Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 25 de xuño de 2018 Páx. 30472

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de xuño de 2018 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a cal se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas no Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

O día 30 de outubro de 2017, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicou a Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a cal se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas previstas no Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

No seu artigo 21 establécese a convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva por rateo, por danos para a reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados e por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras afectadas polos incendios. Código de procedemento administrativo MR616A.

Na base décimo oitava do citado artigo 21 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, tanto nas liñas de axuda forestais (liñas I, II e III) como nas liñas de axuda agrícola e gandeira (liñas IV, V, VI e VII).

Así mesmo, no artigo 4 da orde sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar.

Dado que a dotación orzamentaria desa orde para as axudas correspondentes a danos nas explotacións agrícolas e gandeiras ascende á cantidade de 500.000 euros, para o ano 2018, e posto que esa dotación é insuficiente tendo en conta o importe das solicitudes recibidas, cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria asignada na Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, mediante a cal se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017, nas liñas de axuda agrícola e gandeira (IV, V, VI e VII) da Consellería do Medio Rural en 600.000 euros, con cargo aos remanentes existentes noutras axudas desa orde.

Como resultado desta ampliación, o orzamento total asignado á presente orde é o seguinte:

• Ano 2018: 1.100.000 euros na aplicación orzamentaria 13.03.712B.772.0, C.P. 2016 183 (390.000) e C.P. 2016 00185 (710.000).

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

O incremento de crédito previsto no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 27 de outubro de 2017 (DOG núm. 206, do 30 de outubro).

Artigo 3. Recursos

A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural