Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2018 Páx. 31296

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, ten por obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, de transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) establece a estratexia de innovación que se vai seguir para acadar un crecemento intelixente, sustentable e integrador concentrando dun xeito eficiente os recursos dispoñibles.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013 e define o marco para as políticas de investigación e innovación de Galicia para o período 2014-2020. Entre os seus programas de actuación, a RIS3 Galicia prevé o programa Galicia Transfire, do que a convocatoria de subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia é un dos seus instrumentos. O programa Galicia Transfire aglutina os instrumentos dirixidos a fomentar a transferencia de investigación desde os Axentes de Xeración e Difusión do Coñecemento, como principais artífices do fomento do talento nos sistemas de innovación galegos, cara ao mercado nun marco de innovación aberta.

As axudas que agora se convocan están, pois, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación Horizonte 2020 co fin de procurar, a medio e longo prazo, a obtención de retornos sociais.

Esta convocatoria enmárcase nas liñas de actuación orientadas a avanzar cara estruturas colaborativas e integradas arredor das cadeas de valor de innovación estratéxicas para Galicia no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3 Galicia.

Con estas novas estruturas, coas que se ordenarán e agruparán aos diferentes axentes do Sistema galego de innovación, búscase reducir o diferencial coas rexións europeas líderes en innovación sobre a base dunha crecente especialización e a participación activa do sector privado, co obxectivo de desenvolver un novo modelo de crecemento e emprego cualificado capaz de atraer talento internacional.

Os centros tecnolóxicos consolidados, como axentes claves do Sistema galego de innovación, son estratéxicos no desenvolvemento destas novas estruturas colaborativas que afondarán no desenvolvemento dos retos da RIS3 para mellorar a competitividade de Galicia máis alá de 2020.

De acordo coa definición do instrumento, a convocatoria de subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia financiará gastos de estrutura. Os fondos que se van destinar a cada unha das entidades beneficiarias calcularanse en base aos resultados acadados polo centro, entre outros, nos seguintes eidos:

– Respecto á posta en valor das súas actividades de I+D, a súa capacidade de transferencia ao mercado.

– Na captación de recursos de I+D+I competitivos en programas nacionais e internacionais.

Por iso, estas axudas establécense en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoran a súa perspectiva financeira, de resultados e de igualdade.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes e perseguirá entre outros, os seguintes obxectivos:

– Definir e desenvolver as políticas públicas dirixidas a incrementar a eficiencia en resultados do Sistema galego de innovación, avaliados mediante a implantación dun sistema de indicadores de impacto contrastable.

– Estimular a estruturación e consolidación do Sistema galego de I+D+i.

As axudas que se conceden, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas do Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, os centros beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do dito marco comunitario.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia para financiar gastos estruturais e de funcionamento co fin de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2018 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia non competitiva (código procedemento IN845A).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria que se indica no seguinte cadro, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2018:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Total

09.A3.561A.781.0

2015.00016

1.872.000,00 €

Non obstante, poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo de declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que fose a súa natureza, e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que teñan a consideración de consolidados.

Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 5. Documentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberán presentarse os seguintes documentos:

a) Anexo I. Solicitude. No anexo I inclúense as seguintes declaracións responsables:

1) Declaración responsable de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

2) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

3) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6) Declaración de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria en que se efectuará o pagamento das axudas, así como que a entidade solicitante é o seu titular, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

b) Anexo II. O cadro de indicadores da perspectiva financeira, de resultados e de igualdade a partir dos cales se efectúe a valoración dos resultados acadados polos centros tecnolóxicos.

c) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal do centro (ver artigo 7.3).

d) Copia compulsada da escritura de constitución do centro debidamente inscrita, se é o caso, no Rexistro Mercantil ou Industrial (ver artigo 7.3).

e) Copia das contas anuais auditadas dos anos 2016 e 2017, non obstante aqueles centros que non estean obrigados a auditalas deberán presentar as contas anuais aprobadas polo padroado, conforme os artigos 37 e 38 da Lei 12/2006, de 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

f) Documento resumo onde se relacionen os importes que determinan o resultado dos indicadores coa información que aparecen nas contas anuais.

Os anexos I e II estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e a título informativo na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente ao formulario principal, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código do procedemento, órgano responsable, número de expediente e número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos indicados no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) na súa epígrafe de axudas e na sede virtual.

b) No teléfono 981 54 39 86.

c) No enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https:/sede.xunta.gal.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

No caso de que o centro solicitante se opoña a esta consulta, deberá indicalo no cadro correspondente no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ao centro solicitante a presentación dos documentos correspondentes.

Se a consulta polo órgano xestor non obteña resultado favorable e o centro solicitante deba presentar estes certificados en fase de emenda, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 5, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos efectos previstos no artigo 21.1 da citada lei. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web, pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

4. Nos casos de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impidan a realización da notificación electrónica, a notificación ou a emenda da solicitude efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

7. Os datos e aclaracións de mero trámite que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, solicitaranse a través do enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 10 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, os solicitantes propostos para obter a subvención e a contía da axuda proposta a cada un deles sen superar o crédito dispoñible. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: funcionario ou funcionaria da Axencia Galega de Innovación.

c) Tres vogais designados pola directora da Axencia Galega de Innovación.

3. O informe que elabore a comisión de valoración remitirase ao órgano instrutor.

Artigo 10. Criterios de valoración e selección

A valoración dos indicadores para cada centro tecnolóxico, a partir da información dos anos 2016 e 2017, realizarase conforme o baremo que se recolle no anexo II.

O importe da axuda determinarase de acordo coa seguinte fórmula:

IAi=Vp*Pi

Na que:

IAi: importe da axuda de cada centro.

Pi: puntuación obtida por cada un dos centros.

Vp: valor monetario de cada punto obtido pola fórmula Vp=1.872.000,00/∑ Pi

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o beneficiario, así como a subvención concedida ou, se é caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento establecido nestas bases reguladoras.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) desta lei, a notificación individual de concesión da axuda substituirase pola publicación no DOG e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 13. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11 destas bases xerais.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicar á Axencia Galega de Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o seu importe e duración.

d) Contabilizar de forma separada a súa actividade económica e non económica de modo que se poida distinguir con claridade entre ambos os dous tipos de actividades e entre os seus respectivos custos e financiamento. O proxecto subvencionado, dedicarase exclusivamente a actividades de carácter non económico, o que deberá ter o seu reflexo na contabilidade separada, de modo que cumpran o establecido no Marco comunitario sobre axudas estatais sobre investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE 27.6.2014 C198/1).

Artigo 17. Conceptos subvencionables

1. Custo de persoal investigador ou de apoio.

Persoal investigador contratado: investigadores, auxiliares de investigación e xestores de I+D+i que se dedican exclusivamente a esta actividade.

Persoal de apoio contratado: persoal directivo ou persoal de administración con dedicación parcial a actividades de I+D+i.

O custo do persoal de apoio non poderá ser superior ao 40 % do importe da subvención concedida.

Unicamente será subvencionable o importe que conste como base do IRPF na nómina, non admitíndose axudas de custo, desprazamentos e outros que non formen parte da base do IRPF.

2. Material bibliográfico (libros, publicacións periódicas en papel ou dixitais, bases de datos…) e equipamento científico (inclúense aplicacións informáticas cando sexan necesarias para actividades de investigación), así como a súa reparación e conservación.

3. Material funxible.

Elementos adquiridos e utilizados pola entidade para a realización da actividade investigadora (materiais diversos, envases, material de oficina...).

4. Custos de formación do persoal do centro tecnolóxico (inscrición, matrícula, custos do persoal ou entidade docente no caso de formación específica contratada polo centro…). Non se admiten as axudas de custo e desprazamento nin facturas de combustibles.

5. Outros gastos debidamente xustificados, conforme o número 4 do artigo 19.1, ata un máximo do 10 % da axuda concedida.

Gastos de natureza diversa que teñen por obxecto garantir o funcionamento normal da entidade (gastos de asesoría e similares, auga, electricidade e outras subministracións, servizos prestados por outras entidades para o desenvolvemento de actividades de I+D+i, outros servizos...)

Artigo 18. Subcontratación

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, os beneficiarios deberán presentar electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación, axustada aos modelos que figuran na páxina da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal):

1) Un resumo da execución da subvención (modelo 1) asinada polo xerente ou director do centro tecnolóxico.

2) Certificación dos custos de persoal (modelo 2) emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do xerente ou director do centro tecnolóxico, consistente nunha relación detallada por meses do persoal, que deberá incluír os seguintes datos: mes que se xustifica, apelidos, nome, NIF, posto no centro tecnolóxico, base do IRPF, retribución líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao centro tecnolóxico, data de pagamento da Seguridade Social, porcentaxe de imputación e importe mensual total imputado.

