Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2018 Páx. 30255

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos.

Os elaboradores de viño da indicación xeográfica protexida Betanzos presentaron o pasado día 28.2.2018 unha solicitude de modificación da normativa que rexe a produción destes viños.

A solicitude de modificación afecta os límites máximos de dous parámetros analíticos, en concreto a acidez volátil e o contido en anhídrido sulfuroso. Estes cambios no prego de condicións terían a consideración de modificación de «menor importancia» de acordo co artigo 20.4 do Regulamento (CE) núm. 607/2009, da Comisión, do 14 de xullo de 2009, polo que se establecen determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 479/2008 do Consello no que atinxe ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos termos tradicionais, á etiquetaxe e á presentación de determinados produtos vitivinícolas.

Segundo os elaboradores, no prego de condicións vixente establécense uns límites para estes dous parámetros demasiado restritivos, que deixan fóra produtos con axeitadas características organolépticas e que responden á tipicidade dos viños de Betanzos.

Así, no que atinxe á acidez volátil, no prego de condicións actual o seu límite máximo fíxase en 0,65 g/l de ácido acético para todos os viños, cando o olfacto humano dificilmente percibe valores por debaixo de 0,8 ou 0,9 g/l.

Polo que respecta ao contido en anhídrido sulfuroso, os límites que se fixan no prego de condicións vixente son 125 mg/l para os viños monovarietais e 165 mg/l para o resto dos viños. Nos últimos anos, e cada vez máis, estanse comercializando viños desta indicación xeográfica cun maior envellecemento. Son viños que teñen un maior tempo de crianza e que, polo tanto, están durante moito máis tempo expostos a riscos oxidativos. Para estes viños os límites actuais quedan en ocasións curtos, o que provoca que queden sen o amparo da indicación xeográfica viños con moi boas calidades organolépticas e que cumpren co límite legal máximo para este parámetro.

Estes parámetros recóllense tanto no prego de condicións como no documento único que serviron de base para a inscrición da indicación xeográfica no rexistro europeo. Por iso a solicitude de modificación debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións no Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación, durante o cal calquera persoa física ou xurídica que teña un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a modificación proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade dela mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma, e que polo tanto son da competencia da Administración xeral do Estado, o dito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por seren competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo a solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e tamén para as modificacións dos pregos de condicións das existentes, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que, no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das ditas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. A dita competencia, para os produtos de orixe agraria, é exercida pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da dita consellería.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas a disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos, e dar publicidade á dita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O dito documento único, que figura como anexo desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do dito prego de condicións, no cal figuran sinalados os cambios respecto da versión vixente.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atoparán o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas, iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da dita modificación mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (edificios administrativos de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto nos artigos 115, 120 e 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2018

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO

Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Betanzos

Documento único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse:

Betanzos.

b) Tipo de indicación xeográfica:

IXP-Indicación xeográfica protexida.

2. Categorías de produtos vitícolas.

– 1. Viño.

3. Descrición dos viños.

a) Viños brancos e tintos.

• Breve descrición textual.

Viños lixeiros, de graduacións alcohólicas moderadas; os elaborados a partir de uvas brancas presentan cor amarela pálida con reflexos verdosos; os aromas son froiteiros e florais e o sabor é lixeiramente acedo e con postgusto persistente; os elaborados a partir de uvas tintas presentan cores de intensidade media de vermello-cereixa a vermello-cereixa escuro; aromas a froitos do bosque e o sabor é suave con estrutura e persistencia medias.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol.): non se define.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 10 % vol.

– Acidez total mínima (en g/l de ácido tartárico): 4,5 g/l.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 13,33 meq/l (excepto para viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento; neste caso este límite de acidez volátil será de 16,66 meq/l).

– Contido máximo total en anhídrido sulfuroso (en mg/l): 200 mg/l para viños brancos e 150 mg/l para viños tintos.

b) Viños brancos e tintos monovarietais.

• Breve descrición textual.

Viños lixeiros, de graduacións alcohólicas moderadas; os elaborados a partir de uvas brancas presentan cor amarela pálida con reflexos verdosos; os aromas son froiteiros e florais e o sabor é lixeiramente acedo e con postgusto persistente; os elaborados a partir de uvas tintas presentan cores de intensidade media de vermello-cereixa a vermello-cereixa escuro; aromas a froitos do bosque e o sabor é suave con estrutura e persistencia medias. A expresión das calidades óptimas de aroma e sabor destes viños acentúase cando a elaboración se realiza cun mínimo do 85 % de uva das variedades recomendadas e desta maneira obtéñense viños monovarietais.

• Características analíticas xerais.

– Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol.): non se define.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 11 % vol.

– Acidez total mínima (en g/l de ácido tartárico): 5 g/l.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 13,33 meq/l (excepto para viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento, neste caso este límite de acidez volátil será de 16,66 meq/l).

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en mg/l): 200 mg/l para viños brancos e 150 mg/l para viños tintos.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais.

– Estes viños elaboraranse cun mínimo do 60 % das variedades que figuran como recomendadas dentro das variedades de uva de vinificación autorizadas. Estas variedades son: godello, branco lexítimo e agudelo en brancas e mencía, brancellao e merenzao en tintas.

– O rendemento na extracción do mosto e a súa separación dos bagazos non será superior a 65 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

b) Rendementos máximos.

– 11.500 quilogramos de uvas por hectárea.

– 72,80 hectolitros de viño por hectárea.

5. Zona delimitada.

A totalidade dos termos municipais de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, así como parte dos termos municipais de Abegondo, Oza dos Ríos e Sada; todos eles na provincia da Coruña, na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Principais uvas de vinificación.

– Brancas: agudelo (chenin blanc), branco lexítimo (albarín blanco) e godello.

– Tintas: brancellao, mencía e merenzao (María Ordoña).

7. Descrición do vínculo.

Os viños son fiel reflexo dos efectos das condicións límite de luz e temperatura para unha vitivinicultura de calidade, suavizados estes efectos mediante o uso varietal (o viño é elaborado maioritariamente con variedades autóctonas da zona, adaptadas ao medio natural), a implantación das viñas en solos francos e profundos, característicos desta área xeográfica (que foron escollidos tradicionalmente polos viticultores, coa sabedoría que dan os anos de experiencia), así como as adecuadas prácticas culturais, entre as cales destaca a poda e condución das viñas, que se realiza manualmente e con mestría para facer un adecuado control do potencial vitivinícola.

8. Outras condicións esenciais.

a) Envasamento na zona delimitada.

– O envasamento terá lugar na zona xeográfica delimitada.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe.

– Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada, que incluirá o logotipo da indicación xeográfica.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2018/IGP_BETANZOS_Pliego_de_condiciones_junio_2018_CCC.pdf