Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2018 Páx. 30415

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 28 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento IN853B).

BDNS (Identif.): 403358.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que teñan constituída unha unidade mixta de investigación beneficiaria dunha axuda da Axencia Galega de Innovación para a súa creación e posta en marcha das convocatorias dos anos 2014 e 2015 e que non estean a desfrutar de axudas para a súa consolidación.

Estas unidades mixtas de investigación son as beneficiarias das axudas da Axencia Galega de Innovación concedidas polas resolucións do 6 de outubro de 2014 (DOG nº 195, do 13 de outubro) ou do 21 de maio de 2015 (DOG nº 100, do 29 de maio), con excepción daquelas beneficiarias que renunciasen á axuda e das unidades que estean recibindo axudas da Gain para a súa consolidación.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para a consolidación das unidades mixtas de investigación xurdidas ao abeiro das convocatorias de axudas da Gain dos anos 2014 e 2015.

O obxectivo das axudas convocadas é a consolidación, o fortalecemento e o mantemento da actividade investigadora e innovadora destas unidades mixtas de investigación, dando así continuidade e evolución ás expectativas, obxectivos e resultados das súas liñas de investigación e traballo.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2018 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN853B). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é 3.000.000 euros, coa seguinte distribución por anos:

Ano 2018 (€)

Ano 2019 (€)

Ano 2020 (€)

Ano 2021 (€)

Total (€)

250.000

930.000

930.000

890.000

3.000.000

Intensidade das axudas: 30 % do orzamento da unidade mixta considerada subvencionable, cun máximo de 1.300.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como derradeiro día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no DOG e, se é inhábil, o primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Outros datos

Poderase anticipar ata o 50 % do importe da subvención concedida para cada anualidade.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación