Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2018 Páx. 31294

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 14 de xuño de 2018 pola que aproban as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para a posterior axuda á produción dunha obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 404789.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvenciones (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611) e con sucursal ou oficina permanente polo menos durante un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual nos termos establecidos na Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, (artigo 4.n). Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos por todas as empresas que a integran no momento da súa constitución.

Segundo. Finalidade

Desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para o posterior financiamento da produción dunha obra audiovisual que non só promova a creatividade audiovisual senón tamén promova e difunda o Camiño de Santiago, a cultura xacobea e a internacionalización da marca Galicia como obxectivo estratéxico da Comunidade Autónoma de cara ao Xacobeo 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de xuño de 2018 pola que se aproban as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para a posterior axuda á produción dunha obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito máximo de 1.575.000 euros, coa seguinte distribución por anualidades na aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0:

2018: 75.000 €.

2019: 600.000 €.

2020: 900.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais