

Organismos de investigación privados

09.A3.561A.7

(2015 00016)

191.667,00

713.000,00

713.000,00

682.333,00

2.300.000,00

Organismos de investigación públicos

09.A3.561A.7

(2015 00016)

58.333,00

217.000,00

217.000,00

207.667,00

700.000,00

Total

250.000,00

930.000,00

930.000,00

890.000,00

3.000.000,00

Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se fose o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que teñan constituída unha unidade mixta de investigación beneficiaria dunha axuda da Axencia Galega de Innovación para a súa creación e posta en marcha das convocatorias dos anos 2014 e 2015 e que non estean a desfrutar de axudas para a súa consolidación.

2. Estas unidades mixtas de investigación son as beneficiarias das axudas da Axencia Galega de Innovación concedidas polas resolucións do 6 de outubro de 2014 (DOG nº 195, do 13 de outubro) ou do 21 de maio de 2015 (DOG nº 100, do 29 de maio), coa excepción daquelas beneficiarias que renunciasen á axuda e das unidades que estean recibindo axudas de Gain para a súa consolidación.

3. As unidades mixtas de investigación non teñen personalidade xurídica propia, polo que deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos membros da unidade, que terán igualmente a condición de beneficiarios. O organismo de investigación actuará como representante único da unidade mixta, como único interlocutor coa Administración en todo o procedemento e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á unidade mixta.

O organismo de investigación será o único perceptor das axudas da Axencia Galega de Innovación previstas nesta convocatoria.

Os integrantes das unidades mixtas, empresas e organismos de investigación serán beneficiarios dos resultados xerados no desenvolvemento das liñas de investigación/actividades das unidades subvencionadas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro da presente convocatoria. Para tal efecto, tanto a empresa como o organismo de investigación participarán e colaborarán directamente nas actividades de I+D+i da unidade mixta coa achega de coñecemento e dos recursos propios que se especifican no artigo seguinte.

4. Non poderán acceder á condición de beneficiario as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Condicións para a consolidación das unidades mixtas de investigación

1. Poderán optar ás axudas de consolidación previstas nesta convocatoria aquelas unidades mixtas de investigación beneficiarias das axudas da Axencia Galega de Innovación concedidas polas resolucións do 6 de outubro de 2014 ou do 21 de maio de 2015.

Non poderán optar a estas axudas aquelas unidades mixtas que, aínda estando incluídas nas resolucións de concesión citadas, teñan renunciado a axuda ou estean a desfrutar de axudas de Gain para a súa consolidación.

2. Entidades participantes.

A consolidación dunha unidade mixta de investigación implica o deber de manter e fortalecer a alianza estratéxica entre os seus membros: o organismo de investigación galego e a empresa asinantes do seu acordo de constitución. Estes membros corresponderán cos relacionados nas resolucións, da Axencia Galega de Innovación, de concesión de axudas para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación do 6 de outubro de 2014 (DOG nº 195, do 13 de outubro) e do 21 de maio de 2015 (DOG nº 100, do 29 de maio).

Excepcionalmente, as unidades mixtas de investigación constituídas inicialmente por un organismo de investigación e unha única empresa poderán incorporar á súa composición unha segunda empresa cando exista unha complementariedade xustificada e unha participación equilibrada co resto de entidades participantes na unidade. Neste caso, as dúas empresas participantes na unidade mixta deberán pertencer ao mesmo grupo empresarial no sentido do disposto no artigo 42 do Real decreto do 22 de agosto de 1885, polo que se publica o Código de comercio.

O organismo de investigación actuará como representante da unidade mixta de investigación ante a Axencia Galega de Innovación, como solicitante da axuda e como único interlocutor con ela.

3. Áreas/liñas de investigación.

As liñas de investigación das unidades mixtas de investigación serán a continuidade, ampliación e evolución das definidas no momento de creación da unidade. Estas liñas de investigación/traballo estarán en consonancia cos retos estratéxicos e prioridades contidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que se detallan no anexo I.

Todos os integrantes da unidade mixta poderán participar dos resultados que xera a súa actividade coas condicións e limitacións establecidas polas partes para o efecto.

4. Acordo de consolidación e duración das unidades mixtas.

A consolidación das unidades mixtas de investigación acreditarase mediante a sinatura dun acordo asinado entre as partes (en diante, acordo de consolidación), acompañado do acordo de constitución da unidade. A data de sinatura deste acordo de consolidación non poderá ser anterior á data de presentación da solicitude nin posterior ao prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución de concesión. Esta data marcará o inicio do período mínimo de duración adicional de 3 anos da unidade mixta e o inicio das novas actividades programadas para a súa consolidación.

De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo da actividade. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade en que a empresa incorrería de todos os xeitos nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio das actividades presentadas non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data de comezo destas.

5. Localización.

As dependencias da unidade mixta deberán estar perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan e localizadas en Galicia.

6. Orzamento subvencionable mínimo da unidade mixta de investigación.

a) O orzamento subvencionable mínimo da unidade mixta deberá ser de 1.800.000 de euros para un marco temporal de 3 anos (2018-2021), dividido entre os integrantes da unidade mixta.

b) É requisito que a participación da empresa/as teña un valor medio mínimo do 50 % do orzamento total da unidade mixta.

c) A participación do organismo de investigación debe ter un valor medio mínimo do 10 % do orzamento total da unidade mixta. Tendo en conta que o organismo de investigación será o único perceptor da axuda da Axencia Galega de Innovación, tal e como se especifica no artigo 3 desta convocatoria, a porcentaxe de participación do organismo de investigación no orzamento da unidade mixta calcularase descontando da achega total do organismo de investigación a subvención que este reciba de Gain.

d) Estes requisitos mínimos serán de imprescindible cumprimento no momento da resolución de concesión. No caso de que na finalización da duración da unidade mixta de investigación se comprobe algunha desviación nestes requisitos e sempre que se respecten, como mínimo, os límites sinalados na táboa que segue, a Axencia Galega de Innovación poderá resolver a viabilidade da unidade mixta, despois de estudar as circunstancias que orixinaron o incumprimento destes requisitos mínimos, sempre que un informe técnico avale o correcto desenvolvemento das actuacións previstas e a consecución dos fins para os cales se concedeu a subvención.

Importes mínimos

Orzamento mínimo da unidade mixta

1.350.000,00 €

Participación da/das empresa/s

50 % do orzamento total da unidade mixta

Participación do organismo de investigación

10 % do orzamento total da unidade mixta

Non obstante, aplicaranse a estes supostos as penalizacións e previsións contidas no artigo 29 (Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións).

e) A participación da empresa nas actividades da unidade mixta poderá ser mediante a execución con medios propios e/ou mediante achegas monetarias ao organismo de investigación. O importe destas achegas será destinado integramente polo organismo de investigación ao financiamento en exclusiva das actividades da unidade mixta e non computará para os efectos da achega do organismo de investigación.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento das actuacións da unidade mixta de investigación para as cales foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade 2018, só se admitirán aqueles gastos realizados dentro do período comprendido entre a data de sinatura do acordo de consolidación da unidade mixta de investigación (que non poderá ser anterior á data de presentación da solicitude) e a data límite de xustificación establecida no artigo 26 desta resolución. Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

3. Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas:

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal:

a) Poderanse subvencionar os custes de persoal propio e os de persoal de nova contratación (investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar que realice actividades de investigación), no tempo imputado ao desenvolvemento das actividades de I+D+i do plan de traballo da unidade mixta. Cando esta imputación non sexa do cen por cen, na memoria que se xunta á solicitude deberán xustificarse os motivos das porcentaxes sobre a base das tarefas concretas que se desenvolverán na unidade mixta, sen que sexa suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, a pertinencia e a verificabilidade do tempo imputado.

b) Serán subvencionables os custos de persoal propio do organismo de investigación e da empresa dedicado ás actividades da unidade mixta de investigación, unicamente cando este persoal desempeñe as citadas actividades nas dependencias da unidade e teña unha dedicación media mínima a elas, para cada período de xustificación previsto no artigo 26 desta convocatoria, do 50 % e do 25 % respectivamente.

Como persoal propio da empresa unicamente serán subvencionables os custos do persoal desprazado a Galicia para traballar na unidade mixta e que durante o último ano estivesen nun centro de traballo da empresa de fóra da Comunidade Autónoma galega.

c) Serán subvencionables os custos de persoal de nova contratación que se incorpore ao organismo de investigación ou á empresa para a realización das actividades da unidade mixta de investigación, unicamente cando este persoal desempeñe as citadas actividades nas dependencias da unidade e teña unha dedicación media mínima a elas, para cada período de xustificación previsto no artigo 26 desta convocatoria, do 100 % e do 50 % respectivamente.

