Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2018 Páx. 31244

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2018 pola que se aproban as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para a posterior axuda á produción dunha obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores. A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, ao mesmo tempo, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais.

Tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cine, na súa exposición de motivos «A actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa, é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto á súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo isto considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, está presente en todos os ámbitos da sociedade actual».

Segundo establece o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións e o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais serán compatibles co mercado interior de acordo co artigo 107, número 3, do tratado, e quedarán exentos da obriga de notificación prevista no artigo 108, número 3, do tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no propio regulamento, e unha das condicións exixidas é que as axudas se destinarán a un produto cultural, condición imprescindible na presente convocatoria. De conformidade co artigo 54 do regulamento, «a fin de evitar erros manifestos á hora de cualificar un produto como cultural, cada Estado membro establecerá procesos eficaces, como a selección de propostas por unha ou varias persoas encargadas da selección, ou a verificación con respecto a unha lista predeterminada de criterios culturais». Na presente convocatoria establécese a selección por parte dunha comisión de avaliación da cal formarán parte expertos independentes, e por outra banda establécese unha lista de criterios que a comisión debe seguir á hora de realizar esa avaliación para a concesión das axudas a obras audiovisuais.

A presente convocatoria de axudas complementa as convocatorias habituais da Axencia Galega das Industrias Culturais, que continuarán existindo, e vai máis alá destas para acadar un obxectivo adicional ao impulso do sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a comunidade, na medida en que fomentará a experiencia creativa do sector para difundir e promover o Camiño de Santiago e a imaxe de Galicia no exterior. Estas bases teñen como obxectivo identificar nunha fase 1 cinco propostas de contido audiovisual que contribúan a enriquecer a marca Galicia e a cultura xacobea, e nunha fase 2 seleccionar un único proxecto de alta calidade, con viabilidade a nivel económico e de realización, e con alto potencial de difusión e distribución internacional.

Nesta liña, o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2020, busca como obxectivo principal impulsar un marco de actuacións que contribúan á dinamización dos diferentes camiños de Santiago, á difusión dos valores e singularidades de cada un dos camiños de peregrinación a Santiago e ao deseño e implantación de accións de promoción que contribúa ao posicionamento internacional de Galicia a través do Camiño de Santiago.

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de axudas para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para o posterior financiamento da produción dunha obra audiovisual que, non só promova a creatividade audiovisual, senón tamén promova e difunda o camiño de Santiago, a cultura xacobea e a internacionalización da marca Galicia como obxectivo estratéxico da Comunidade Autónoma de cara ao Xacobeo 2021, e que debe estrearse antes do 15 de decembro de 2020 (código de procedemento CT208A), e se procede á súa convocatoria.

As axudas desenvolveranse en dúas fases; a primeira destinada ao financiamento das propostas para cinco proxectos que promovan os obxectivos anteriores, e unha segunda que ten por obxecto o fomento e financiamento dun único proxecto elixido entre as propostas que superen a primeira fase.

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade, cos límites establecidos na presente convocatoria.

4. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

d) Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

e) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

E supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes con unha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente durante polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual nos termos establecidos na Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema (artigo 4.n). Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos por todas as empresas que a integran no momento da súa constitución.

2. Só poderán ser destinatarias das subvencións aquelas empresas que teñan participación na produción creativa do proxecto audiovisual e que teñan unha participación igual ou superior ao vinte por cento do financiamento do proxecto audiovisual.

3. Coa finalidade de obter unha obra audiovisual que garanta unha alta calidade de produción, viabilidade económica e de realización e alto potencial de distribución internacional, establécese que a entidade solicitante cumpra como requisitos adicionais os seguintes:

a) Ter producido unha longametraxe cinematográfica estreada simultaneamente en salas comerciais nacionais cun mínimo de 40 copias ou unha serie de ficción para TV ou plataforma dun mínimo de 6 capítulos de 50 minutos que fose emitida en dúas canles de televisión, sendo unha delas non nacional.

b) Ter realizado unha obra audiovisual (longametraxe cinematográfica ou serie de televisión de máis de 300 minutos de duración global) en réxime de coprodución internacional no seu historial.

4. A idea/proxecto da obra audiovisual presentada terá unha duración mínima de 90 minutos, no caso de ter a consideración de longametraxe cinematográfica de ficción, e unha duración mínima de 300 minutos e un mínimo de seis episodios, no caso de considerarse serie de ficción.

5. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Fases do procedemento de selección

1. Fase 1.

Calquera solicitante poderá presentar unha única proposta de contido á fase 1 de selección. Rematado o prazo de presentación e unha vez emendadas as solicitudes, de ser o caso, unha comisión, da cal formarán parte profesionais expertos en audiovisual, procederá á avaliación das propostas de acordo coa calidade do proxecto, co seu interese cultural, coa formulación dos traballos de desenvolvemento previstos e coa súa viabilidade en canto ao financiamento e á realización, de conformidade cos criterios establecidos na base décimo terceira. Unha vez emitido o informe de valoración motivada por parte da comisión, a Agadic procederá á selección dos cinco proxectos que acaden maior puntuación total e elevará a proposta de resolución ao presidente do Consello Reitor da Agadic. A resolución de selección emitida comportará a concesión de subvención para a realización dos traballos de desenvolvemento aos cinco proxectos seleccionados e seralles notificada a todos os beneficiarios participantes na convocatoria.

2. Fase 2.

Os cinco beneficiarios seleccionados na fase anterior disporán dun prazo de catro meses, computados desde a notificación da resolución, para desenvolver a idea proposta e entregar o resultado dos traballos na Agadic, e deberán presentar a documentación exixida na base sétima, punto 2.3.

A mesma comisión de valoración encargada de avaliar os proxectos na fase 1 será a encargada de realizar un informe de valoración motivado que fundamentará a proposta de adxudicación dun único proxecto de acordo coa súa calidade, co impacto directo en Galicia en canto á proposta de localizacións, co impacto na industria audiovisual galega en canto á utilización de recursos humanos e empresas auxiliares, e coa súa viabilidade en canto a financiamento e realización, de acordo cos criterios previstos na base decimo cuarta. A proposta de adxudicación de subvención será elevada pola dirección da Axencia ao presidente desta para a súa resolución. Esta resolución seralle notificada a todos os beneficiarios participantes na fase 2 da presente convocatoria.

3. Concorrencia de subvencións.

As axudas outorgadas na fase 1 do procedemento deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto.

A subvención única outorgada na fase 2 do procedemento, segundo os límites establecidos no artigo 54 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, será compatible con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas, sempre que a intensidade de axuda non exceda o 50 % do importe subvencionable. O total de subvencións concedidas poderá chegar ata o 60 % nos supostos de producións transfronteirizas financiadas por máis dun Estado membro da Unión Europea ou nas que participen empresas produtoras de máis dun Estado membro.

No suposto de coproducións nacionais, para efectos de control das axudas e subvencións, teranse en conta a totalidade das axudas públicas recibidas para o proxecto, con independencia da entidade que reciba a subvención, e calcularase a porcentaxe correspondente sobre o total do gasto subvencionable español do proxecto.

Cuarta. Procedemento, orzamento e imputación de créditos e contía

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito, para as axudas da fase 1, ao disposto no Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e, para a subvención única da fase 2, ao Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

2. Estas subvencións terán carácter plurianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a solicitude e a data máxima de xustificación establecida na presente convocatoria para cada fase.

3. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será dun millón cincocentos setenta e cinco mil euros (1.575.000 euros) distribuídos segundo as seguintes anualidades con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, coa seguinte distribución:

2018

2019

2020

Total

Fase 1

Traballos de desenvolvemento do proxecto audiovisual

15.000 euros por proxecto

75.000

 

75.000

Fase 2, produción dunha obra audiovisual (un dos seguintes formatos)

Produción de longametraxe de ficción cinematográfica

(1.000.000 euros por proxecto)

400.000

600.000

1.000.000

Produción de serie de ficción para TV

(1.500.000 euros por proxecto)

600.000

900.000

1.500.000

4. Os anteriores importes teñen carácter de máximo. A axuda correspondente á fase 1 ten un límite máximo de 15.000 euros por proposta seleccionada e no caso de que o importe de gastos subvencionables xustificados non acade a dita cifra, reducirase proporcionalmente segundo o investimento subvencionable realizado.

Os importes para o proxecto adxudicatario na fase 2, en concepto de capital semente, en formato longametraxe para cine ou serie para TV, representan a contía máxima correspondente ao trinta por cento do total do custo de produción da obra audiovisual, no caso de que os investimentos acaden unha cifra porcentual inferior reducirase proporcionalmente.

5. Os importes previstos para as anualidades teñen o carácter de previsión polo que a alteración de cada anualidade poderá ser obxecto de reaxuste en función do proxecto financeiro vinculado á produción da obra audiovisual. A este fin considérase un reaxuste de anualidades o derivado dunha modificación do plan financeiro da obra que teña en conta os diferentes fluxos de financiamento en función do grao de gasto realizado ou previsto para a seguinte anualidade, sen que a dita alteración teña a consideración de modificación das bases da subvención.

Quinta. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas ou entidades representantes delas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas ou entidades representantes das entidades solicitantes realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou entidade representante da entidade interesada.

Sexta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, nos termos establecidos no artigo 68.4 da Lei 39/2015.

Sétima. Documentación que se xuntará á solicitude da primeira fase

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

• Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

• Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

• Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán enviar segundo se detalla e ordenadamente a seguinte documentación técnica:

2.1. Documentación relativa á empresa, na cal deberá constar:

a) Historial creativo e profesional da empresa produtora.

b) Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, informe de axente ou compañía de vendas que acredite a traxectoria de obras anteriores realizadas no mesmo formato do proxecto presentado, que conteña os países en que se comercializaron as ditas obras, destino final da comercialización, selección en festivais internacionais, e outros datos que poidan achegar información relevante sobre a traxectoria neste ámbito. O informe deberá ir acompañado do historial do profesional ou empresa que o emita.

c) Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, informe de empresa distribuidora, canle de TV/operadora ou institución pública, que acredite a distribución para exhibición e/ou emisión nacional de obras anteriores realizadas no mesmo formato do proxecto presentado.

d) Segundo se trate da modalidade de cine ou televisión, recoñecementos oficiais de coprodución e de nacionalidade de longametraxes realizadas con anterioridade, ou certificación das canles de televisión participantes na obra que acredite o seu carácter de coprodución internacional.

2.2. As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:

a) Declaración relativa a outras axudas públicas solicitadas ou concedidas para o proxecto no momento de realizar a solicitude.

b) Declaración relativa a calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) De ser o caso, que a entidade solicitante ten no seu historial producións anteriores de longametraxes cinematográficas con estrea simultánea en salas comerciais nacionais cun mínimo de 40 copias.

d) De ser o caso, que a entidade solicitante ten producido con anterioridade series de ficción para televisión dun mínimo de 6 capítulos e 50 minutos cada un, emitidas nun mínimo de dúas canles de TV, das cales unha será non nacional.

e) Que a entidade solicitante ten no seu historial longametraxes cinematográficas e/ou series de ficción para TV de máis de 300 minutos globais de duración, realizadas en réxime de coprodución internacional.

2.3. Documentación relativa á fase 1 (desenvolvemento de propostas), na cal deberá constar:

a) Datos de identificación do proxecto e proposta de lingua orixinal de gravación.

b) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles, segundo proceda.

c) Información sobre o tipo de proxecto, intencións artísticas e público obxectivo.

d) Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

e) Tratamento secuencial do proxecto de non menos de 20 páxinas e un máximo de 30.

f) Proposta dos seguintes perfís profesionais: guionista definitivo/a, director/a, produtor/a executivo/a e casting principal.

g) Proposta de localizacións.

h) Plan financeiro da futura obra audiovisual.

i) Proposta de plan de comercialización e lanzamento da obra audiovisual.

j) Estimación do orzamento total da futura produción audiovisual.

k) Plan de traballo das tarefas de desenvolvemento.

l) Orzamento das tarefas de desenvolvemento segundo o anexo III.

3. Documentación que hai que presentar exclusivamente na fase 2 para os proxectos seleccionados (anexo IV), que se entregará no prazo máximo de catro meses contados desde a recepción da notificación da resolución de selección na fase 1 do procedemento, na cal constará a declaración responsable sobre as axudas públicas solicitadas ou concedidas nese momento para o proxecto, xunto coa seguinte documentación técnica:

a) Datos identificativos do proxecto, especificando o título provisional e o logline.

b) Documentación compulsada ou cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

c) Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha folla.

d) Descrición de intencións do proxecto audiovisual en canto a tratamento formal, target, deseño da produción, casting de actores e actrices e outros elementos técnicos e artísticos en relación co contido proposto.

e) Primeira versión de guión do proxecto de longametraxe cinematográfica, de ser o caso.

f) Primeira versión de guión de dous capítulos mais tratamento argumental completo dos capítulos restantes da serie de ficción televisiva, de ser o caso.

g) Acordos previos asinados con produtor/a executivo/a, guionista, director/a.

h) Historiais profesionais, facendo especial mención a traballos previos no mesmo formato do proxecto presentado, dos seguintes profesionais, sempre que se poida acreditar un compromiso de participación na obra: produtor/a executivo/a, guionista, director/a, actores e actrices principais e secundarios/as. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

i) Plan de financiamento e, de ser o caso, documentación xustificativa doutras subvencións públicas solicitadas e/ou concedidas, contratos ou cartas de interese relativas ao financiamento do proxecto e explotación da obra nos que se detallen as cantidades económicas (dereitos de propiedade e/ou de emisión con canles de televisión, acordos de vendas/distribución nacionais e internacionais, acordos de coprodución nacionais e internacionais, compromisos de investimento privado, achega de fondos propios e outros acreditativos da situación financeira do proxecto).

j) Orzamento definitivo segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic.

k) Plan de produción que inclúa cronogramas de preprodución, produción e posprodución, localizacións previstas, recursos humanos de produción que intervirán na execución do proxecto. No caso de detallar empresas e profesionais haberá que achegar as correspondentes cartas de compromiso asinadas.

l) Estratexia de lanzamento, difusión e comercialización nacional e internacional elaborada por empresa ou profesional especializados, xunto co historial de traballos anteriores relacionados co proxecto proposto.

m) Estratexia de adaptación do proxecto á narrativa transmedia.

4. Toda a documentación se presentará obrigatoriamente por vía electrónica. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia autentica presentada.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a entidade ou persoa representante exprese o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a entidade ou persoa representante deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade ou persoa representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Se algunha das entidades solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Observarase o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas.

Sempre que se realice a presentación electrónica de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa ou entidade representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal.

Décimo primeira. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación administrativa necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

Décimo segunda. Comisión de valoración

1. Para a avaliación das propostas iniciais/proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas presentes bases.

2. A comisión de valoración estará formada por cinco membros:

• Un/unha representante dunha canle de TV ou plataforma VOD de ampla repercusión proposto pola Dirección da Agadic.

• Tres profesionais de recoñecido prestixio no mundo cultural e/ou audiovisual, nomeados pola Dirección da Agadic, entre os cales designará o seu presidente.

• Un/unha profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic, nomeado pola Dirección da Agadic.

Actuará como secretario ou secretaria a persoa titular da área de coordinación audiovisual da Agadic, con voz e sen voto. Os membros da comisión declararán por escrito que non terán relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes, nin cos proxectos que participan na correspondente convocatoria anual. Igualmente están obrigados a realizar unha declaración de non estar incursos nos supostos de abstención ou recusación previstos na lei.

Os membros integrantes da comisión estarán obrigados a realizar un informe motivado de cada unha das valoracións que realicen.

Décimo terceira. Resolución e criterios de valoración da fase 1

1.Os criterios de avaliación para a selección dun máximo de cinco ideas/proxecto serán os seguintes:

Valoración da proposta inicial de contido

Máximo 100 puntos

A) Calidade do proxecto

Máximo 30 puntos

Calidade e orixinalidade do tratamento secuencial achegado: terase en conta o interese e a creatividade da proposta, a presentación narrativa, a súa contribución á diversificación do panorama audiovisual europeo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes. Cada un dos aspectos citados será obxecto de valoración motivada por parte dos membros da comisión

Ata 10 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados

Definición dos perfís profesionais de: produtor/a executivo/a, director/a, guionista e casting principal. Argumentación das ditas propostas, coherencia co proxecto presentado e posibilidades de contratación dos perfís descritos. Cada un dos aspectos citados será obxecto de valoración motivada por parte dos membros da comisión

Ata 10 puntos que se outorgarán proporcionalmente á concorrencia dos aspectos citados

Potencial de distribución e comercialización nacional e internacional: estratexia de lanzamento e comercialización da obra audiovisual, obxectivos de distribución, público obxectivo e coherencia co proxecto presentado. Cada un dos aspectos citados será obxecto de valoración motivada por parte dos membros da comisión

Ata 10 puntos que se outorgarán proporcionalmente á concorrencia dos aspectos citados

B) Contribución cultural

Máximo 20 puntos

Interese cultural da proposta a través dos seguintes aspectos: 1) a contribución do proxecto ao posicionamento de Galicia como destino de visitantes e peregrinos, 2) a transmisión de valores relativos á experiencia individual do peregrino, 3) as referencias á interconexión entre os valores do Camiño e outras realidades no mundo, 4) a contribución a destacar a cultura e a paisaxe galegas e 5) a contribución á promoción da marca Galicia

Máximo 20 puntos que se outorgarán se o proxecto cumpre 4 dos aspectos citados

C) Traballos de desenvolvemento previstos para o proxecto

Máximo 10 puntos

Plan de desenvolvemento do proxecto e coherencia coa proposta presentada

Ata 5 puntos

Orzamento dos traballos de desenvolvemento e coherencia cos mesmos

Ata 5 puntos

D) Viabilidade en canto a financiamento e realización

Máximo 40 puntos

Plan financeiro da obra audiovisual: orzamento de produción estimado, coherencia co tipo de proxecto presentado, potencial en canto á obtención de fontes de financiamento

Ata 20 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados.

Historial da produtora (só puntúa unha das dúas opcións seguintes):

Ata 20 puntos

Dúas obras realizadas (longametraxe cinematográfica ou serie de TV dun mínimo de 6 capítulos) que cumpran dous dos seguintes aspectos: coprodución internacional, selección en seccións oficiais de festivais internacionais de cine coa clasificación clase A, estrea en salas de cine comercial nun mínimo de tres países (incluíndo España), emisión en canles de TV dun mínimo de tres países (incluíndo España) ou en plataforma internacional

10 puntos

Máis de dúas obras realizadas (longametraxe cinematográfica ou serie de TV dun mínimo de 6 capítulos) que cumpran dous dos seguintes aspectos: coprodución internacional, selección en seccións oficiais de festivais internacionais de cine coa clasificación clase A, estrea en salas de cine comercial nun mínimo de tres países (incluíndo España), emisión en canles de TV dun mínimo de tres países (incluíndo España) ou en plataforma internacional

20 puntos

2. Resolución da fase 1 do procedemento:

2.1. A comisión realizará a valoración de todos os proxectos outorgando a puntuación das propostas de modo decrecente. A dirección da Agadic realizará unha proposta de selección das cinco propostas que obtivesen a puntuación máxima, que será resolta pola Presidencia da Axencia. A resolución de selección comportará a concesión dun importe máximo subvencionable de 15.000 euros por cada proposta.

2.2. A comisión poderá propoñer declarar deserta a fase 2 do proceso de selección se ningún dos proxectos avaliados acada como mínimo 50 puntos do total. Nese suposto, a Dirección da Axencia elevará a Presidencia da Axencia unha proposta de resolución pola que se declare deserto o procedemento.

3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164) deberá ditar resolución expresa da selección da fase 1 no prazo máximo de 10 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución será motivada e seralles notificada aos beneficiarios participantes na convocatoria ao día seguinte de ser ditada. A dita notificación incluirá o importe da axuda e o seu carácter de axuda de minimis, segundo o Regulamento (UE) nº 1409/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativa a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

Décimo cuarta. Resolución e criterios de valoración da fase 2

1. A segunda fase do proceso comezará unha vez notificada a resolución dos cinco proxectos elixidos. Recibida a notificación, os beneficiarios disporán dun prazo de catro meses para a presentación do documentación correspondente a esta segunda fase.