3) Documentos que acrediten os custos de persoal (copia das nóminas e relación nominal de traballadores da Tesouraría Xeral da Seguridade Social) e o seu pagamento (xustificantes bancarios ou recibo de liquidación de cotizacións á Seguridade Social selados polo banco). Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán detallarse os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

4) Documentación acreditativa da realización dos restantes gastos, que consistirá en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

5) Documentación acreditativa de realización dos pagamentos, que consistirá en copia da documentación bancaria dos pagamentos. Presentarase xunto a cada documento de gasto o seu correspondente documento de pagamento ou o extracto bancario onde figure o cargo correspondente. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Os xustificantes bancarios de pagamento deben coincidir exactamente co importe da factura, IVE incluído. No caso de que o importe reflectido no documento bancario non coincida co importe do documento de gasto (pagamento agrupado), deberase remitir o detalle dos pagamentos efectuados xunto cos documentos de gasto, onde se poida identificar o gasto en cuestión.

6) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase en base a pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

7) Tres ofertas de diferentes provedores cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipo, ou a contratación de servizos ou subministracións e materiais, iguale ou supere os 15.000 euros no global do proxecto cun mesmo provedor. Cando polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren, deberá achegarse unha xustificación de tal circunstancia. Se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa deberá entregarse unha memoria xustificativa.

8) Declaración responsable do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados (modelo 3).

9) Ficha de indicadores de actividade (modelo 4).

10) Memoria explicativa breve en que se reflicta as principais actividades e proxectos realizados coa axuda concedida dentro dos retos e prioridades da RIS3 Galicia (modelo 5).

11) No caso de que o centro solicitante se opoña á consulta polo órgano xestor de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor.

2. Nos documentos correspondentes a cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, aceptarase o importe que conste na certificación dos custos de persoal, quedando as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos do gasto e do seu pagamento nos prazos de xustificación establecidos no artigo seguinte.

3. A documentación presentarase electronicamente. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel. Os beneficiarios responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Así mesmo, os documentos de resumo da execución da subvención (modelo 1) e de certificación dos custos de persoal (modelo 2), deberán enviarse tamén en formato electrónico (.xls, xlsx, .org, .calc ou similar).

Artigo 20. Período de realización dos gastos e prazo de xustificación da axuda

1. Admitiranse os custos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación.

2. Prazo de xustificación da axuda.

1) A xustificación do anticipo do 50 % da subvención concedida a que se refire o artigo 21.1 deberá realizarse no prazo máximo dun mes a partir da transferencia dos fondos correspondentes sempre que este prazo non sexa superior ao 31 de outubro de 2018.

2) A xustificación do importe total ou restante da subvención concedida terá como data límite de presentación o 31 de outubro de 2018. Non obstante, se existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de outubro) estas terán como data límite o 14 de decembro de 2018.

3) Transcorridos os prazos indicados sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4) Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderá solicitar as aclaracións ou informes que considere oportunos a través do enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal.

5) Os beneficiarios que presenten unha xustificación de gastos inferior ao anticipo percibido deberán xuntar á documentación presentada o xustificante de ingreso na conta da Comunidade Autónoma do importe percibido e non xustificado, sen prexuízo de que se lles poida ser exixida a devolución doutras contías anticipadas unha vez aprobada a xustificación polo órgano competente.

Artigo 21. Pagamento

1. Efectuarase un anticipo do 50 % da subvención concedida de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte dos beneficiarios, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. No caso de anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os restantes pagamentos efectuaranse tras a xustificación.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En caso de incumprimento do establecido no artigo 16.b), procederase conforme o establecido no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 23. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das condicións das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Estruturación co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Airas Nunes, s/n, 15702 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a xestion.gain@xunta.gal.

Artigo 26. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 27. Normativa aplicable

Para todo o non previsto nestas bases observarase o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto da normativa aplicable.

As axudas obxecto desta convocatoria están dirixidas á realización de actividades de I+D+i de carácter non económico, por parte de centros tecnolóxicos de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro, e difusión dos resultados da actividade dos centros tecnolóxicos subvencionados e á disposición de todos dun xeito indiscriminado, de modo que non se produce vantaxe económica para os centros subvencionados, e cumpren cos requisitos establecidos pola Comisión Europea no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE C198, do 27 de xuño de 2014).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file