É requisito deste novo persoal que no momento da contratación non teña vinculación laboral co organismo de investigación e non a teña nin a tivese coa/s empresa/s integrante da unidade mixta no último ano.

d) Tamén serán subvencionables os custos de persoal que correspondan ao mantemento dos contratos do novo persoal para o desenvolvemento das actividades das unidades mixtas asinados durante a vixencia das axudas para a súa creación e posta en marcha. Este persoal deberá ter unha dedicación media mínima ás actividades da unidade, para cada período de xustificación previsto no artigo 26 desta convocatoria, do 100 % no caso dos organismos de investigación e do 50 % no caso das empresas.

e) No caso dos organismos públicos de investigación, das universidades públicas ou, en xeral, dos organismos públicos con orzamentos consolidables, non se subvencionarán os custos do persoal que xa estean cubertos polas dotacións previstas na Lei de orzamentos xerais do Estado ou nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

f) Os custos de viaxe, indemnizacións ou axudas de custo non teñen natureza de gastos de persoal.

g) Non serán subvencionables os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión da unidade mixta de investigación.

h) Calquera modificación no cadro de persoal asignado á unidade mixta deberá ser motivada e xustificada, e deberá ser aprobada pola Axencia Galega de Innovación.

2. Custos de equipamento técnico e material instrumental de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilicen para as actividades de investigación da unidade mixta.

Se o equipamento e o material se dedican exclusivamente ás actividades da unidade mixta e a súa vida útil se esgota ao termo do período de duración desta, será subvencionable o custo de adquisición. Deberá xustificarse na solicitude a vida útil deste equipamento ou material.

Se o equipamento e material non se utilizan exclusivamente para as actividades da unidade mixta, por exceder a súa vida útil a duración desta, só serán imputables os custos de amortización que correspondan á duración da unidade mixta, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa considerado subvencionable, deberá detallarse na solicitude o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades da unidade mixta.

Dentro deste punto considerarase:

– A instalación do equipamento, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

– As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i da unidade mixta e non de uso xeral.

Neste punto non se considerarán os seguintes gastos:

– Instalacións de edificios (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...) e as que non sexan estritamente necesarias para o funcionamento de equipamento científico e técnico.

– Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D da unidade mixta, como zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...

– Licenzas de software xeral.

3. Servizos tecnolóxicos externos: consideraranse servizos tecnolóxicos externos aquelas actividades prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes. Se a actividade que se vai realizar forma parte da propia investigación, deberá ser considerada como subcontratación.

Os servizos tecnolóxicos externos deberán ser necesarios para o desenvolvemento das actividades da unidade mixta de investigación e estar debidamente xustificadas na solicitude.

4. Materiais, subministracións e produtos similares: poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades da unidade mixta de investigación. Para estes efectos, deberán recollerse de forma detallada e concisa no punto correspondente do impreso da solicitude. Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto.

5. Subcontratacións con outros organismos de investigación ou outras empresas non vinculadas aos integrantes da unidade mixta, agás as excepcións recollidas no artigo 25 desta convocatoria, relacionadas exclusivamente con actividades da unidade mixta, sempre e cando tales actuacións contratadas a terceiros non supoñan a execución total da actividade que constitúe o obxecto desta. As subcontratacións non poderán superar o 50 % da actividade subvencionada e deberán estar debidamente pormenorizadas e xustificadas, e sometidas ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 25 desta convocatoria.

6. Actuacións de promoción e difusión dos resultados da unidade mixta de investigación. Estes gastos poderán ser imputados co límite máximo do 2 % do orzamento. Neste punto englóbanse, entre outros, os seguintes tipos de gasto: difusión e publicidade, preparación de material de difusión, alugamento de salas e organización de conferencias, eventos, congresos e seminarios. Estas actuacións deberán estar exclusivamente e unicamente dirixidas á difusión dos resultados da unidade mixta.

7. Os custos de viaxe e aloxamento para actividades que se precisen no desenvolvemento das liñas de investigación da unidade mixta e exclusivamente para o persoal adscrito á unidade. Estes gastos poderán ser imputados co límite máximo do 5 % do orzamento. Este punto abarcará unicamente: gastos de viaxe (por exemplo billetes, quilometraxe do vehículo, peaxes e gastos de aparcamento), custos de comida e custos de aloxamento nas contías máximas sinaladas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (actualizado pola Resolución do 29 de decembro de 2005, DOG nº 250, do 30 de decembro) para un grupo I.

8. Custos de formación do persoal adscrito á unidade mixta de investigación en temáticas relacionadas coas súas liñas de investigación (inscrición, matrícula, custos do persoal ou entidade docente no caso de formación específica contratada polas entidades integrantes da unidade mixta...). Non se admitirán as axudas de custo e desprazamento neste punto.

b) Custos indirectos: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non se poden vincular directamente coa actividade subvencionada por teren carácter estrutural pero resultan necesarios para a súa realización; neles inclúense os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

O custo subvencionable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe de ata o 10 % aos custos de persoal imputados ás actividades e dependencias da unidade mixta.