2. A segunda proposta de resolución, baseada no informe de valoración elaborado pola comisión, recaerá no proxecto que obteña maior puntuación e suporá, unha vez ditada a resolución polo presidente da Axencia, a concesión dunha subvención por importe máximo de 1.000.000 de euros, no caso de tratarse dun formato en longametraxe, ou de 1.500.000 euros no caso de que o formato sexa de serie de ficción para televisión, segundo se recolle na presente convocatoria.

3. Os criterios de avaliación para a selección dun único proxecto serán os seguintes:

Selección do proxecto desenvolvido para produción

Máximo 100 puntos

A) Calidade do proxecto

Máximo 30 puntos

1) Valorarase de forma motivada o guión ou guións presentados: premisa, tema principal e intencións do/a autor/a; estrutura, descrición de personaxes, diálogos, poder narrativo e visual e definición do target a que se dirixe.

Ata 10 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados

2) Historial do produtor/a executivo/a (só se valorará se existe un acordo previo asinado).

Ata 4 puntos

Dúas longametraxes cinematográficas/series de televisión realizadas, con impacto no ámbito nacional e internacional a través de datos de distribución nacional e datos de comercialización internacional. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

2 puntos

Máis de dúas longametraxes/series de televisión realizadas con impacto no ámbito nacional e internacional a través de datos de distribución nacional e datos de comercialización internacional. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

4 puntos

3) Historial do director/a (só se valorará se existe un acordo previo asinado).

Ata 4 puntos

Dúas longametraxes cinematográficas/series de televisión realizadas, con impacto no ámbito nacional e internacional a través de datos de distribución nacional e datos de comercialización internacional. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

2 puntos

Máis de dúas longametraxes/series de televisión realizadas con impacto no ámbito nacional e internacional a través de datos de distribución nacional e datos de comercialización internacional. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

4 puntos

4) Historial do guionista (só se valorará se existe un acordo previo asinado).

Ata 4 puntos

Dúas longametraxes cinematográficas/series de televisión realizadas, con impacto no ámbito nacional e internacional a través de datos de distribución nacional e datos de comercialización internacional. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

2 puntos

Máis de dúas longametraxes/series de televisión realizadas con impacto no ámbito nacional e internacional a través de datos de distribución nacional e datos de comercialización internacional. No caso de achegar informes de empresas ou profesionais de distribución e vendas internacionais, estes deberán estar acompañados cos correspondentes historiais.

4 puntos

5) Proposta de actor/actriz principal e actores/actrices secundarios. Valoraranse o número de obras audiovisuais en que participasen, a súa repercusión nacional e internacional, a obtención de premios e recoñecementos de prestixio, e o grao de coñecemento no ámbito internacional. Terase en conta ademais a coherencia da proposta co proxecto presentado.

Ata 4 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados

6) Posibilidades trasmedia do proxecto. Valorarase o potencial para xerar produtos asociados a outros sectores e plataformas (APP, videoxogos, ferramentas de promoción, produtos editoriais...).

Ata 4 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados

B) Localizacións de rodaxe e utilización de recursos audiovisuais galegos.

Ata 20 puntos

1. Rodaxe en Galicia. Porcentaxe de rodaxe ou gravación da longametraxe que se levará a cabo en localizacións, espazos escénicos e estudos cinematográficos de Galicia.

Máximo 6 puntos

– Do 30 % ao 50 % de días de rodaxe no territorio de Galicia.

3 puntos

– Do 51 % ao 75 % de días de rodaxe no territorio de Galicia.

6 puntos

2. Traballos realizados por empresas auxiliares que desenvolven a súa actividade en Galicia.

Máximo 10 puntos

Posprodución de imaxe.

4 puntos

Posprodución de son e dobraxe.

4 puntos

Arte (escenografía, iluminación, vestiario, outros).

2 puntos (1 por cada servizo)

3. Contratación de profesionais galegos para desempeñar dúas das seguintes funcións: dirección de produción, dirección de fotografía, responsable de son directo, composición de BSO, dirección artística, montaxe.

4 puntos

C) Viabilidade en canto a financiamento e realización do proxecto.

Máximo 50 puntos

1. Viabilidade económica e coherencia do plan de financiamento con respecto á memoria do proxecto presentada.

Ata 10 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados

2. Porcentaxe de financiamento acreditado mediante documentación xustificativa de: dereitos a recibir axudas ou subvencións, acordos de coprodución, contratos ou cartas de interese relativos á explotación da obra nos que se detallen as cantidades económicas e compromisos de investimento privado. Só se valorará a porcentaxe indicada na solicitude cando se corresponda coa información contida na memoria do proxecto, en caso de haber discrepancias a puntuación será 0. A cantidade solicitada a través da presente convocatoria non se terá en conta á hora de acreditar a porcentaxe de financiamento.

Máximo 15 puntos

a) Ata o 30 % de financiamento acreditado.

5 puntos

b) Do 31 % ao 50 % de financiamento acreditado.

10 puntos

c) Máis do 50 % de financiamento acreditado.

15 puntos

3. Existencia de acordos asinados con axentes de vendas de cine internacionais e/ou compañías de distribución internacional en TV e plataformas. Os acordo previos deberán ter coherencia coa proposta presentada e só se valorarán cando se acredite convenientemente a experiencia previa de axentes e compañías a través do historial profesional ou da empresa.

15 puntos

4. Estratexia de comercialización difusión e márketing. Só se valorarán estratexias elaboradas por profesionais ou empresas especializados (distribuidoras, axencias de márketing, axencias de vendas internacionais) e deberán achegarse acompañadas do correspondente currículo do profesional ou empresa.

Ata 10 puntos que se outorgarán en proporción á concorrencia dos aspectos citados

A valoración dos elementos tidos en consideración para outorgar a puntuación será especialmente motivada no informe da comisión, de xeito que identifique correctamente a puntuación final acadada.

Décimo quinta. Resolución final da convocatoria

1. Unha vez cumprido o disposto nas cláusulas anteriores, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, que elevará á Presidencia da Agadic.

A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do acordo do 24 de xullo do 2012 (DOG nº 164) deberá ditar resolución expresa da selección da fase 2 no prazo máximo de 10 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución será motivada e seralle notificada aos beneficiarios participantes na fase 2 do procedemento ao día seguinte de ser ditada.

2. A resolución da fase 2 da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nos termos establecidos na lexislación contencioso-administrativa.

De acordo co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os sete meses desde a publicación da convocatoria. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Décimo sexta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada. Ademais, a entidade beneficiaria poderá remitir á Agadic o orzamento adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades, a recibida e a solicitada). A devandita documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo sétima. Pagamento e xustificación

1. O pagamento das axudas da fase primeira farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, mediante a achega da correspondente solicitude de pagamento acompañada da declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios, fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo II), e dunha memoria xustificativa que deberá conter:

a) Memoria descritiva das actuacións realizadas.

b) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. O modelo deberá descargarse na páxina web da Agadic www.agadic.gal.

c) Contratos mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

d) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas a conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidos, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

e) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda pública, nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

f) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes, aloxamento e inscrición en foros profesionais.

En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate establecida para executar os traballos de desenvolvemento, é dicir, catro meses contados desde o día seguinte da notificación da selección na primeira fase do procedemento.

2. Por autorización do Consello da Xunta, o beneficiario da axuda concedida ao proxecto seleccionado na fase segunda do procedemento poderá acollerse ás previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

• Percibir o pagamento anticipado do 40 % do importe total, co límite da anualidade 2019, con carácter previo á xustificación e como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, tras resolución motivada de concesión, sempre que se solicite como máximo ata o 15 de setembro de 2019, e logo da presentación da seguinte documentación:

a) Declaración responsable do inicio dos traballos, e do estado de situación do proxecto.

b) Memoria da execución orzamentaria do proxecto, pagamentos efectuados e calendario de pagamentos pendentes.

c) Contratos definitivos subscritos con produtor/a executivo/a, guionista, director/a e responsables de equipo.

d) Acreditación de que o proxecto dispón de como mínimo o 60 % do financiamento total mediante a presentación de:

– Declaración de axudas públicas que figura no anexo II.

– Certificación bancaria sobre a existencia e titularidade dos fondos propios consignados polo beneficiario no plan de financiamento.

– Contratos en firme de coprodución, se é o caso.

– Contratos en firme de adquisición de dereitos de explotación da obra con empresas prestadoras de servizos de comunicación audiovisual, axencias de vendas internacionais e/ou distribuidoras. Os contratos con axencias de vendas e distribuidoras deberán acompañarse dun historial cos títulos comercializados e distribuídos polas empresas contratantes nos últimos tres anos.

– Documentación xustificativa (contratos ou documentos válidos no tráfico mercantil) que acredite outras vías de financiamento dos cales se deriven ingresos destinados a cubrir os custos de produción.

• Nos supostos en que se presentase a documentación exixida para o pagamento da anualidade 2019, poderá pagarse ata o 50 % da anualidade 2020, como anticipado sen xustificación, sempre que se solicite a partir da comunicación de fin de rodaxe, e sempre a partir do 1 de xaneiro de 2020.

• Aqueles beneficiarios que soliciten pagamentos anticipados que excedan a contía de 18.000 euros e non envíen a documentación citada, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

3. O pagamento final da subvención procederá una vez cumpridas as obrigas establecidas na presente resolución, e xustificada de conformidade cos artigos seguintes, sempre a partir do 1 de xaneiro de 2020. A xustificación incompleta ou insuficiente dará lugar á redución do pagamento nas porcentaxes incumpridas.

4. O prazo de xustificación da subvención ao proxecto seleccionado na fase 2 do procedemento rematará o 15 de setembro de 2020. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante á Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. As entidades beneficiarias terán a obriga de xustificar os anticipos concedidos no exercicio en que son aboados, en cumprimento do artigo 60.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. A Agadic está autorizada para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

6. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, e non poderá afectar aspectos avaliados pola comisión.

7. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II). No suposto de que as subvencións recibidas para o proxecto ou o beneficiario excedan os límites fixados na presente convocatoria, os pagamentos reduciranse polo exceso.

Décimo oitava. Obrigas dos beneficiarios. Cláusula especial de revogación

O beneficiario da segunda fase de selección deberá cumprir as seguintes obrigas:

1. O beneficiario deberalle comunicar á Agadic as datas de inicio e finalización da rodaxe ou gravación da produción subvencionada, que deberán estar comprendidas dentro do período subvencionable. Deberá, así mesmo, comunicar a data de estrea da obra audiovisual cunha antelación mínima dun mes.

2. No caso de que a produción sexa unha longametraxe cinematográfica, deberá estar estreada nun mínimo de 30 salas comerciais antes do 20 de decembro de 2020. Se se trata dunha serie deberá ter como mínimo dous capítulos emitidos por televisión ou plataforma antes do 20 de decembro de 2020.

3. Na medida en que a subvención pretende non só o fomento da creatividade audiovisual senón tamén un fin específico de divulgación e difusión da imaxe dos camiños e da Comunidade Autónoma de Galicia, o beneficiario deberá entregar á Agadic o proxecto definitivo da obra antes do inicio da rodaxe. A Agadic poderá intervir se o contido é susceptible de perturbar ou distorsionar gravemente a imaxe de Galicia no exterior ou cando o proxecto se aparte dos parámetros de calidade, localizacións en Galicia, utilización de recursos audiovisuais galegos e viabilidade en canto a financiamento e realización, baixo os que resultou subvencionado. No caso de recomendar cambios, estes serán consensuados coa produtora. Así mesmo, a Agadic reserva para si o dereito de designar un membro do cadro de persoal da axencia para desempeñar funcións semellantes ás de produción delegada. Para tales efectos, terá acceso á documentación das diferentes fases de produción, así como a asistir ás rodaxes e aos procesos de posprodución.

4. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único «Coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia». Así mesmo, en todos os materiais de promoción, distribución e publicidade da obra (carteis, músicas, portadas ou outros materiais) se fará constar que a produción foi subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais. O logotipo da Agadic aparecerá sempre xunto á marca principal da Xunta de Galicia e xunto á imaxe corporativa do Xacobeo.

5. Entregar unha copia do guión definitivo e unha copia en perfecto estado na versión orixinal da película, xunto cunha copia en versión galega no caso de que esta non sexa a lingua de rodaxe orixinal, no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), unidade adscrita á Agadic, como «filmoteca oficialmente recoñecida pola Xunta de Galicia como arquivo fílmico que exerce as funcións de recuperación, investigación e conservación do patrimonio cinematográfico correspondente», no formato e no soporte de máis alta calidade na produción, preferiblemente DCP que cumpra a normativa DCI e non teña KDM (aberto).

A copia depositada en cumprimento desta obriga non poderá ser retirada, nin transferida para o depósito noutras institucións para o cumprimento doutras obrigas de depósito que aquelas puidesen impoñer.

Ademais, será obrigatoria a entrega de dúas copias en DVD, unha delas será entregada no Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto co formato antedito, e outra que se entregará á Agadic xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Para efectos de comprobación do resultado final, o CGAI revisará se as entregas se corresponden coa versión íntegra, orixinal e definitiva da produción. O CGAI emitirá un certificado que acredite o establecido na presente base.

Así mesmo, cando a Agadic o solicite, a produtora estará obrigada a facilitarlle copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, músicas, portadas, tráiler e outros materiais) para actividades promocionais do audiovisual galego e difusión da marca Galicia.

Do mesmo xeito, logo de solicitude por parte da Agadic, a produtora autorizará a proxección da obra rematada en actividades ou accións de carácter non comercial, sen ánimo de lucro, dirixidas a promocionar o Camiño de Santiago e a marca Galicia, sempre que non interfiran cos acordos de distribución e vendas asinados pola produtora.

6. Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos (anexo II).

8. O beneficiario deberá dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Décimo novena. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto. Para os cinco proxectos seleccionados na fase 1 do procedemento, admitiranse os gastos realizados entre a data de presentación da solicitude e a data de remate establecida para executar os traballos, é dicir, catro meses contados desde o día seguinte ao da notificación da selección. No caso do proxecto seleccionado na fase 2 do procedemento, admitiranse os gastos executados desde a presentación da solicitude, sempre que non coincidan cos gastos subvencionables da fase 1, ata a finalización de prazo estipulada na presente convocatoria.

2. Considéranse gastos subvencionables relativos á fase 1 do procedemento os seguintes:

1. Dereitos e asesorías relacionadas co guión ou concepto.

1.1. Adquisición de dereitos de autor.

1.1.1. Obra preexistente.

1.1.2. Obra orixinal.

1.2. Adaptación e diálogos.

1.2.1. Guionistas.

1.2.2. Dialoguista.

1.2.3. Asesor/a de escritura de guión.

1.3. Asesores especialistas.

1.3.1. Márketing.

1.3.2. Produción.

1.3.3. Outros (especificar e xustificar).

1.4. Outros dereitos.

1.4.1. Imaxes de arquivo.

1.4.2. Fotografías e documentación.

1.4.3. Documentos sonoros.

1.4.4. Outros (especificar e xustificar).

1.5. Tradutores (excepto para o español ou galego).

2. Persoal.

2.1. Produción (salarios).

2.1.1. Produción executiva.

2.1.2. Dirección de produción.

2.2. Dirección (salarios).

2.2.1. Dirección da obra.

2.2.3. Outros/as (precisar e xustificar).

2.3. Seguridade Social.

2.3.1. Produción executiva.

2.3.2. Dirección de produción.

2.3.3. Director/a.

2.3.5. Outros/as.

3. Produción en desenvolvemento.

3.1. Materiais de produción e promocionais.

3.1.1. Elaboración de teaser.

3.1.2. Storyboard.

3.1.3. Dosieres.

3.1.4. Outros (especificar e xustificar).

4. Gastos de transporte e aloxamento. Deberá estar plenamente xustificada a relación destes gastos co desenvolvemento do proxecto, tanto no relativo ao seu contido como ao período de execución. Quedan excluídas as participacións en foros en que a Agadic promova delegación de empresas e aquelas polas que se recibisen achegas públicas sobre os mesmos conceptos. Quedan excluídas as axudas de custo.

4.1. Viaxes nacionais.

4.2. Viaxes internacionais.

4.3. Hoteis.

4.4. Acreditacións e inscricións en foros de negocio.

5. Gastos xurídicos e de asesoramento contable.

5.1. Asesoramento xurídico.

5.2. Actos xurídicos.

5.3. Asesoramento contable.

6. Gastos xerais: límite dun 7 % sobre o total dos capítulos 1-5.

7. Imprevistos: límite dun 5 % sobre o total dos capítulos 1-6.

3. Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

d) Custos de persoal propio da empresa superiores ao 15 % do importe do proxecto subvencionable.

4. Considéranse gastos subvencionables relativos á fase 2 do procedemento os efectuados pola empresa produtora, ata a consecución da copia estándar ou máster dixital, mais o derivado de determinados conceptos básicos para a súa realización e promoción idónea, nos termos e cos límites establecidos nas alíneas seguintes:

a) A remuneración do produtor/a executivo/a ata o límite do 5 por cento do importe subvencionable sinalado no proxecto presentado. Ademais, só se recoñecerá como custo a produción executiva realizada por persoas físicas ou por persoas xurídicas cuxo obxecto social inclúa especificamente, sen prexuízo doutros, o de produción executiva.

Cando exista unha relación mercantil entre a empresa produtora e o produtor/a executivo/a, deberá xuntarse o contrato coa correspondente factura e cando a relación sexa laboral, deberá presentarse, xunto co contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social.

Cando o obxecto do contrato do produtor/a executivo/a e/ou doutros traballadores, sexa xenérico para diversas películas que leve a cabo a empresa produtora, ratearase o seu custo en función da súa participación efectiva en cada unha delas.

Cando o persoal do cadro da empresa produtora realice funcións de produtor/a executivo/a sen un contrato específico, a súa remuneración imputarase ao capítulo de gastos xerais coas mesmas condicións de rateo.

b) Os intereses financeiros e gastos de negociación que xeren os préstamos formalizados con entidades financeiras ou de crédito para o financiamento específica da película.

Así mesmo, os xuros e gastos de formalización derivados de préstamos formalizados con intervención de fedatario público, con persoas físicas ou xurídicas non vinculadas coa empresa produtora, sempre que os ditos gastos queden suficientemente acreditados, e que os ditos xuros non superen en máis de dous puntos o índice de referencia do prezo oficial do diñeiro. No caso de que os intereses superen o dito límite, só serán admitidos os que non excedan a dita contía.

En todo caso, o límite dos xuros financeiros e gastos de negociación dos préstamos recoñecibles como custo subvencionable será do 20 por cento do custo subvencionable presentado co proxecto.

Considerarase que existe vinculación nos supostos establecidos no artigo 68.2 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

c) O importe dos gastos xerais, ata o límite do 7 por cento do gasto subvencionable presentado no proxecto.

Deberá imputarse ao capítulo de gastos xerais o gasto relativo ao persoal do cadro da produtora que non teña contrato laboral específico para a película obxecto da subvención. O gasto do persoal de cadro que teña subscrito un contrato laboral específico, conforme a categoría laboral asignada, para a súa participación en varias películas que realice a produtora ratearase en función da súa participación efectiva en cada unha delas, e imputarase ao capítulo de persoal técnico.

Os gastos de locomoción, viaxes e hoteis fóra das datas de inicio e fin de rodaxe imputaranse ao capítulo de gastos xerais, salvo que se trate de gastos de localizacións, gastos de desenvolvemento de proxectos realizados dentro dos seis meses anteriores á data de inicio de rodaxe e gastos de posprodución realizados ata a data máxima de xustificación da subvención, os cales se imputarán ao seu propio capítulo.

d) Os gastos de publicidade e promoción da película, facturados á empresa produtora, ata o límite do 40 por cento do custo subvencionable presentado no proxecto, e sempre que estes non fosen obxecto de subvención para a empresa distribuidora da película. No caso de que os ditos gastos fosen so parcialmente subvencionados, poderán recoñecerse como subvencionable aqueles outros que non fosen obxecto de axuda.

e) Os gastos de adaptación das películas, unha vez terminadas, a soportes ou sistemas necesarios para a súa exhibición ou explotación cinematográfica.

f) Os gastos de dobraxe e/ou subtitulado e/ou tradución para calquera lingua oficial española, así como o gasto de tradución para unha lingua non oficial en España. Ademais, no caso de coproducións con empresas estranxeiras, admitirase o gasto de tradución para a lingua do país ou países coprodutores.

g) O gasto de realización dos soportes materiais necesarios para garantir a preservación da película, incluído o gasto da copia necesaria para o cumprimento da obriga que incumbe os beneficiarios das axudas á produción. Así mesmo, os gastos para a obtención das copias e outros soportes sempre que estean destinados á exhibición en salas e que non fosen obxecto de subvención para a empresa distribuidora da película.

h) Os gastos do informe especial emitido por un auditor de contas, cando sexa este medio o empregado para xustificar a película.

i) Os gastos correspondentes a auga e electricidade producidos en locais ou instalacións directamente vinculados coa rodaxe, dentro deste período, e sempre que a dita vinculación se xustifique mediante a achega dos correspondentes contratos.

Cando os ditos gastos se produzan no domicilio social principal da produtora imputaranse ao capítulo de gastos xerais.

Os gastos de telefonía producidos dentro do período de rodaxe, así como os correspondentes a unha única liña telefónica móbil realizados entre os tres meses anteriores ao inicio da rodaxe e os tres meses posteriores ao seu fin.

j) Os gastos de comidas realizados exclusivamente dentro das datas de inicio e fin da rodaxe.

k) Os gastos de posprodución realizados antes da solicitude de cualificación da película e facturados ata un mes despois da data de cualificación. Para estes efectos, entenderase por tales a montaxe, efectos visuais, música, produción e creación de imaxes sintéticas, posprodución de son, laboratorio, negativo en posprodución e títulos de crédito, así como os gastos de persoal sempre que se acredite a súa vinculación a estes procesos.

A vinculación dos citados gastos coa película acreditarase indicando o seu título na factura.

l) Os gastos relativos a escenografía e decoración facturados ata un mes despois da data de finalización da rodaxe, sempre que sexan gastos vinculados a este, o cal se acreditará mediante a descrición detallada do concepto e mención do título da película na factura correspondente.

m) Aos gastos de viaxes e desprazamentos utilizando vehículo particular, aplicarase a contía establecida para a indemnización deste tipo de gastos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou normativa que o substitúa.

n) A utilización dos equipamentos e do material técnico propiedade da empresa produtora, sempre que se utilizasen para a realización da película e unicamente pola parte proporcional do tempo utilizado nela na cantidade correspondente ao dobre da que en concepto de amortización quede reflectida na contabilidade da empresa, de acordo coa normativa contable que resulte de aplicación.

5. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais. En concreto non serán computados como gasto subvencionable:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as previsións de gastos, excepto os xuros dos préstamos, as valoracións e as capitalizacións.

c) Os gastos superiores a 40.000 euros facturados por cada empresa vinculada á empresa produtora.

Os gastos iguais ou inferiores aos ditos importes facturados por empresas vinculadas serán computados como custo sempre que se realicen de acordo coas condicións normais de mercado, o cal se xustificará mediante a presentación de tres ofertas, salvo que polas especiais características do gasto non exista no mercado suficiente número de entidades que presten o servizo ou subministren o ben de que se trate. En todo caso, a facturación por parte das empresas vinculadas só será computado como gasto subvencionable logo de solicitude por escrito á Agadic e autorización pola súa parte.

Non se poderán fraccionar os gastos correspondentes a unha mesma prestación ou servizo en diferentes facturas, nin realizarse sucesivos contratos con obxectos similares coa finalidade de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento do establecido neste punto.

Considerarase que existe vinculación nos supostos previstos no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Para os efectos do establecido nesta letra, o informe de auditoría que presente a empresa produtora da película xunto coa solicitude de pagamento deberá incluír unha relación detallada de todas as empresas vinculadas a ela.

d) A facturación realizada entre as empresas coprodutoras da película, salvo o disposto no punto seguinte para as coproducións con empresas estranxeiras.

6. Nas películas realizadas en réxime de coprodución con empresas estranxeiras, só se entenderá por importe subvencionable o importe da participación española, de acordo co disposto no artigo 14 do Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cine.

Non obstante, admitirase a facturación realizada pola empresa coprodutora estranxeira correspondente a gastos que fosen facturados por empresas establecidas no seu país que non estean vinculadas á empresa produtora española e sempre que tampouco exista vinculación entre a empresa coprodutora española e a estranxeira.

A achega económica da produtora española nunha coprodución, á cal fai referencia o mencionado artigo 14 do citado Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, xustificarase mediante a documentación acreditativa da transferencia bancaria ou calquera outro sistema de pagamento internacional legalmente recoñecido, efectuada a favor da empresa coprodutora estranxeira, a recepción pola súa parte e unha certificación desta comprensiva dos conceptos en que foi aplicada acompañada das facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil. En ningún caso poderá aplicarse esta achega económica a pagamentos de persoal de nacionalidade do país coprodutor.

7. Só serán computados, para efectos de xustificación, os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinatario a empresa produtora e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola empresa produtora. As facturas e documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberán presentarse facturas ou documentos xustificativos orixinais xunto coa documentación acreditativa do pagamento.

8. De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con outros produtores a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social do produtor co que se pretenda contratar a actividade.

Non se considera subcontratación a contratación de calquera actividade ou servizos de produción con profesionais ou empresas en cuxo obxecto social non se inclúa a produción cinematográfica.

No caso de producións de imaxe real, admitirase a subcontratación de actividades e servizos con produtores co límite máximo do 40 por cento do custo subvencionable da película, sempre que as actividades e servizos sexan subcontratadas con máis dunha empresa e sen que, en ningún caso, poidan incluírse facturas relativas a gastos de persoal.

Non se admitirá a subcontratación de persoal, excepto dos equipos de figuración e especialistas.

Non obstante, no caso de producións de imaxe real integramente españolas rodadas no estranxeiro por exixencias acreditadas do guión, admitirase a subcontratación de actores e actrices, outros artistas e de persoal técnico do país de rodaxe, co límite máximo do 25 por cento do total do persoal integrante da película, e sempre que co persoal restante se manteña o cumprimento dos requisitos de nacionalidade desta exixidos polo artigo 5 da Lei 55/2007, do cine.

Adicionalmente, cando se trate de producións de imaxe real integramente españolas ou de coproducións internacionais coa participación española superior ao 70 por cento, admitirase a subcontratación de servizos de produción en países extracomunitarios que non formen parte da coprodución internacional, co límite máximo do 20 por cento do custo subvencionable da participación española na película.

No caso de producións de animación, admitirase a subcontratación de actividades e servizos con produtores co límite máximo do 50 por cento do total subvencionable .

Adicionalmente, admitirase a subcontratación de persoal, co límite do 20 por cento, cando, por necesidades técnicas debidamente xustificadas, os procesos se realicen no estranxeiro.

Vixésima. Conta xustificativa

1. A conta xustificativa deberá incluír declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. Deberase acreditar, así mesmo, na conta xustificativa o cumprimento de todas as obrigas da base décimo sexta.

2. Con relación ao proxecto subvencionado na fase 2 do procedemento, deberase acreditar o custo final mediante unha conta xustificativa acompañada dun informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. O auditor de contas levará a cabo a revisión do grao de gasto correspondente a traballos efectuados por persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con sede permanente en Galicia, así como a revisión do gasto subvencionable, de acordo co establecido nas presentes bases, e de acordo coas normas de procedemento previstas na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, unha vez estudados os rexistros contables da empresa produtora debidamente dilixenciados.

O devandito informe deberá conter a descrición do alcance do traballo realizado, referencia aos procedementos efectuados ou descrición deste nun anexo, conclusión do auditor indicando que o estado de custos da obra audiovisual se redactou segundo o establecido nesta resolución, nome do auditor, sinatura e data. A análise do custo realizarase por mostraxe e a porcentaxe analizada non poderá ser inferior ao 85 %, sen prexuízo do cal se analizará o 100 % dos gastos de persoal.

Sen prexuízo do anterior, a Agadic, no exercicio das súas facultades de comprobación, e dentro do período que ten a Administración para recoñecer ou liquidar un reintegro de subvencións para cuxa concesión se tivo en conta o custo subvencionable, poderá solicitar a documentación xustificativa ou mesmo unha nova auditoría que efectuará por un auditor designado pola Agadic ao seu cargo. En todo caso, a xustificación inferior ao orzamento tido en conta para a concesión dará lugar a perda do dereito de cobramento da porcentaxe de subvención equivalente á cantidade non xustificada.

3. Na realización do informe de auditoría deberá facerse indicación específica das seguintes cuestións:

a) No que se refire aos custos de persoal, a análise dos conceptos deberá comprender a totalidade dos gastos que deban ser cubertos de conformidade coa lexislación vixente, e comprobarase, en especial:

1º. Contratos laborais formalizados pola empresa produtora cos/coas autores/as, actores e actrices e outros artistas, persoal creativo e demais persoal técnico en que se reflictan os salarios, así como os documentos onde consten as horas extraordinarias e outros conceptos retributivos salariais e extrasalariais, de conformidade coa normativa laboral aplicable, e a retribución que, se é o caso, corresponda, así como as nóminas referentes aos devanditos contratos e os documentos acreditativos da identidade das persoas a que se refiren. As axudas de custo unicamente se recoñecerán como custo de persoal cando sexan incluídas na nómina.

2º. Contratos mercantís formalizados entre a empresa produtora e o persoal autónomo, incluíndo, se é o caso, o/a produtor/a executivo/a, ou aqueles en que se fundamente a participación na película de autores/as, actores e actrices ou outros artistas, así como as facturas relativas a tales contratos.

3º. Contratos relativos á adquisición dos dereitos que sexan necesarios para a realización da película, así como as facturas relativas aos devanditos contratos.

b) Situación relativa ao pagamento de todas as partidas que compoñen o custo subvencionable, con indicación expresa de que os custos que se consideran subvencionables foron efectivamente pagados pola/s empresa/s produtora aos acredores.

c) Situación relativa á presentación da declaración das facturas ante a Facenda pública, nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

d) Coincidencias ou contradicións entre as bases declaradas en materia de impostos e Seguridade Social e as rexistradas contablemente.

e) Liquidación e pagamento de tributos devindicados durante o tempo de rodaxe, detallando o importe bruto das cantidades derivadas dos contratos sobre as que non se efectuaron retencións, así como o motivo de tales circunstancias.

f) Situación relativa ás pólizas de préstamo para a realización da película, con indicación de se os xuros corresponden ao tipo pactado e ao período de vixencia da póliza. Así mesmo, cumprimento dos requisitos establecidos para os préstamos formalizados con persoas físicas ou xurídicas distintas das anteriores.

g) Indicación das subvencións percibidas e das achegas realizadas por calquera Administración, entidade ou empresa de titularidade pública, así como das efectuadas en concepto de coprodutor ou de produtor asociado, ou a través de calquera outra achega financeira, por sociedades prestadoras de servizo de radiodifusión ou emisión televisiva, para o proxecto subvencionado, con indicación expresa do cumprimento dos límites máximos de subvencións.

h) Indicación das partidas facturadas mediante subcontratación por empresas alleas ou vinculadas á empresa produtora da película, con especificación do cumprimento dos requisitos sinalados na base anterior, así como a relación de empresas subcontratistas.

i) Especificación do cumprimento do sinalado na base 18.2, en relación coas partidas non subvencionables.

4. Nos casos en que o beneficiario estea obrigado a auditar as súas contas anuais por un auditor sometido á Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas, a revisión da conta xustificativa levaraa a cabo o mesmo auditor. Noutro caso, a designación de auditor será realizada polo beneficiario. O beneficiario estará obrigado a poñer a disposición do auditor de contas cantos libros, rexistros e documentos lle sexan exixibles en aplicación do disposto na letra f) do artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, así como a conservalos co obxecto das actuacións de comprobación e control previstas na lei.

5. No suposto de que o proxecto o realicen varias empresas coprodutoras españolas, o informe de auditoría abranguerá os custos subvencionables do custo español do proxecto, No caso de que o proxecto conte con coprodución estranxeira, a rendición de custos realizarase mediante os procedementos establecidos polas institucións públicas con competencia na materia dos respectivos países participantes.

6. Ademais do informe de auditoría, o beneficiario entregará:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica abreviada, xustificativa do custo das actividades realizadas, que incluirá unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue conforme un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiaran a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

d) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

7. O beneficiario deberá xustificar o gasto dun mínimo do 110 % do importe da axuda recibida no pagamento de bens ou servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que se exixa un nivel superior ao 70 % do gasto subvencionable da produción.

8. O beneficiario deberá xustificar un mínimo do 10 % da subvención concedida en conceptos derivados da promoción e explotación da obra. O incumprimento do presente requisito suporá a redución da mesma porcentaxe de subvención non xustificada.

9. Así mesmo, antes de cada un dos pagamentos, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas como das pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa resolución do Consello de Contas do 30 de novembro de 1999, na cal se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación de axudas públicas (anexo II).

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Vixésimo primeira. Modificación, incumprimento, reintegros e sancións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos –ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras–, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á súa revogación nos termos establecidos na súa normativa reguladora; en tal caso, a Agadic poderá proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria, ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo segunda. Control

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega de Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file