Artigo 6. Ofertas

No caso de adquisición de bens de equipamento, ou a contratación de servizos ou subministracións e materiais, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere os 15.000 euros no global do proxecto para un mesmo provedor, deberá achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características dos gastos non existan no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e achegarase unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non obstante, no caso de que as entidades beneficiarias reúnan os requisitos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para ter a consideración de poder adxudicador deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como derradeiro día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.

Artigo 8. Solicitude e documentación

1. Entregarase unha única solicitude, que deberá ser presentada polo organismo de investigación como representante da unidade mixta, e nela estará integrada a información de todos os membros integrantes dela.

2. Os organismos de investigación, como representantes das unidades mixtas, deberán presentar os seguintes documentos:

a) Anexo II. Formulario de solicitude.

Nos anexos II e III inclúense as seguintes declaracións responsables, relativas a cada un dos membros da unidade mixta:

1. Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2. Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos e acepta as condicións e obrigas do programa de unidades mixtas de investigación recollidas nesta resolución.

3. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na devandita declaración no momento en que se produza.

5. Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

6. Declaración de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria en que se efectuará o pagamento das axudas, así como que a entidade solicitante é o seu titular, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

7. Declaración responsable de non estar suxeito a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal ou incompatible co mercado común.

8. Declaración de que non pode ser considerada unha empresa en crise, conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

9. Declaración de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo das actividades para as cales se solicita (efecto incentivador).

10. Declaración responsable de que ten a capacidade administrativa financeira e operativa para cumprir cos obxectivos da unidade mixta para a cal se solicita a axuda.

11. Declaración responsable de que as dependencias da unidade mixta de investigación deberán estar perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan e localizadas en Galicia.

12. Declaración responsable de que, se é o caso, non vai realizar ningunha utilización comercial posterior do prototipo ou proxecto piloto incluído na proposta.

b) Anexo III. Declaración responsable de cada un dos membros integrantes da unidade mixta.

c) Anexo IV. Formulario da memoria da unidade mixta de investigación.

A memoria da unidade mixta de investigación realizarase cubrindo o formulario que se inclúe como anexo IV a esta resolución, no cal se recollerá toda a información, tanto de carácter científico-técnico como económico, que permita avaliar a proposta de consolidación da unidade mixta conforme os criterios de valoración e selección sinalados no artigo 17.

Con independencia da información recollida neste formulario, poderase incluír información e documentación complementaria.

d) Declaración asinada polos integrantes da unidade mixta de investigación en que manifesten a súa intención de consolidar a unidade mixta atendendo aos requisitos desta convocatoria e ao contido da memoria indicada no punto anterior, acompañada do acordo inicial de constitución da unidade mixta. Coa sinatura desta declaración as partes manifestan a súa conformidade coa presentación da solicitude de axuda ao abeiro da presente convocatoria polo organismo de investigación como entidade representante da unidade mixta.

No prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución de concesión, os beneficiarios, a través do organismo de investigación como representante da unidade mixta, deberán presentar o acordo de consolidación asinado polas entidades participantes.

O acordo de consolidación deberá conter, como mínimo, a seguinte información:

– Características e obxectivos da unidade mixta.

– Descrición da/das liña/s de investigación que vai desenvolver a unidade mixta.

– Duración da unidade mixta, que non poderá ser inferior a 3 anos, para os efectos desta convocatoria.

– Definición dos compromisos que adquire cada participante da unidade mixta nos diferentes ámbitos: científico-técnico, económico e organizativo.

– Definición dos compromisos e planificación para a explotación e participación dos resultados xerados.

Este acordo de consolidación poderá ser modificado ao longo da súa vixencia, sempre e cando os cambios non afecten aspectos tidos en conta para a concesión das axudas. Calquera modificación das condicións establecidas no acordo deberá ser comunicada á Axencia Galega de Innovación.

Os anexos II (solicitude), III (Declaracións responsables), IV (Memoria), V (Declaración das axudas para presentar coa xustificación da subvención; artigo 26) e VI (Declaración de dedicación persoal para presentar coa xustificación da subvención; artigo 26) estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas relativos aos organismos de investigación e empresas integrantes das unidades mixtas de investigación:

– Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Innovación practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 54 10 96 e 881 99 96 33 da devandita Axencia.

c) No enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá achegar coa solicitude os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública de Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. Consonte o disposto no artigo 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a inclusión destes na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios, e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Así mesmo, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade, a través do Portal de transparencia e goberno aberto, dos datos referidos á subvención referida. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se achega a documentación exixida, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos e remitidos á comisión de selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 16. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes, de acordo coa valoración realizada por expertos atendendo aos criterios fixados no artigo seguinte, e emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a contía da axuda proposta.

2. A composición da comisión de selección será a seguinte:

1. Presidencia: un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

2. Secretaría: un funcionario ou funcionaria da Axencia Galega de Innovación.

3. Tres vogais designados pola directora da Axencia Galega de Innovación.

3. No informe que elabore a comisión de selección figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, con especificación da avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe do custo subvencionable e da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible e tendo a intensidade de axuda prevista no artigo 18 desta convocatoria.

4. Para a realización do seu labor a comisión de selección poderá solicitar todos os informes técnicos que considere precisos e emitirá unha acta en que se concrete o resultado da selección efectuada.

Artigo 17. Criterios de valoración e selección

A valoración de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizarase sobre un total de 100 puntos, que se outorgarán segundo os criterios de valoración, que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión das subvencións, que se indican:

A) Calidade científico-técnica da unidade mixta (máximo 40 puntos):

1. Obxectivos. Valoraranse a calidade, o contido e a orixinalidade na formulación dos obxectivos das liñas de investigación/innovación que deberán ser a continuidade, ampliación e evolución das definidas no momento de creación da unidade. Estes obxectivos deberanse definir de maneira clara e concisa e basearse nos resultados e evolución das liñas de investigación no período anterior (máximo 12 puntos).

2. Planificación. Valorarase o nivel de excelencia do plan de traballo para a consecución dos obxectivos da proposta e o seguimento do seu avance. Teranse en conta a descrición de fases e actividades, a dirección e coordinación dos traballos e o cronograma (máximo 9 puntos).

3. Grao de innovación das liñas de investigación/innovación. Deberase xustificar o carácter innovador dos obxectivos propostos facendo fincapé nas novidades ou melloras substanciais respecto ao estado actual da arte (máximo 10 puntos).

4. Viabilidade das liñas de investigación/innovación. Valoraranse a compatibilidade e a coherencia cos obxectivos da unidade mixta e a avaliación dos puntos críticos e factores de risco (máximo 9 puntos).

B) Resultados acadados na etapa de creación e posta en marcha da unidade mixta (máximo 15 puntos):

1. Propostas aprobadas en Horizonte 2020 ou noutros programas internacionais froito do traballo realizado na etapa de creación e posta en marcha da unidade mixta. Valorarase cun punto cada proxecto concedido neste tipo de programas, ata un máximo de 6 puntos.

2. Invencións xeradas no período de creación e posta en marcha da unidade mixta. Valorarase con 2 puntos cada solicitude para o rexistro ante organismos oficiais de invencións realizadas, ata un máximo de 4 puntos.

3. Impacto científico e tecnolóxico dos resultados. Valorarase a repercusión dos resultados nos procesos e produtos nas entidades participantes da unidade mixta e no sector da actividade da unidade mixta (máximo 5 puntos).

C) Internacionalización dos resultados. Valoraranse o plan e o grao de internacionalización dos resultados previstos, e o impacto na capacidade de liderado internacional do equipo de investigación nas liñas de investigación (máximo 6 puntos).

D) Detección de oportunidades de negocio nos resultados previstos nas liñas de investigación/innovación e comercialización dos resultados (máximo 15 puntos). Nesta epígrafe valoraranse as seguintes cuestións:

1. O potencial e as capacidades para poñer en marcha as oportunidades detectadas, a competencia e os atributos diferenciadores, a análise das barreiras de entrada e a dispoñibilidade de recursos (máximo 7 puntos).

2. Plan de negocio e comercialización dos resultados previstos nas liñas de investigación/innovación (máximo 8 puntos).

E) Repercusión dos resultados previstos na etapa de consolidación nos procesos e produtos a nivel individual e no sector da actividade da unidade mixta. Capacidade de arrastre da unidade mixta no seu ámbito (máximo 10 puntos).

F) Colaboración científico-técnica da unidade mixta con pemes que teñan un centro de traballo en Galicia, no desenvolvemento das actividades da unidade a través da sinatura do correspondente acordo de colaboración mediante a modalidade de subcontratación. Valorarase con 1 punto por cada 25.000 euros subcontratados ata un máximo de 4 puntos.

Segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o calculo destes efectivos deberanse ter en conta as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

G) Xeración de emprego (máximo 10 puntos). Valorarase con 2 puntos cada emprego xerado novo nesta etapa de consolidación, tomando como base o número de empregos xerados na etapa anterior de creación e posta en marcha da unidade mixta.

A comisión de selección considerará financiables as solicitudes que acaden unha puntuación mínima total igual ou superior a 60 puntos. Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles; quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior a puntuación mínima indicada.

Artigo 18. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvención, dentro dos límites de intensidade previstos no artigo 25 do Regulamento (UE) nº 651/2014; establécese unha intensidade de axuda dun 30 % do orzamento total da unidade mixta.

Intensidade máxima das axudas da Axencia Galega de Innovación

Pequena empresa

Media empresa

Grande empresa

Investigación industrial con colaboración efectiva entre unha empresa e un organismo de investigación

30 %

30 %

30 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre unha empresa e un organismo de investigación

2. A axuda da Axencia Galega de Innovación non superará o importe máximo de 1.300.000 €.

3. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade ou os mesmos recursos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican na táboa seguinte ou que, de acordo coa súa normativa reguladora, fosen incompatibles.

Intensidades máximas-Regulamento (UE) nº 651/2014

Pequena empresa

Mediana empresa

Grande empresa

Investigación industrial con colaboración efectiva entre unha empresa e un organismo de investigación

80 %

75 %

65 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre unha empresa e un organismo de investigación

60 %

50 %

40 %

4. Son actividades subvencionables a investigación industrial e o desenvolvemento experimental. Para os efectos desta resolución, entenderanse por tales conceptos as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes; comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nun contorno de laboratorio ou nun contorno con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados; pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados; pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando tales modificacións poidan representar melloras destes.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de selección á directora da Axencia Galega de Innovación para que dite a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de forma individualizada as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas ou, se é o caso, a causa de denegación.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que dá información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2 . Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas máis que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

– A denominación da unidade mixta e as entidades beneficiarias da axuda.

– O importe da axuda concedida e o orzamento total da unidade mixta.

– A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

– A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

6. No prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión, o interesado deberá achegar o acordo de consolidación da unidade mixta de investigación previsto no artigo 8 desta convocatoria, asinado polas entidades nela participantes. Transcorrido ese prazo, en ausencia de contestación, o beneficiario perderá o dereito a percepción da subvención e tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no regulamento do citado texto legal.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicarán na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no termo e na forma aprobados que se recollen nas resolucións de concesión. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, o órgano concedente poderá modificar a resolución de concesión.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación cunha anterioridade mínima de 10 días hábiles á data de finalización do prazo de xustificación desa anualidade e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formulala o representante da unidade mixta e deberá motivar os cambios que se propoñen e xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

5. En ningún caso se autorizarán cambios con data anterior á entrada no rexistro da solicitude de modificación.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento en que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determina a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Desenvolver as actividades da unidade mixta na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Situar as dependencias da unidade mixta en Galicia, fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan.

i) Presentar o acordo de consolidación da unidade mixta, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución de concesión.

j) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, cuestións que deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

k) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

l) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, con mención expresa da súa orixe e do financiamento da Axencia Galega de Innovación. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da unidade mixta ou, optativamente, nas páxinas web de cada un dos integrantes da unidade e mantela actualizada. Na web deberán figurar, como mínimo, os membros da unidade mixta, os obxectivos e os principais avances da unidade mixta de investigación que deberán divulgarse ano a ano. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación». Así mesmo, deberá informarse que recibiu o apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

m) Realizar un evento de difusión ao comezo do proxecto para explicar os seus obxectivos e outro na súa finalización para expoñer os resultados non suxeitos a confidencialidade. En ambos os eventos poñerase de manifesto o apoio da Axencia Galega de Innovación ás actuacións da unidade mixta.

n) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de cinco anos.

o) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Subcontratacións

1. Será de aplicación ás entidades integrantes da unidade mixta de investigación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. Enténdese por subcontratación cando se concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na solicitude de axuda.

3. Non se poderá subcontratar entre as entidades integrantes da unidade mixta de investigación.

4. As entidades integrantes das unidades mixtas de investigación poderán subcontratar ata o 50 % do importe da actividade subvencionada.

5. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da actividade subvencionada e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a Axencia Galega de Innovación.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

6. En ningún caso o beneficiario poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunhas das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes de axuda na mesma convocatoria que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, sen prexuízo da excepción regulada no parágrafo seguinte en relación coas entidades vinculadas.

Excepcionalmente, en aplicación do artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a subcontratación de entidades vinculadas cos integrantes da unidade mixta de investigación cando sexa imprescindible para a execución das actividades da unidade mixta e sempre que se realice de acordo coas condicións normais de mercado. Estas condicións deberán ser xustificadas mediante unha memoria explicativa.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, o organismo de investigación, como representante da unidade mixta de investigación, deberá presentar electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención de todos os membros da unidade mixta, utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

2. Prazos de xustificación.

Prazos de presentación da documentación:

Ano 2018

Ata o 10 de outubro de 2018

Ano 2019

Ata o 10 de outubro de 2019

Ano 2020

Ata o 10 de outubro de 2020

Ano 2021

Ata o 10 de outubro de 2021

Períodos de realización de gastos (emisión de facturas) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Ano 2018

Desde a data de sinatura do acordo de consolidación da unidade mixta (que non poderá ser anterior á data de presentación da solicitude de axuda) ata o 30 de setembro de 2018

Ano 2019

Desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019

Ano 2020

Desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020

Ano 2021

Desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021

3. Documentación xustificativa científico-técnica.

A documentación xustificativa científico-técnica das actividades desenvolvidas será única para todos os membros da unidade mixta de investigación e responsabilidade do organismo de investigación como representante da unidade, e constará de:

a) Informe científico-técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

b) Memoria redactada en formato libre sobre a execución e evolución das actividades da unidade mixta.

4. Documentación xustificativa económica.

O organismo de investigación, como representante da unidade mixta de investigación, deberá presentar un resumo global da execución económica para a totalidade das actividades da unidade e unha carpeta separada para a execución económica de cada un dos membros que compoñen a unidade, en que conste:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade de todas as administracións públicas, utilizando o modelo que aparece como anexo V a esta resolución, e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal. De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas.

b) Certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública de Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Un resumo da execución económica en que consten o concepto de gasto, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por tipoloxía de gastos.

d) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

e) Documentación xustificativa do pagamento: copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, este deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas á unidade mixta de investigación a que corresponden.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas ditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas á unidade mixta de investigación, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa/organismo de investigación selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

f) No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

g) Para a xustificación de custo de persoal, deberá achegarse:

1. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable do organismo de investigación/empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades da unidade mixta, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ás actividades da unidade mixta.

2. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos do organismo de investigación/empresa cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades da unidade mixta, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

3. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades da unidade mixta e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

4. Boletíns de cotización á Seguridade Social e copia dos seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe poderá ser xustificado na anualidade seguinte.

5. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

6. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento de actividades da unidade mixta de investigación.

No caso do persoal contratado para o desenvolvemento das actividades das unidades mixtas mediante contratos asinados durante a vixencia das axudas para a súa creación e posta en marcha, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse esa continuidade para o desenvolvemento das citadas actividades.

7. Declaración responsable da non participación do persoal da unidade mixta, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación á unidade mixta, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que aparece como anexo VI a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal.

h) Tres ofertas de diferentes provedores cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipamento e contratación de servizos ou subministracións e materiais, igual ou superior aos 15.000 euros no global do proxecto cun mesmo provedor. Cando polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren, deberá achegarse unha xustificación de tal circunstancia. Se a elección entre as ofertas presentadas non recaese na proposta económica máis vantaxosa, deberá achegarse unha memoria xustificativa.

Non obstante, no caso de que as entidades beneficiarias reúnan os requisitos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para ter a consideración de poder adxudicador deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

i) Declaración asinada polo representante legal, de cada membro da unidade mixta, en que se detalle o cadro de amortización de cada equipo incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, con esta documentación deberán achegarse os estados contables da entidade e os correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da entidade.

j) No caso de subcontratacións deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Factura/s emitida/s pola entidade subcontratada en que se especifique claramente o título das actividades da unidade mixta financiadas.

2. Xustificantes de pagamento da/das factura/s da subcontratación.

3. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades na unidade mixta de investigación, en que se debe incluír unha relación das persoas que participaron nelas, unha descrición específica das tarefas realizadas por cada unha delas e a porcentaxe de dedicación á unidade mixta.

k) Certificación dos custos de viaxe emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable do organismo de investigación/empresa, en que conste o nome da persoa que realiza a viaxe, o lugar da viaxe, as datas da viaxe e o motivo da viaxe en relación coas actividades desenvolvidas pola unidade mixta. Os custos da viaxe estarán desglosados por conceptos de gasto: transporte (avión, taxi, autobús, coche particular…), aloxamento (nº de noites) e manutención (por días). Esta certificación deberá estar acompañada das correspondentes facturas e xustificantes de pagamento, así como da copia dos billetes/tarxetas de embarque do medio utilizado.

l) Documentación xustificativa da achega monetaria da empresa ao organismo de investigación para o desenvolvemento das actividades da unidade mixta de investigación acompañada da copia das transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica, sempre que conten co selo do banco.

m) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas no artigo 24 da convocatoria.

5. Sen prexuízo da documentación indicada nos puntos anteriores, poderá requirirse que se achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. A documentación presentarase electronicamente. Os beneficiarios responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presentan. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Nos casos de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impidan a presentación electrónica da documentación, esta poderá presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Neste caso, as facturas que se presenten deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, o organismo de investigación, como representante da unidade mixta, non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertindo de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 27. Pagamento

1. Os pagamentos da axuda da Axencia Galega de Innovación efectuaranse ao organismo de investigación como representante do conxunto de entidades que integran a unidade mixta de investigación.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

3. Pagamentos anticipados

– Primeira anualidade: poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido para esa anualidade. No caso de que a entidade fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión, deberá presentar a documentación que se indica a continuación; noutro caso enténdese que renuncia ao anticipo:

a) Unha solicitude de pagamento anticipado, utilizando o modelo publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

b) A declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando o modelo publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

– Anualidades seguintes: poderá anticiparse como máximo ata o 50 % do importe da subvención concedida para a anualidade correspondente, sempre que conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento non se supere o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados conforme o sinalado no punto 5 deste artigo, tras a xustificación e o pagamento da anualidade anterior e presentación da documentación sinalada anteriormente. No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

4. Pagamentos parciais á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución das actividades obxecto da axuda.

5. O importe conxunto dos pagamentos parciais á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007. Será obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación e, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte do órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 28. Garantías

No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías, de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos durante o tempo de duración da unidade mixta de investigación. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén se deberá proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, a inexactitude ou a omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou o ocultamento daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para que foi concedida a axuda.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 24 da presente resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

3. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

4. Serán causas de incumprimento total:

– Non xustificar a execución dun orzamento para a unidade mixta de investigación dun mínimo de 1.350.000,00 €.

– Non xustificar unha participación da empresa cun valor medio mínimo do 50 % do orzamento da unidade mixta de investigación.

– Non xustificar unha participación do organismo de investigación cun valor medio mínimo do 10 % do orzamento da unidade mixta de investigación.

– A disolución ou paralización das actividades da unidade mixta de investigación con anterioridade ao período mínimo de duración desta previsto no artigo 4, agás que a empresa fose declarada en concurso de acredores. Neste caso e desde ese momento, non se tramitarán novos pagamentos e non procederá o reintegro das cantidades recibidas se están adecuadamente xustificadas.

5. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, polo que se deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

• No caso de condicións referentes á contía ou a conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

• O feito de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período incumprido.

• O feito de non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

• O feito de non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

• O feito de non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados por Gain, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder pagar a subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

6. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

7. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. En caso de incumprimento do establecido no artigo 24.d), procederase conforme o establecido no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar, aos beneficiarios, en calquera momento, as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades da unidade mixta, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar anualmente os beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades da unidade mixta en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Previamente ao pagamento final da subvención será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

6. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 32. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Supletoriamente, seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Unidades mixtas de investigación 2018-Consolidación, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A, 6, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a xestion.gain@xunta.gal.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización

intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1.1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vencelladas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido. (Valorización-Mar).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vencellados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa nun contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

1.2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura. (Acuicultura).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido achegando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade do produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

1.3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña. (Biomasa e enerxías mariñas).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promovesen neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as cales se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condiciones naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos como o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é una oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

1.4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores. (Modernización sectores primarios).

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose principalmente ao redor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e o control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro e protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

1.5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo no ámbito europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais. (TIC-Turismo).

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

2.1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFEs), orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía. (Diversificación sectores tractores).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva artellándose arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vencelladas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego, moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-Administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización no ámbito internacional, por exemplo nos eidos vencellados coas necesidades chave da Administración pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2.2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «Fábrica do futuro» e a través da eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria. (Competitividade sector industrial).

Para iso se definen como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade no ámbito internacional.

– Tecnoloxías limpas: eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que entrañan. Por isto un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

2.3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, ao igual que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFEs). (Economía do coñecemento: (TIC e TFE).

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido a súa compoñente transversal.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo

Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

3.1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal. (Envellecemento activo).

As actividades principais vencelladas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas cales Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente adecuado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo ás demandas tecnolóxicas do ecosistema socio-sanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vencellados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e da tecnoloxía.

3.2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional ao redor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable. (Alimentación e nutrición).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva artellándose arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada ao redor da nutrición, dos alimentos funcionais, nutracéuticos, á alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e, en xeral, os hábitos de vida saudable vencellados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentado o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa Comunidade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file